Páxinas

29 xaneiro, 2022

Día da Ilustración

Un ano máis o 30 de xaneiro, data que coincide co nacemento de Castelao, conmemoramos o Día da ilustración, evento que se vén celebrando desde o 2014 a iniciativa da entón Consellería de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia en colaboración coa Asociación Galega de Profesionais da Ilustración (AGPI).

Cartel do Día da Ilustración 2022 de Paula Mayor  

Este ano, o Día da Ilustración está dedicado á figura de Reimundo Patiño, pintor, gravador e autor de BD, unha das máis sobranceiras figuras da cultura galega da posguerra.

A seguir o vídeo-homenaxe sobre a figura de Reimundo Patiño, producido pola AGPI e a Consellaría de Cultura, Educación e Universidade

Máis información en Bibliotecas escolares de Galicia.

Para conmemorar tal Día da Ilustración, o alumnado de 1º a 3º da ESO, coordinado polas profesoras Begoña Vizcaíno e María Armada e polo profesor Fran Otero, está a elaborar unha serie de ilustracións orixinais, que terán como punto de partida un texto literario e que poderemos contemplar a partir do luns 31 no vestíbulo do instituto.

 

27 xaneiro, 2022

Día internacional do recordo do Holocausto


Hai hoxe 77 anos, Auschwitz deixou de ter prisioneiros no seu campo de concentración: máis de 7.000 persoas foron liberadas. Soamente quedaban as que non tiveran forzas para marchar uns días antes, cando os propios nazis decidiran evacuar o campo, en previsión da chegada do exército ruso.

Unha das prisioneiras dese lugar de horror foi Ana Frank, alí pasou tres meses (de setembro a decembro de 1944), antes de ser trasladada a Bergen-Belsen, onde morreu, con só 15 anos. 

A historia de Ana (podes atopar o Diario de Ana Frank na nosa biblioteca, así como as BD que mencionamos abaixo), xunto á tensión que estes días se está a vivir na zona de Ucraína deberían facernos reflexionar.


Ficha na MarelaBD

Ficha na MarelaBD

26 xaneiro, 2022

XIV Olimpíada do saber

Un ano máis xa está aquí a XIV Olimpíada do saber. Inscribídevos!

  Formade os vosos equipos e apuntádevos na Biblioteca.

 O prazo finaliza o 3 de febreiro. O luns 7 comezamos.

Coa nosa xente : Benxamín Otero

Unha vez máis congratulámonos do bo facer profesional da nosa xente e neste caso os parabéns van para o polifacético músico de mil músicas, Benxamín Otero, profesor no Conservatorio de Lalín, quen vén de presentar no Museo Ramón Mª Aller Ulloa Aurora e Aller, que Benxamín en declaracións a La Voz de Galicia describe da seguinte maneira: Ilustrei nunha peza musical a aurora boreal vermella do 38.

Unha instantánea do acto de presentación no Museo Aller Ulloa. Foto Bernabé / Javier. Faro de Vigo

A seguir a peza musical Aurora e Aller:

 O noso Benxamín Otero nos seus comezos no instituto:

1º de BUP
Aproveitamos para botarlle unha ollada ás Marelas dedicadas a D. Ramón Mª Aller Ulloa.

 

20 xaneiro, 2022

64 anos con Mortadelo e Filemón

Hai hoxe 64 anos vía a luz o primeiro número das aventuras de  "Mortadelo y Filemón, agencia de información". Naquel momento, a tira humorística publicouse na revista Pulgarcito, da Editorial Bruguera. Hoxe é xa todo un clásico con publicación propia.

Se te achegas á nosa biblioteca poderás gozar dalgunhas das aventuras destas criaturas de Francisco Ibáñez. Lembra que podes consultar na Marela BD a información sobre a nosa colección.

Imaxe: Bruguera, Penguin libros

18 xaneiro, 2022

Exposición : As Venus de Willendorf

O vestíbulo do instituto acolle desde o venres unha máis que interesante exposición que ten como tema As Venus de Willendorf, figuras realizados por alumnado de 1º da ESO so a coordinación das profesoras Marta Otero e Alba Payo.
 

En palabras da profesora Alba Payo, o alumnado de 1º da ESO meteuse na pel dun homo sapiens da Prehistoria e elaborou en arxila unha venus paleolítica seguindo o modelo da Venus de Willendorf. Traballando coas mans moldearon estas esculturas femininas con todos os seus detalles. Pouco a pouco foron perdendo o seu pudor e resaltaron coa mesma naturalidade coa que fixeron os nosos antepasados e as nosas antepasadas as formas voluptuosas relacionadas coa fertilidade e a reprodución. Son todas diferentes como cada unha das que foron descubertas ao longo de Asia e África.

A seguir o folleto cos carteis informativos da exposición e unha pequena reportaxe gráfica da mesma:
 







15 xaneiro, 2022

Uxío Novoneyra xa descansa no Courel

Uxío Novoneyra, o poeta do Courel, pedira ser enterrado na súa terra, na horta da súa casa en Parada do Courel, pero á súa morte, o 30 de outubro de 1999, iso non era posible.
Desde onte xa repousa onde el desexaba, seguindo, segundo o seu fillo Uxío Novo, unha "tradición en Europa e Estados Unidos de que escritores de renome sexan enterrados na súa casa e cun memorial que poida ser visitado".

Courel dos tesos cumes que ollan de lonxe!
Eiquí síntese ben o pouco que é un home...

Os eidos

Imaxe de https://uxionovoneyra.com/casa-museo/
 
Unha recomendación, visitar a páxina web da Fundación Uxío Novoneyra





11 xaneiro, 2022

VIII Concurso Literario Mª Vitoria Taboada : o libro



Unha vez máis, e xa van oito, comprácenos presentar o libro cos textos premiados no VIII Concurso Literario Mª Vitoria Taboada, con ilustracións achegadas por alumnado do Bacharelato de Artes.
Agardamos que vos agraden a lectura e a observación das ilustracións.
 

I Concurso de Microrrelatos de Nadal : O libro



Vén de saír do forno o libro cos textos premiados e enviados ao certame do I Concurso de Microrrelatos de Nadal.
Parabéns a todas e a todos pola creatividade demostrada.
Agardamos que vos preste a súa lectura.