29 abril, 2016

Relato curto: Primeiro premio no III Concurso literario Mª Vitoria Taboada

Ana García Lois



Pandora


Abro os ollos, xa canso de telos pechados. Un fermoso conxunto de árbores, abanicadas polo vento, forman unha espectacular e incrible chuvia de fallas ao meu redor. O meu cabalo atópase ao meu costado, pacendo, mentres eu descanso sentado enriba dunha pedra. As vistas que teño ante min para calquera son fermosas. Alzo a vista cara ao ceo, ande se atopan as nosas tres lúas perfectamente colocadas: polo horizonte saíndo, atópase Galus; Cretus sobre min e Leus máis cara ao oeste. Achégome ata o meu cabalo, collo o meu mapa e o meu compás. Calculo as miñas opcións e o tempo estimado que tardarei. Coñezo o bosque coma a palma da miña man e podo asegurar cal é o camiño máis curto, pero coma sempre hai un problema e é que ao estar en desuso é bastante perigoso. Monto no cabalo decididamente e encamíñome cara ao bosque. O chan parece un cadro pintado a base de azuis e laranxas. Despois dun bo tempo diviso, ao lonxe, o gran carballo. Alí hai unha encrucillada con dous camiños, os que escollería sabendo que son seguros. Fago que o cabalo rodee o carballo e móstrase ante min un camiño todo descoidado e non moi visible a simple vista. O cabalo comeza a galopar coma se non houbese un mañá. Fíxome moi ben no camiño xa que está cheo de maleza e pode haber algunha rama coa que tropezar. Recordo que ao chegar a unha árbore con forma de lúa minguante tes que xirar á dereita e seguir recto ata chegar a ver dúas peculiares árbores con follas rosas. Pouco despois, tes que atopar un río e ao cruzalo o camiño faise máis visible de maneira que perderse é complicado. Ao saír da espesura do bosque, a paisaxe cambia drasticamente cun mar de tons amarelos coa miña aldea de fondo. Os campos están bañados por unha néboa de po tan característico deste lugar, colocado polas fadas das colmeas. Achégome a el. O carro de Martín segue aí, coma sempre. Está Claudia dirixíndose cara á súa casa, Peter arranxando o seu tellado e os rapaces xogando na praza da aldea. Entón dirixo a miña mirada cara a Pandora, que está como a recordo. Diviso unha liña de fume no horizonte e bérrolles aos veciños que se agachen ou marchen xa que nos veñen atacar. Os que me coñecen ben, saben que falo moi en serio e reaccionan, pero os outros tómanme coma un tolo xa que nunca nos atacaran antes. Pandora mírame sen comprender nada e ordénolle que colla as súas pertenzas máis prezadas, pero antes abrázame. De repente, presencio o que non presenciara xamais, como as árbores arden, alá ao lonxe, creando un camiño de lume arrepiante que ofrece a entrada a calquera intruso. A cara do pobo inunda a aldea de tristura, medo, pánico e espanto querendo crer que todo é un mal soño. Os berros e choros non tardan en facer presenza. Os invasores achéganse coma un sopro de aire en busca de conquista e poder. Cando me dou conta, ollo como na mirada de Pandora algo quebra. Pequenas bágoas caen pola súa cara. Achégome a ela coa súa mirada posta en min. Acaríciolle as meixelas limpándoa e doulle un bico na fronte. Pídolle que monte no meu cabalo. Ao ver que non subo, pregúntame con esa doce voz o porqué. Insístolle para que vaia ela soa sen darlle explicacións. Ela estupefacta, négase. Sinto que nos vixían e observo a Icon nunha esquina observando todo detalladamente coma se soubese que todo iso ía ocorrer. Diríxome ata el rogándolle que se leve a Pandora consigo. Tras un rato asente e sen mediar palabra, monta no cabalo. Ela ao decatarse do que acontece, ponse a forcexar. Dígolle que non se preocupe e, non moi convencida, decide parar e marchan. Por sorte fano a tempo xa que eses asasinos acaban de chegar traendo consigo a traxedia. A escena cambia pasando de estar nun ambiente feliz e cotián, a un escenario cheo de mortes, violacións e secuestros. Saco a miña espada e comezo a loitar coma outros poucos. Mato a un soldado sen que me vexa; o que alerta os demais. Por milagre acabo con outros cantos e, observando entre a xente, diviso unha espada azul. Ese é o meu home. Diríxome ata el e propínolle un golpe que esquiva. Entre golpe e golpe consigo tiralo e matalo. Mentres estou acabando coa súa vida caio ao chan cunha forte e aguda dor no abdome, e logro ver escasamente como a espada dun deles me atravesa. Tirado no chan, co sangue saíndo do meu interior, atrévome a sorrir sabendo que conseguín o meu propósito.

Esperto sobresaltado e suando polo soño que acabo de vivir. Aínda así, atópome feliz. Case se me esquece presentarme. Chámome Phil Bergensen e son un humilde campesiño que naceu nun lugar no medio do bosque Arvenas. Xa hai dous anos do saqueo do meu fogar. A miña querida muller, Pandora, morreu no saqueo. Eu estaba en dirección a outro lugar para comerciar cando todo aconteceu. Cando logrei chegar, atopei ese paraíso meu totalmente escuro. Fun en busca da miña muller e encontreina morta e atravesada cruelmente por unha espada azul. Dende entón teño sempre o mesmo soño que comeza no bosque camiño do outro lugar ata que ese canalla Ile dá unha inxusta morte. Hoxe atrevinme a facer algo evadindo o meu terrible medo a volvela ver e fixen algo para salvala, e aínda que non sexa real, fareino as veces que fagan falta.

 Parabéns, Ana

Poesía: Primeiro premio no III Concurso literario Mª Vitoria Taboada

David Cabaleiro Otero




PRECISO UN COMEZO

Quero vivir nun mundo finxido.
Crear, rompendo e moldeando
as criaturas nunha paisaxe
con horizontes de cores pastel.
Luminosidade e texturas
móvense entre as xemas dos dedos,
facéndome cóxegas
mentres desprendo emoción imposible.
Soamente con este pincel,
sei que será suficiente para encher
todo o perigoso baleiro
dunha folla en branco.
Non quero, atérrame pensar
nunha historia tan escura,
nos monstros que devoran as cores
deixándome tan só e espido.
Síntome esvarar na humidade,
que afoga como un día nubrado,
con toda a tarde por diante
para saltar ao outro lado.
Lévame, guíame polo mapa
que conduce ao tesouro.
Eu intentarei seguir adiante,
mais as promesas adoitan perderse...
Posúeme, faime ver e sentir
todo o necesario
para seducir co meu talento
a aqueles que o ansían de verdade.
Preciso atopalo, sei que está vivo.
Apresúrate en chegar ao cumio
ou a neve desembocará nun rebumbio
que te arrastre de novo ao comezo.
Comezo trazando a primeira liña
nun prólogo tan murcho e difuso
que ameaza con quedar
no simple esquecemento.
Buscarei a realidade, a mentira
oculta nos poros deste cadro.
Seguirei voando, e ao caer
dareime por fin de conta.
Arte, serei capaz de comprendela?
Sempre con tanto misterio,
non é máis ca unha ponte
fundida na boca dun soño.
Espertarei algún día
e toda a maxia desaparecerá:
a auga do río afogará os paxaros,
o sol queimará o universo enteiro...
E así todo o esforzo
quedará sen recompensa;
e así morrerá sen chegar a ser
un verdadeiro poema.

TRANSICIÓN E INFORTUNIO

Unha cantiga de esperanza
no medio de tanta escuridade
resoará levada polos fíos de vento
que varren os restos da antiga paisaxe.
Soamente quedan restos,
iso é o que somos, ánimas de po,
despois de tanto sufrimento
e despois de tantos anos.
Caos que impulsa o reloxo,
non queres existir sen motivo,
sen algo ao que corromper
desde as raíces máis profundas.
Pero esa melodía que realza
o último alento dun supervivente
ficará no seu insigne altar
tentando axitar todo o perdido.
Coa súa capa branca,
heroe sen sangue nas mans,
respirando o aire que arroupa a morte
e cargando todos os seus crimes.
Alimentámonos das nosas propias
almas, sentimentos, imperfeccións...
e de todo o que algunha vez
nos fixo humanos.
Mágoa que xa ninguén a escoite,
esquecida entre todo ese ruído
que cega e que enxordece
oculto tras o fulgor do ferro.
Perfecto final finxido
para un novo comezo.


Á ESPERA DUN PUNTO FINAL

Perdido na noite,
atrapado na escuridade
e chegada a miña hora,
eu sabía que pronto ela
estaría fronte aos
meus ollos,
atravesándome coa baleira
e xélida mirada
dos seus.
Xa podía escoitar os seu pasos
aproximándose lentamente,
por un camiño ermo,
eido das sementes do caos;
pero non estaba soa,
escoltada polos berros agónicos
dos meus antecesores:
agora era a miña quenda.
Aquelas voces
tornaban máis fortes,
aqueles chíos negros
momento a momento,
entre cada espazo eterno
dunha posición das agullas
á seguinte.
Pero eu non choraba,
non o lograba
pese a todos os meus intentos,
consciente da virtude,
debo confesarme,
e dunha vida plena.
Hei de ser breve,
xa contemplo a súa expresión escura,
as súas fráxiles extremidades
suxeitando a arma afiada
coa que despoxarme de todo.
Ficou sen moverse,
parecía aterrada, arrepentida
do pecado que ía cometer
corrompida pola gula.
Pero non había alternativa,
e o fío da gadaña
sentín no meu costado.
Foi unha sensación estraña,
e por un intre sentinme liberado.
Foi a derradeira.
 Parabéns, David

Relato curto: Accésit no III Concurso literario Mª Vitoria Taboada

 Rubén Campelo Camarero

A voz

Daniel espertou sobresaltado cando o único que se escoitaba na noite era a choiva petando nos cristais. Mirou ao seu arredor, adormecido, intentando lembrar o que acontecera no seu pesadelo. Cando conseguiu abrir os ollos, deuse conta de que, por debaixo da porta, entraba unha feble luz. Odiaba pasar as noites só naquela casa na que ruídos e gotas se acumulaban. Incorporouse lentamente para descubrir de onde proviña aquela luz que se filtraba temerosa na súa habitación. Abrindo a porta, pronto localizou a súa procedencia, a luz da cociña estaba prendida e deuse de conta de que xa non se escoitaba o son da choiva, só as queixas do vello chan de madeira a cada paso que daba. Volvendo á habitación, cun peso insoportable nas súas pálpebras, deitouse na cama e volveu durmir.
Cando espertou de novo, non sabería dicir se pasaran horas, minutos, ou escasos segundos. O que si que sabía era que escoitara o seu nome, unha voz feminina acabábao de chamar. Daniel comezou a pensar que iso era imposible, que estaba só na casa, intentando convencerse de que todo fora un soño, pero nese mesmo instante volveuno escoitar, un rumor, case inaudible, que o volvía dicir, volvía dicir o seu nome. Todo intento de que seguía sendo un soño esvaeceuse e acendeu a luz vendo que todo estaba en orde.
Pegou as súa costas á parede o máximo que puido, intentando atopar a seguridade que precisaba naquel momento. De novo volveuno escoitar, o seu nome, esta vez dende máis cerca, imaxinando quen estaría detrás daquela voz melodiosa, case anxelical que o atraía coma se fose un imán. Daniel, sumido nos seus pensamentos, esqueceu o perigo que podía levar a presenza daquela voz na súa casa, iso era algo que para el xa non tiña importancia. Desexaba coñecer a dona daquela voz que facía que se perdera no máis profundo dos seus pensamentos. 
Agora xa detrás da porta volveu soar, a voz volveu dicir o seu nome, invitándoo a que a acompañara, e tras isto abriuse a porta, moi amodo, deixando que pouco a pouco a luz da habitación enchese todo o corredor. Daniel, con sentimentos moi contraditorios, viu como se abría a porta, e como, tras ela, aparecía esa figura que tanto desexaba coñecer e que agora o invitaba a irse con ela, repetíndolle que a seguira. 
Daniel cando viu aquela figura, volveu pensar que aínda estaba soñando, porque era a muller máis bonita que vira nunca. Tiña o cabelo negro como unha noite de lúa nova, que percorrendo a súa cara resaltaba a súa pel branca. Os seus brillantes ollos eran azuis, dun azul tan profundo coma os océanos, uns ollos nos que afogabas antes de somerxerte neles. A súa boca tan desexable coma unha gota de auga no deserto. Así foi Daniel percorrendo o seu corpo coa mirada pouco a pouco, dándose conta de que un soño non podía ser tan perfecto como a muller que estaba mirando, escoitando a súa voz, que o volvía invitar a seguila.
Daniel non tivo tempo para pensalo, e cando se deu conta estaba baixando as escaleiras que daban á rúa. Non podía parar de pensar naqueles ollos que o levaban a outro mundo, ou para el, probablemente ao ceo. Aquela voz falándolle mentres pisaban os charcos que deixara a choiva aquela noite e que agora dera paso a unha néboa espesa, na que Daniel só buscaba achegarse a aquela figura que o sacara da casa a altas horas da noite, noite tan escura coma os cabelos da rapaza. 
Daniel deambulou unha eternidade que lle pareceu efémera perseguindo aquela voz, que cada vez o envolvía máis e máis, como a néboa que o rodeaba. Finalmente a voz calou, e entón Daniel deuse conta de onde estaba. Unha pequena lagoa en medio de ningures onde unha rapaza de doce anos morrera afogada cando el aínda era novo. Era un sitio tenebroso, descoidada dende había moitos anos, pero que co sorriso daquela muller se convertía no lugar máis bonito do universo. 
De novo soou aquela voz, que xa non escoitaba, senón que sentía na súa cabeza, sabendo que xa non podía liberarse dela, pero el sabía que non quería liberarse. Entón a muller saltou e Daniel seguiuna, co único desexo de non separarse dela xamais, e así Daniel afogou nos ollos da rapaza, que aínda despois de morto o facían sentir vivo.


Parabéns, Rubén.

Poesía: Accésit no III Concurso literario Mª Vitoria Taboada

Nerea Álvarez González





                Contemplei-te

Fitei-te

na procura dos teus Ollos
   -miles de ollos-
de escuma vigorosa

Observei-te
para posuírte,
                          Mar Poderoso
para recordarte,
                          ausente.

Mirei-te
Cando agreste procurabas as rochas
facendo túa a paisaxe,
devecendo converter en Dozura
       o vento norteño
       o xélido faro impenitente.

Desexei-te
lambendo o teu ollar furioso
a túa forza indómita
nunca dominada polo home impaciente.

Terei-te
                           Océano inmóbil,
no meu penar diario,
na miña rutina cansa de
non verte.
      
Reterei-te
na memoria dos séculos
testemuña de covardías e feitizos
cómplice de errantes pensamentos.

Serás por sempre meu
                                                         Mar Inexistente

dobregado, por fin, polo meu espírito xacente


Misteriosa soidade
               de desespero


                                                       Aquela lámpada
                          escintilante
                                    devora as tebras.

                                    Remorsos contemporáneos,
                     extraviados.

Desexos esgrevios

Amores pasaxeiros

Xorden inquedas
   estrelas sen brillo

Coruscan eternamente
      farois troleiros,
                  fanfarruñeiros.




Soños incontestados
        que se perden
       

Erros nefandos
        de alguén
        que soñou

                                                  Xa non hai Amor

Invento decapitado
        de alguén
        que medrou
                                                                                                                                                                                                       Amor

Reparos ditosos
        dun salaio
        dunha bágoa
        dunha area

                                                         AMOR

Inexistencia pacífica
        de alguén
        que mirou

Silencio profundo,
        esgazadura e
                  dor

Voces confusas

Miradas erradas

Sentimentos inconfesables
        de alguén
        que amou

                                                       Amor?

Voces,
paixóns,
e,
        unha faísca,
        unha herba,
        un recordo
                 no horizonte
                 que sospeita:

                                                       XA NON HAI AMOR.  
Parabéns, Nerea