Páxinas

28 decembro, 2020

"Nós", palabra do 2020

O emblemático pronome persoal tónico NÓS vén de ser escollido como palabra de noso do ano 2020, sen dúbida toda unha homenaxe á Xeración Nós que cumpre o seu centenario.

Alén diso, "Nós" ten unha dimensión que vai máis alá da relación xeracional ou grupal, pois "Nós" é a cabeceira da revista que lle dá nome á xeración, é tamén o nome da editorial fundada por Ánxel Casal, é o título dun álbum de debuxos de Castelao, é así mesmo cabeceira de xornais, é "Nós" somos nós...

Para máis información preme na imaxe :


 

23 decembro, 2020

Cova prehistórica no IES Aller Ulloa

Dirixido pola profesora Alba Payo Froiz, o alumnado de 1º da ESO A, B e D levou a cabo una inmersión no mundo da prehistoria a través da seguinte actividade:

- Mans en positivo / Mans en negativo: impregnando as palmas das mans nas paredes dunha cova prehistórica virtual.

A seguir a reportaxe gráfica do evento (faltan as mans de 1º da ESO A, en proceso de secado, verémolas á volta das vacacións de Nadal):




 Velaquí as mans de 1º da ESO A:



21 decembro, 2020

Postais de Nadal. Os premios

Hoxe tivo lugar no recibidor do instituto, tendo como fondo as postais participantes, o acto de entrega de premios ao gañador, Samuel Portas Rocha, e ás tres finalistas do Concurso de Postais de Nadal 2020, Rebeca, Cora e Miriam.

Para a ocasión contamos coa colaboración da compañeira Pilar, que se prestou a entregar os premios realizando desta maneira o seu derradeiro acto institucional como profesional da docencia, pois xubílase o 31 de decembro. 

Moitos parabéns ás persoas gañadoras, así como á totalidade de participantes.

A seguir unhas fotos de evento:

Samuel, Rebeca, Cora e Miriam cos seus premios

Pilar entregándolle o premio ao gañador, Samuel

Pilar con Rebeca

Pilar con Cora

Pilar con Miriam


18 decembro, 2020

Postais de Nadal: as premiadas

Xa temos postal para a felicitación institucional do Nadal. A elixida representa cun certo toque de humor o momento, así o considerou Samuel Portas Rocha, o seu autor, e así o premiou o xurado do concurso de postais.


Samuel coa súa postal


Así mesmo, o xurado considerou tres accésits para os deseños de Rebeca Ojea de Pinho, Cora Pereira Seda e Miriam Rodríguez Seijas:

Postal de Rebeca

Postal de Cora

Postal de Miriam


 

15 decembro, 2020

Mención en Galiciencia

 

Como diciamos na entrada do 9 deste mes, catro grupos de alumnos do centro participaron nesta edición en liña de Galiciencia.

Pois ben: hoxe á mañá recibimos a boa nova de que un deles foi merecedor dunha Mención. O proxecto "Teiki - Aplicación de pedidos para cafeterías escolares" acadou a "Mejor valoración popular"

A Andrea Estefanía Solís e Laura Cancela Castro (na foto), e ao seu titor Antonio Javier Lozano Formoso, os nosos parabéns. 

Premendo aquí podedes ler a nova no Faro de Vigo.

Ademais en La Voz de Galicia podedes ler a entrevista reportaxe que lle realizaron.

A seguir tedes o vídeo de presentación do proxecto:



11 decembro, 2020

R. 25.500

Comprácenos celebrar o Rexistro 25.500 co nº 1 dos Cadernos FICBUEU de Severiano Casalderrey, profesor de Música no noso IES, que nos achega unha análise, polo miúdo, d'A "Nouvelle vague" a través das súas curtametraxes (1956-65).

Preme na imaxe para saber máis.


Moitos parabéns, Seve.

09 decembro, 2020

Galiciencia en liña

Por medio destas ligazóns podedes atopar toda a información sobre os mesmos e dar a vosa opinión mediante unha sinxela valoración.

Aquí tedes os vídeos de presentación dos proxectos:





07 decembro, 2020

Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller: os post

No seu momento demos conta da conmemoración do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, e da actividade consistente en crear unha nube de post-it de cores denunciando a violencia verbal, coa finalidade de reafirmar o lema de Non á Violencia de Xénero.

Deseguido unha mostra de como está resultando: 






 

02 decembro, 2020

3-D. Día Internacional das Persoas con Discapacidade

Ao fío da conmemoración do Día Internacional das Persoas con Discapacidade, o Departamento de Orientación propón, durante a hora de titoría, o visionado das seguintes curtametraxes a fin de concienciar o alumnado.


 Preme nas imaxes para velas:

  - Cuerdas (10:53) de Pedro Solís García.

 

 

 - El regalo (4:18) de Jacobo Frey 

 


- Por cuatro esquinitas de nada de Jerôme Ruillier (2:40)

 


- El cazo de Lorenzo (4:40) de Isabelle Carrier 

 


O Día Internacional das persoas Discapacitadas foi declarado en 1992 pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas co obxectivo de promover os dereitos e o benestar das persoas con discapacidades en todos os ámbitos da vida social, política, e conómica e cultural. 

Neste 2020, o tema escollido é o da "Participación e o liderado das persoas con discapacidade: Axenda de desenvolvemento 2030". centrado no empoderamento das persoas con discapacidade para un desenvolvemento inclusivo, equitativo e sostíbel. 

Unha suxestión, visita a Marela BD, infórmate sobre "María y yo" e visita a sección de "Denuncia e crítica social".


Día mundial da sida: o VIH

Ao fío da conmemoración do Día Mundial da Sida, o 1 de decembro, os Departamentos de Bioloxía e Xeoloxía e Matemáticas achégannos nun dos paneis do recibidor do centro información sobre o virus da inmunodeficiencia humana, o VIH. 

A maiores, a profesora Raquel Honrubia elaborou un mural informativo sobre as fases da enfermidade do VIH e o seu tratamento. 

Moito sentidiño!!

 

A seguir unha mostra da información nun dos paneis:




26 novembro, 2020

Trama IRMAU: blog e primeiras lecuras 20/21

Neste curso da Covid, a comunidade educativa do Aller Ulloa non perdeu as ganas de ler, e bota a andar, de novo, os seus clubs de lectura. E con estas primeiras lecturas, queremos presentar o blog dos Clubs de lectura: Trama Irmau.

Os que acaban de entrar no IES forman parte dos clubs ABCD e Rabo Rizado, e xa están lendo A rapaza de tinta e estrelas, de Kiram Millwood Hargrave, tratando de pescudar que lle sucederá a Isabel, quen guiada por un mapa antigo e polo seu coñecemento das estrelas, navega polos perigosos Territorios Esquecidos da illa.

Irmau, o grupo de alumnado de Bacharelato ten nas súas mans, Senlleiras, de Antía Yáñez, que sen dúbida lle dará para uns cantos recreos de debate, e que esperamos o faga reflexionar sobre a verdade que hai detrás das falsas aparencias na rede.

E nestes días nos que a aldea volve ser un activo en valor, o profesorado e persoal non docente, do club E ti que les? decantouse por La lluvia amarilla, de Julio Llamazares.

 



25 novembro, 2020

Unha emotiva achega contra a violencia machista

Alumnado de 4º da ESO B, coordinado pola súa titora, Mª do Carme Frade, agasállanos cun fermoso vídeo contra a violencia machista co gallo do "Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller" so o título "A violencia é un virus, vacínate!", con montaxe de Eduardo Roa Ezequiel:

 


20 novembro, 2020

VIII Concurso Literario Mª Vitoria Taboada: O cartel

Xa hai uns días que se publicou a convocatoria do VIII certame literario Mª Vitoria Taboda, mais faltaba a entrega do premio á gañadora do concurso de carteis, así como o recoñecemento ás finalistas, alumnas de 2º do Bacharelato de Artes.

A seguir unha pequena reportaxe gráfica do evento:
 
A gañadora, Sara Capiscol Pérez, a carón do seu cartel, no centro. 



Sara recollendo o premio de man da súa profesora María Armada


No centro, a gañadora, Sara, cos accésits: Lorena González Ferreiro e Iria Diéguez Eiriz

Todas as autoras diante dos carteis seleccionados cos seus agasallos.
 
Parabéns a todas polos fantásticos deseños realizados.



 

Premio "Inspiraciencia" para Adrián Llinares Juíz

Comprácenos anunciar a nova de que o alumno de 1º do Bacharelato Adrián Llinares Juiz vén de gañar o concurso de relatos "Inspiraciencia", organizado polo CSIC, na categoría de 12 a 17 anos co relato "El amor es pura química... y la familia también" (preme no título para ler o relato).
 
Adrián na Biblioteca do centro perante a foto do Congreso de Solvay
 
Para saber máis do porqué da súa participación preme en YouTube.
Moitos parabéns Adrián, e por suposto á comunidade escolar do CPI de Rodeiro.

 

18 novembro, 2020

VIII Concurso Literario Mª Vitoria Taboada de poesía, relato curto e sketch teatral

O Instituto Ramón Mª Aller Ulloa convoca o VIII Concurso Literario Mª Vitoria Taboada de poesía, relato curto e sketch teatral, dirixido ao alumnado de ensino secundario, ciclos formativos de grao medio e FPB matriculados en centros da Comunidade Autónoma de Galicia. 

Preme no cartel, obra da alumna de 2º de Bacharelato de Artes Sara Capiscol Pérez, para ler as bases da convocatoria.

 

Tamén podes baixar as bases en PDF.


17 novembro, 2020

Entrega de premios do VII Concurso Literario Mª Vitoria Taboada

Hoxe, martes 17 de novembro, tivo lugar na Biblioteca, nun sinxelo acto condicionado polas medidas anti-COVID, a entrega de premios do VII Concurso Literario Mª Vitoria Taboda.
As profesoras Mª do Carme Frade e Uxía Nogueira fixéronlles entrega ás gañadoras dun máis que merecido agasallo.
En breve poderemos desfrutar do libro cos textos gañadores do VII Concurso Literario Mª Vitoria Taboada, con ilustracións que o alumnado de Deseño está a elaborar.
De novo os nosos parabéns para Ana Novo Cuñarro e Andrea Segade Rozas.
 
A seguir un par de fotos do evento: