Páxinas

16 abril, 2012

Encontro con Ignacio Vilar

Aínda cos pousos do Anirmau no padal, temos a oportunidade de seguir co tema do cine. Neste caso, grazas á posibilidade de encontrarnos con Ignacio Vilar, sen dúbida, unha das voces máis cualificadas para falar de cine en Galicia.

Ignacio Vilar (Petín de Valdeorras, 1951) é produtor e director cinematográfico.

Fundador de Vía Láctea Filmes (1991), ademais de diversos documentais rodou, en 2008, a exitosa Pradolongo, a súa primeira longametraxe.

Agora regresa ao mesmo formato con Vilamor.

Sobre como producir e elaborar unha película, falaranos este venres, ás 12.30, no Salón de Actos.

Con el estarán algúns dos actores que participaron en Vilamor. 

[ Adiviña: Que terá que ver a película Vilamor coa novela de Jaureguízar, A cova das vacas mortas]

Encontro con Xosé Neira Vilas

Será o próximo luns (23 de abril), ás 12 no salón de actos do instituto.

Non se sabe quen nos puxo o de "marelateca". Enténdese que nolo puxeron polo nome do Boletín, primeiro, e deste blogue, despois. Sábese (ou debería saberse) que ese nome, A Marela Tarabela, remite á noveliña de Neira Vilas. Ese foi o noso xeito de homenaxealo a el e a Anisia. Por iso nos soa tan ben o de Marelateca. Por iso nos resulta tan especial a visita do luns.

Por iso nos gustou elaborar un monográfico da Marela Tarabela (impresa) sobre Memorias dun neno labrego e por iso nos apetece compartilo convosco en PDF.