Páxinas

23 xaneiro, 2009

Ler cos dedos

Nos debates sobre o futuro do libro é frecuente que a defensa do entrañábel libro impreso invoque argumentos de percepción sensorial. O libro –óese- non só se percibe a través da vista: o libro ten aromas, o libro emite sons, o libro ofrece sensacións táctiles...
Eu son dos que gustan de ler cos dedos: gusto de sentir a fortaleza dalgunhas encadernacións, a fraxilidade das páxinas, o xogo de superficies planas, cóncavas e convexas que algúns deles ofrecen ao pasar os dedos polos seus catro cantos, e, sobre todo, a sensación cortante de pasar cada folla deslizando a xema do dedo sobre o seu gume...
Gusto de tratalos con toda delicadeza porque temo mancalos, aínda que ás veces creo que o fago por unha cortesía antiga que lles debo...
Debe ser por iso que, cando vin este vídeo da BNF, lamentei non ter nacido robot “dixitalizador”. Canto me gustaría conseguir tratar (tacto, luz, silencio...) os libros como os tratan estas máquinas!