Páxinas

30 outubro, 2015

Literiatura [32]: Karlo

[Sleepy Hollow]


de Karlo en Karlohumor.

No blog de Karlo abundan as tiras dedicadas aos superheroes da DC e a Marvel (con algunha intevención de Hellboy). Son unha exquisitez. Entre o 796 e o 870 hai  setenta e cinco consecutivas.

28 outubro, 2015

28-O: Dia mundial da animación 2015. 8 suxestións


Como cada 28 de outubro, o señor Casalderrey proponnos unha selección de curtas de animación do último ano (máis ou menos).

A ver que vos parece.


Tsunami (2015) de Sofie Nørgaard Kampmark. 7 min. Dinamarca. En Vimeo.
 


Amélia & Duarte (2015) de Alice Guimarães &  Mónica Santos . 9 min. Portugal. En Vimeo.


Submarine Sandwich (2014) de PES. 2 min. EUA. Pódese ver  na páxina oficial.






Una sola vida  = A Single Life (2014) de  Joris Oprins, Marieke Blaauw, Job Roggeveen . 2m.  Holanda. Trailer en Vimeo.

.
Zepo (2014) de  César Díaz Meléndez. 3 min. España. Making of en Vimeo.

.


Somewhere Down the Line (2014) de Julien Regnard. 11 m. Irlanda.  Trailer en Vimeo.




The Bigger Picture = Panorama general  (2014) de Daisy Jacobs. 7 min. Reino Unido. Páxina oficial.

16 outubro, 2015

Lecturas de Física e Química

Lecturas propostas polo Departamento de Física e Química para 3º e 4º de ESO


 

14 outubro, 2015

Na guerra non hai rostro de muller: Svetlana Aleksiévich, en galego



O noso compañeiro Perfecto Andrade agasállanos coas primeiras traducións, do ruso ao galego, de Svetlana Aleksiévich, premio Nobel de literatura 2015.

NA GUERRA NON HAI ROSTRO DE MULLER

O ser humano é máis grande que a guerra (do diario do libro)
Escribo un libro sobre a guerra... Eu, esa á que non lle gustaba ler libros de guerra, aínda que na miña nenez e mocidade era a lectura preferida de todos. De todos os meus contemporáneos. E iso non é estraño, eramos os nenos da Vitoria. Os nenos dos vencedores. Que lembro da guerra? A miña tristeza infantil entre palabras incomprendidas e terribles. Sempre nos lembraban a guerra: na escola e na casa, nas vodas e nos bautizos, nas festas e nos cemiterios. Mesmo nas conversacións dos nenos. A guerra e a posguerra seguían sendo o fogar da nosa alma. Todos vivían alí, todo tiña principio naquel terrible mundo, e na nosa familia tamén: o avó ucraíno, o pai de mamá, morreu na fronte, a avoa bielorrusa, a mamá de papá, morreu de tifo cos partisanos, dous dos seus fillos desapareceron sen novas, dos tres que mandou, volveu un... O meu pai... Aínda nenos non coñeciamos un mundo sen guerra, o mundo da guerra era o único coñecido para nós, e os combatentes a única xente coñecida. Mesmo agora non coñezo outro mundo nin outra xente. Pero existiron algunha vez?
Probablemente non se pode calcular cantos libros de guerra hai escritos no mundo. Non hai moito lin nalgures que na terra xa houbera máis de tres mil guerras. Pero libros aínda máis... Non obstante, todo o que sabemos da guerra contáronnolo os homes. Estamos no cativerio das representacións “masculinas” e dos sentimentos “masculinos” da guerra. Das palabras “masculinas”. As mulleres sempre calan, e se de súpeto comezan a falar, entón contan non a súa guerra, senón unha allea. Úrdense baixo unha linguaxe allea para elas. Baixo o inmutable canon masculino. E só na casa ou chorando un pouco no círculo das amigas da fronte, lembran a guerra (nas miñas viaxes xornalísticas nin unha vez as escoitei), pola que se para o corazón. Na alma faise o silencio, xa non é algo afastado e pasado, senón eses saberes e sospeitas sobre o ser humano, que son sempre necesarios. Mesmo no xardín do paraíso. Porque o espírito humano non está tan firme e protexido, sempre hai que apoialo. Buscar a forza algures. Nos relatos de mulleres non hai ou case non hai do que oímos sen fin, e despois, coa presión, non oímos, deixamos de oír: como unha xente matou heroicamente a outra e venceu. Ou perdeu. Os relatos femininos son diferentes e sobre algo diferente. A guerra “feminina” ten as súas cores, os seus olores, a súa iluminación e o seu espazo de sentimentos. As súas palabras. Alí non hai heroes e proezas incribles, alí hai simplemente xente que se ocupa de inhumanas cousas humanas. E alí non só sofren elas (xente!), senón tamén a terra, e os paxaros, as árbores. Todo o mundo terrestre. Sofre sen palabras, o que é aínda máis terrible...
Decontado aparece a pregunta, por que? Por que, defendendo e ocupando o seu lugar nun mundo entón absolutamente masculino, as mulleres non defenderon a súa historia? As súas palabras e os seus sentimentos? Non se creron elas mesmas. Non confiaron. De nós ocúltase todo un mundo. Un illado continente feminino. Pero que nos impide penetrar nel? Chegar e oír? Dunha beira, o muro xordo da oposición masculina, eu chamaríao incluso a tácita conxura masculina, e doutra – a nosa falta de desexo e de curiosidade, que se pode explicar porque ninguén espera alí ningunha apertura. Disque o ser humano vive tanto canto loita e lembra a guerra. Parécenos que sabemos da guerra todo. Pero escoitando as mulleres aldeás e urbanas, sinxelas e intelectuais, as que salvaron os feridos e as que dispararon elas mesmas, podo dicir que non é certo. É un grande erro. Aínda hai unha guerra descoñecida para nós. Eu quero escribir a historia desa guerra... A historia feminina...
Primeiras gravacións... E primeira sorpresa: as profesións militares desas mulleres: instrutora sanitaria, francotiradora, metralladora, comandante de artillería antiaérea, zapadora; e agora son contables, auxiliares de laboratorio, guías, mestras... Contan coma se non fora sobre elas, senón sobre algunhas outras mociñas. Hoxe asómbranse elas mesmas. E nos meus ollos a historia “humanízase”. Paréceme que non falamos da guerra con elas, senón da vida humana. Reflexionamos sobre o ser humano.
Atópanse formidables narradoras, nas súas vidas hai páxinas que mesmo nas novelas do meu querido Dostoievsky non atopas a miúdo. Que se revirara tanto o ser humano, que se vira tan claro desde arriba, desde o ceo, e desde abaixo, desde a terra. As lembranzas, iso non é unha apaixonada ou desapaixonada transmisión dunha realidade que aconteceu e desapareceu, senón un novo nacemento do pasado. Iso é creación. Narrando, a xente crea, “escribe” a súa vida. Ocorre que escriben algo máis e que volven escribir. Entón hai que estar alerta. Máis sinceramente, como logrei notar, compórtase a xente sinxela (enfermeiras, cociñeiras, lavandeiras...). Elas, cómo determinar máis precisamente, sacan as palabras de si, e non dos xornais e dos libros lidos. Da cultura. Só dos seus propios sufrimentos. Os sentimentos e a linguaxe da xente culta, como non é de estrañar, a miúdo están suxeitos á elaboración polo tempo. Ao seu cifrado xeral. Contaxiados por coñecementos alleos. A miúdo hai que andar moito, con diferentes círculos, para oír un relato sobre a guerra “feminina”, e non sobre a “masculina”: cómo retrocederon, atacaron, en que parte da fronte... Necesítase non un encontro, senón moitas sesións. Como para o perseverante retratista. Sento durante moito tempo nunha casa descoñecida, ás veces o día enteiro. Bebemos té, probamos blusas compradas hai pouco, enxuizamos peiteados e receitas culinarias. Observamos xuntas fotografías dos netos. E velaí entón... A través dalgún tempo, nunca sabes, canto e por que, de súpeto aparece ese momento, longo tempo esperado, cando o ser humano sae do canon –de xeso e formigón armado– coma os nosos monumentos, e vai cara a si mesmo. Dentro de si. Comeza a recordar non a guerra, senón a súa mocidade. Un anaco da súa vida... Hai que atrapar ese momento. Non deixalo escapar. Pero a miúdo tras un longo día, cheo de palabras e feitos, queda na memoria só unha frase (pero que frase!): “Fun tan pequena á fronte, que despois da guerra aínda dei o estirón”. Apúntoa no libro de notas, aínda que no magnetófono correron decenas de metros. Catro ou cinco casetes...
Que me axuda? Axúdame que estamos afeitas a vivir xuntas. Conxuntamente. Xente conciliar. Temos todo en común –tanto a felicidade como as bágoas-. Sabemos sufrir e contar sobre o sufrimento. Para nós a dor é unha arte. Teño que recoñecelo, as mulleres van afoutadas por ese camiño...
Como me reciben?
Chámanme: “mociña”, “filliña”, “neniña”, probablemente, se eu fora da súa xeración, portaríanse comigo de xeito distinto. Máis estritas e máis calmas. Sen a ledicia que regala a miúdo o encontro da xuventude e da vellez. Fin e principio. Eu, moza; elas, vellas. Explícanme coma a unha nena. Hai moito tempo que notei que con quen mellor falamos é cos nenos, alí procuramos novas palabras, porque cómo atravesar doutro xeito a fronteira para un mundo que xa non nos é accesible. A miúdo vexo como as mulleres sentan e se escoitan a si mesmas. O son da súa alma. Confróntano coas palabras. Na vellez o ser humano comprende que velaí foi a vida, e agora cómpre resignarse e prepararse para a saída. Non se quere e é mágoa desaparecer simplemente así. Neglixentemente. En marcha. E cando mira atrás, nel existe o desexo non só de contar, senón de chegar ata o segredo da vida. Responderse a si mesmo a pregunta: para que foi todo iso? Mira todo cun ollar apesarado de despedida... Xa non ten para que enganar nin enganarse. Nin ganas, xa non ten tempo para xogos. Todo é definitivo e preto do misterio. Do derradeiro misterio.
A guerra é unha vivencia demasiado íntima. E tan ilimitada coma a vida humana...
Unha vez unha muller (aviadora) rexeitou entrevistarse comigo. Explicou por teléfono: “Non podo. Non quero recordar. Tres anos na guerra... E tres anos non fun muller. O meu organismo esmoreceu. Non tiña menstruación, desexos de muller. E eu era linda... Cando o meu futuro esposo me fixo a proposición, pero iso xa foi en Berlín. Onda o Reichstag. Dixo: “A guerra rematou. Estamos vivos. Casa comigo”. Eu quería botarme a chorar. A berrar. Bater nel! Como casar? Agora, casar? Mírame, que son? Primeiro fai de min unha muller: regálame flores, galantea, dime palabras bonitas. Quéroo tanto! Case bato nel... Quería baterlle... Pero el tiña a fazula ardendo, violeta, e vin que comprendera todo, caíanlle as bágoas pola fazula. Polas cicatrices aínda frescas... E non cría o que dicía: “Si, casarei contigo”. Pero contar non podo... Non teño forzas para volver alí... Habería que volver a vivir todo iso...”
Comprendina. Pero iso tamén é unha ou media paxiniña do libro que escribo. Textos, textos. Por todos lados textos. En pisos e en casas de campo, na rúa e no café... Escoito... Cada vez máis convértome nun gran oído, cada tempo volvo a outro ser humano. “Leo” a voz...


DERRADEIRAS TESTEMUÑAS

(cen relatos non infantís)

... Ardeu toda a rúa. Arderon avós e avoas, e moitos nenos pequenos, porque non fuxiron xunto con todos, pensaron que a eles non os tocarían. Andas – xace un cadáver ennegrecido, significa que ardeu unha persoa vella. E distingues ao lonxe algo pequeno, rosado, significa un neno. Xacían rosados nos recunchos...

RAPACES DE CINC

... Para a xente na guerra na morte non hai misterio. Matar é simplemente premer o gancho do disparador. Ensináronnos: fica vivo o que dispara primeiro. Tal é a lei da guerra. “Aquí tedes que saber dúas cousas: andar rápido e disparar preciso. Pensar pensarei eu”, -dicía o comandante. Disparabamos onde nos mandaban. Fun habituado a disparar onde me mandaban. Disparaba, non me apiadaba de ninguén. Podía matar a un neno. Porque alí connosco loitaban todos: homes, mulleres, vellos, nenos. Vai unha columna por unha aldea. No primeiro coche apágase o motor. O condutor sae, levanta a capota... Un rapaz, duns dez anos, un coitelo nas costas... Alí onde está o corazón. O soldado xacía no motor... Do rapaz fixeron un cribo... Nese intre dá a orde de converter a aldea en po... Cada un intentaba sobrevivir. Nunca había tempo para pensar. Nós tiñamos entre dezaoito e vinte anos. Á morte allea eu estaba habituado, pero temía a miña. Vin como dun ser humano nun segundo non fica ren, coma se nunca existira. E no cadaleito baleiro mandaban á patria un uniforme de gala.  Botan terra allea para que haxa o peso necesario... Quería vivir... Nunca  quixera vivir tanto como alí. Volvemos da loita, rimos. Nunca rin tanto como alí...

PREGARIA DE CHERNOBYL. CRÓNICA DO FUTURO

... Pensei, por que calan sobre Chernobyl, pouco escriben os nosos escritores, seguen escribindo sobre a guerra, os campos de concentración, e aquí calan? Pensades que é casualidade? Se venceramos Chernobyl, falarían e escribirían máis sobre el. Ou se o entendésemos. Non sabemos como procurar o sentido dese horror. Non somos capaces. Así como non se pode medir nin coa nosa experiencia humana, nin co noso tempo humano...
Así que, que é mellor: lembrar ou esquecer?

Perfecto Andrade é un exprerimentado tradutor desde o francés e o ruso. A ATG ofrécenos algunhas traducións súas. Entre outras, tamén podedes ler A gaivota. Tío Vania ou As aventuras de Uliana Karaváeva.

08 outubro, 2015

III concurso literario "Mª Vitoria Taboada"


O Instituto Ramón Mª Aller Ulloa convoca o III Concurso literario Mª Vitoria Taboada de poesía, relato curto e  skecht teatral, dirixido ao alumnado de secundaria dos centros dezaos.

Aquí podedes consultar as bases:

05 outubro, 2015

Oito mil imaxes da lúa

Malia faltaren catro meses para o 50º cabodano de Don Ramón Aller, xa imos tecendo no tema.

A nova que acabamos de ver acáenos moi ben: A NASA difunde máis de oito mil imaxes das misións do proxecto Apolo.
 
Fonte

Podédelas ver na conta de Flickr do Project Apollo Archive.

Por certo, que a ver se nos van devolvendo a nosa tenza ou, no seu defecto, outra  máis grande...