Páxinas

30 novembro, 2021

Claudia Alonso : o reencontro

Do reencontro con Claudia Alonso sobre O percorrido dunha estudante de arquitectura achegamos as seguintes reflexións:

Sempre encontro interesante a visita de ex-alumnos ao centro, especialmente se os seus estudos teñen certa vinculación coas materias que imparte o Departamento de Debuxo. Nesta ocasión, Claudia fixo un resumo en primeira persoa da súa formación como arquitecta e das expectativas laborais futuras.

María Armada

A charla sobre arquitectura resultoume moi interesante e entretida aínda que as miñas decisións no ámbito académico non me vaian levar por esa carreira. Considéroa unha boa forma de orientación para quen queira estudar arquitectura, xa que os consellos dados pola relatora son, na miña opinión, moi útiles.

Ana Novo  

Pareceume unha charla interesante, pois explicou e aclarou determinados temas con relación á universidade que teñen relevancia para a nosa futura formación, e que nos axudarán na elección do camiño profesional da arquitectura.

Miguel Cudeiro




25 novembro, 2021

25-N. Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller

O Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, aprobado pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas na súa Resolución 50/134 o 17 de novembro de 1999, celébrase anualmente cada 25 de novembro, en memoria das irmás Mirabal... seguir lendo

Dúas suxestións, a curta de animación Un conte de Gobelins

  

e o vídeo realizado por alumnado de 4º ESO B o pasado curso: A violencia é un virus, vacínate


 Este curso, a nosa achega para dicir NON Á VIOLENCIA DE XÉNERO consistiu na lectura de fragmentos de Invisibles, de Montse Fajardo, e El encaje roto, de Emilia Pardo Bazán. O alumnado dos diferentes clubs de lectura visitou as aulas dos seus compañeiros e das súas compañeiras. Deixámosvos unhas fotos como mostra. E nuns días teremos tamén o vídeo.




22 novembro, 2021

Sebas Anxo e "A fascinante historia do cadro sen fin"

Moito nos comprace o éxito profesional daquelas persoas coas que compartimos anos de traballo, caso do compañeiro  Sebas Anxo, que o pasado venres, 12, inaugurou a exposición A fascinante historia do cadro sen fin na galería Metro de Santiago, que poderemos ver ata o 16 de xaneiro. 

 A seguir unhas instantáneas da exposición:





Moitos parabéns Sebas

17 novembro, 2021

Darío Xohán Cabana: In memóriam


Vén de se coñecer a mala nova do pasamento de Darío Xohán Cabana, persoa coa que mantivemos unha estreita relación arredor da súa novela Galván en Saor.


Darío Xohán Cabana CC-BY AEL

Lembramos a última vez que estivo connosco, á altura de 2012 no marco dos Encontros con, así como a Marela dedicada a Galván en Saor.

Case transcorreu unha década desde aquel 7 de febreiro de 2012


Encontro con Xosé Paio

O traballo desde as bibliotecas escolares non ten sentido sen o alumnado, destinatario das actividades. Pero o mellor é cando eles mesmos son os creadores dos contidos, por iso quixemos que Payo, xa xubilado, estivese connosco e lles ensinase aos rapaces e rapazas de Debuxo artístico o que levan facendo os seus compañeiros e as súas compañeiras desde hai anos, e como a biblioteca pode ser unha boa lanzadeira para o seu futuro profesional como deseñadores, creativos ou artistas.

Payo retirouse, e agora desfrutamos da súa presenza e sabedoría.




11 novembro, 2021

Bicentenario de Fiódor M. Dostoievski

Tal día coma hoxe, hai 200 anos, nacía Fiódor M. Dostoievski, un dos máis grandes novelistas rusos e, por extensión, un dos narradores máis representativos do século XIX en Europa.

Retrato realizado por Vasily Perov, 1872

Crime e castigo (1866), a medio camiño entre a novela e o ensaio filosófico, é a súa obra máis coñecida, nela “a través do seu protagonista, Raskólnikov, o lector ten acceso a unha personalidade obsesiva, atormentada polo remordemento provocado polo asasinato dunha vella prestamista. Terrible e fascinante pregunta sobre o ben e o mal, sobre os límites da liberdade do individuo” (Aquí, Editorial Galaxia




 

Mais este non foi o único éxito editorial do autor de San Petersburgo: Recordos da casa dos mortos, Diario dun escritor ou Os irmáns Karamazov son algunhas das xoias literarias que nos legou.


 




07 novembro, 2021

Coa nosa xente

Moitos son os parabéns Coa nosa xente que neste caso dá conta do progreso profesional de Carlos Rodríguez Nogueira e Antía Crespo Golmar.

"Tu cuerpo es tu compañero de vida, por eso, cúidalo, escúchalo y atiéndelo", sentenza Carlos R. Nogueira na súa páxina web cnogueira.com. E é que Carlos, tal e como nos informa DZ Dixital, é o lalinense que vai chegar con Xavi Hernández, como fisioterapeuta, ao FC Barcelona.


O noso Carlos Rodríguez Nogueira, a foto é do Caderno do profesorado, 2º Bacharelato, curso 2006-07

"Descubrimos que un antidepresivo serve para tratar a artrose e a gota", afirma Antía Crespo Golmar nunha entrevista concedida a La Voz de Galicia. Antía é investigadora pertencente ao Grupo de Patoloxía Musculoesquelética vinculado ao Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago (IDIS).

A nosa Antía Crespo Golmar, a foto é do Caderno do profesorado, 2º de Bacharelato, curso 2007-08

03 novembro, 2021

XII día da Ciencia en Galego

Unha vez máis conmemoramos o Día da Ciencia en Galego, e con el novembro pasou a ser o Mes da Ciencia en Galego, co obxectivo de normalizar o uso do galego no ámbito da divulgación científica.

E ao fío de tal conmemoración, o Instituto Galega de Ciencia (Igaciencia) propón dedicarlle dito Mes da Ciencia a Alan Turing, e á galega, Tarsy Carballas.

Alan Turing

A elección da edafóloga e científica galega María Tarsy Carballas veu motivada por ser unha pioneira no estudo da xénese, clasificación e cartografía dos solos da zona temperada–húmida de España.

María Tarsy Carballas

A seguir engadimos un enlace para que poidas ler o Manifesto que Ángel Carracedo, catedrático e director do Instituto de Medicina Legal de Santiago e da Fundación Galega de Medicina Xenómica e vicepresidente da Academia Internacional de Medicina Legal elaborou co gallo do Mes da Ciencia en Galego.

Ademais, e aproveitando tal evento non está demais lembrar que o pasado 8 de outubro se celebrou o Día da Ciencia en Galicia, dedicado á figura de Jimena Fernández de la Vega, natural de Vegadeo (Asturias), xenetista e profesora moi recoñecida do século XX. Jimena, xunto coa súa irmá xemelga Elisa, foron as primeiras mulleres licenciadas en Medicina pola USC, representando un referente excepcional do que foi a incorporación da muller, por fin, aos estudos universitarios. [Máis na páxina da RAGC]

 

Jimena Fernández de la Vega