Páxinas

28 febreiro, 2020

Adela Otero e a Cantiga da montaña en lingua de signos

Coa nosa xente

Sempre nos aquela ver o progreso profesional do que foi alumnado de noso.



Vídeo da Cantiga da montaña de Xabier Díaz e Adufeiras de Salitre en lingua de signos con dirección, produción e montaxe de Adela Otero.

XII Olimpíada do Saber: Clasificación semanal

No ecuador da competición observamos unha pequena vantaxe de Smud con respecto a Monomio e BMBN. Agardamos unha última semana de competición moi axustada. A ver...

24 febreiro, 2020

Día de Rosalía

Celebramos o Día de Rosalía lembrando, unha vez máis, o "Nós cantar cantamos", escolla poética de trinta e seis poemas de trinta e seis mulleres, ilustrados no seu momento por alumnado de Artes de 2º de Bacharelato, como ramo ao ano de Rosalía (2013). 

Unha recomendación: a lectura do artigo "Tres Rosalías" de Pepe Barro en Nós Diario.



22 febreiro, 2020

Encontro co Entroido Ribeirao e con David Vázquez. Gañadoras do Concurso de carautas

O xoves 20, tivo lugar no instituto un Encontro co Entroido Ribeirao (un dos mellor conservados de Galicia) que engaiolou totalmente o alumnado.


Así mesmo, tamén tivo lugar un Encontro co director e etnógrafo David Vázquez quen nos proxectou as arquipremiadas curtametraxes As almas de Fental e O Moredo de David Vázquez, curtas que non deixaron indiferentes a ninguén ao ver a traumática perda demográfica do mundo rural (a aldea baleira) que leva consigo a liquidación da cultura rural, así como a recuperación do Entroido Ribeirao.
Ambas as actividades complementares foron seguidas dun máis que interesante coloquio.
A seguir unha mostra gráfica do Encontro co Entroido Ribeirao e co director e etnógrafo David Vázquez.


















Asemade, no marco dos Encontros, déronse a coñecer as alumnas premiadas no Concurso de deseño de Carautas de Entroido, organizado polo Departamento de Deseño:

Arriba, as tres gañadoras Niyireth Tatiana Bohórquez Valencia (gañadora no 1º ciclo de ESO), Alicia Fernández García (gañadora do 2º ciclo de ESO) e Iria Donsión Fernández (gañadora no nivel de Bacharelato). 
Como podemos ver a continuación, os premios fórenlles entregados por un Maragato e un Volante do Entroido Ribeirao:



17 febreiro, 2020

Concurso de carautas: Entroido 2020

Seguindo coa celebración do Entroido, animámosvos a participar na elección dos mellores deseños de carautas de Entroido e para iso tedes que votar online a través da web do centro.
A seguir unha reportaxe gráfica da exposición das carautas do concurso, con fondos documentais da Biblioteca sobre o Entroido, así como de fotos do Entroido Ribeirao, que o próximo día 20 vai estar connosco:













XII Olimpíada do saber: Clasificación

Ao cabo da primeira semana de competición observamos unha axustada clasificación, mais cunha pequena vantaxe para Smud, equipo este xa con experiencia na Olimpíada do saber; iso si, en aparencia con dous abandonos.
Sen dúbida que a expectación medrará co paso dos días.


13 febreiro, 2020

Encontro con... Entroido Ribeirao e David Vázquez

O xoves, 20 de febreiro, achegarémonos ao coñecemento dos entroidos tradicionais galegos, da man de Volantes do Entroido Ribeirao que nos amosarán as peculariedades do mesmo.
Asemade asistiremos á proxección dos documentais As almas do Fental (sobre a problemática demográfica da zona do Entroido Ribeirao) e O Moredo (sobre a tradición deste Entroido chantadino), ambos de David Vázquez.



Podedes consultar as actividades programadas no seguinte tríptico:

10 febreiro, 2020

Lalin's Curse. Manga truco!

En praza.gal batemos coa seguinte información: "Estamos afeitas a que as historias de banda deseñada teñan lugar nas grandes cidades (Nova York, Metrópole, Gotham, Toquio...), semella que alí todo é posíbel e calquera cousa pode pasar. Pero non pensa o mesmo Isabel Terol, de alcume Isakytm, finalista do Webtoon Contest 2018, que escolleu Lalín como escenario do seu webcomic de estilo manga..."
O feito non deixa de nos sorprender e, sobre todo, cando a autora recoñece que o IES Aller Ulloa lle serviu de perfecto escenario, malia se queixar de carecer de fotos do seu interior. Aspecto este que estamos dispostos a emendar. Con todo, vemos nunha viñeta do Episodio 12 perfectamente retratada a entrada ao instituto:



O seguinte vídeo móstranos o Episodio 1:

08 febreiro, 2020

XII Olimpíada do saber: os equipos

O luns 10 ponse en marcha a competición da que semanalmente vos informaremos.

Once son os equipos participantes. Ánimo e sobre todo moita deportividade.


06 febreiro, 2020

Encontro con... Héctor Cajaraville

De novo contaremos coa presenza de Héctor Cajaraville para nos falar do seu libro O segredo da casa de Formoso e, en xeral, da súa obra literaria.

Lembrade que tedes á vosa disposición a Guía de lectura d'O segredo da casa de Formoso e que podedes descargala en PDF

A seguir unha pequena mostra fotográfica do Encontro con Héctor Cajaraville:



03 febreiro, 2020

Sebas Anxo: o reencontro

Reportaxe gráfica do reencontro de Sebas co alumnado do Bacharelato de Artes, no marco da Exposición-homenaxe a Sebas Anxo: