30 marzo, 2023

Xeografía no Pontiñas

Se o martes o alumnado do Bacharelato de Ciencias gozou dunha clase práctica,  na súa visita a un centro de diálise, este mércores foi a quenda da rapazada do Bacharelato de Humanidades e Ciencias Sociais. Acompañados da súa profesora, Marta Otero, o alumnado de Xeografía debía estudar a auga do Rego das Cabirtas, desde antes do lago do Pontiñas ata O Espiño.

O inicio da actividade implicaba o recoñecemento da flora e fauna de ribeira e, aínda que as árbores están comezado a abrir, o seu porte, a tona ou algunhas inflorescencias e amentos permitían recoñecer os salgueiros, ameneiros e bidueiros. A cor amarela poñíana as leitarugas e o bugallón. Ocas, patos, unha garza, ras e bolboretas foron acompañando os estudantes durante o seu traxecto río abaixo.

A primeira parte do estudo da auga consistía en comprobar se o lago artificial afectaba á velocidade e arrastre de sedimentos do regato, varias medicións, usando cortizas arrastradas pola auga permitiron ao alumnado analizar a velocidade; a recollida de auga servirá para comprobar os pousos que deixa cada zona e, xa no momento, observar a presenza dalgúns animaliños coma miñocas ou zapateiros. Pero a parte que lles resultou máis atractiva e sorprendente foi a comprobación da cantidade de residuos que forman parte do leito, xa desde a súa  parte inicial, especialmente nitratos, probablemente produto da actividade gandeira da zona. As tiras reactivas non deixan lugar a dúbida sobre a contaminación da auga.




As medicións e tomas de mostras fóronse repetindo en varias ocasións, mentres o vento que achegaba a borrasca propiciou outra explicación sobre o cambio de altas a baixas presións atmosféricas. 

No tramo final do regato, á altura do Espiño, nin é necesario recoller mostras: a canalización que verte augas residuais, directamente ao rego, xa o di todo. Aínda así, os rapaces recolleron as mostras entre restos de toalliñas hixiénicas procedentes das augas fecais, que abaneando nos ameneiros indicaban ata onde chegara o caudal do rego nos momentos de máis enchente.


















28 marzo, 2023

Xornada de prevención da enfermidade renal

O alumnado do 1º curso do STEMBACH, acompañado dos seus profesores Ana Penas Facorro e Luis Guitián Astray, vén de participar na Xornada de prevención da enfermidade renal, organizada pola Fundación renal Íñigo Álvarez de Toledo, que se desenvolve ao longo da xornada deste mércores 28 nas instalacións do Centro de diálise Teixedal (R/ da Ponte 93, Lalín).

Que mellor maneira de comprobar se o teu é realmente o ámbito da Medicina que participar destas experiencias? En palabras dos responsables do centro "45 veciños de Lalín, e a comarca do Deza, pasaron polo centro para facérense as probas gratuítas de detección precoz da enfermidade. Así mesmo, os lalinenses participaron nunha xornada de portas abertas na que tiveron a oportunidade de coñecer de primeira man como se leva a cabo unha sesión de diálise, e viron unha simulación na que os pacientes limpan o seu sangue mediante un ril artificial, durante unha media de catro horas por tres días á semana"





Fotografías: Ana Penas Facorro


24 marzo, 2023

2023 : Ano Picasso

Co gallo da conmemoración do Ano Picasso, alumnado de 2º do Bacharelato de Artes e de 1º do Bacharelato C, coordinado polas súas profesoras Mari Carmen Ruzo e Uxía Nogueira, respectivamente, desenvolveron unha actividade interdisciplinar que tivo como obxectivo lembrar a figura de Pablo Picasso, tomando como referente o Guernica.
Do resultado da mesma damos conta nun libro que recolle as tres fases nas que se desenvolveu o proxecto 50 anos sen Picasso. Guernica (Visión fauvista e da pop-art e recreación literaria).

Guernica: visión fauvista e da pop-art das alumnas

 

A seguir o libro dixital coa edición da actividade desenvolvida:

 

23 marzo, 2023

Encontro con... Mónica González Otero

O mércores 22, tivo lugar, no IES Aller Ulloa, un encontro do alumnado da materia de Formación e Orientación Laboral dos ciclos formativos con Mónica González Otero. Esta inspectora de Traballo e Seguridade Social comezou por explicar como está organizada a Inspección, cal é o cometido da mesma e como levan a cabo as súas actuacións, resaltando o papel de servizo público da ITSS.

Logo da presentación inicial, continuou comentando que é un corpo moi minguado no que non se acada, nin de lonxe, a media da ratio europea de persoas inspectoras e subinspectoras, o que fai que algunhas das súas funcións, como a de asistencia técnica, e as actuacións por iniciativa propia apenas se poidan desenvolver.

Na última parte do acto, relatou algunhas das actuacións persoais que quedaron máis fixadas na súa memoria, ben por térense desenvolvido en ambientes empresariais conflitivos, ben pola aprendizaxe que supuxeron ou por presentar algún reto para ela.

Para rematar, fixo unha reflexión sobre a importancia da protección da saúde psicosocial no traballo incidindo na problemática do acoso sexual e por razón de sexo, ilustrándoo co acontecido no penoso "Caso Iveco".




Crónica, cartel publicitario e imaxes a cargo de Luísa Areán Taboada, profesora de FOL.

16 marzo, 2023

IX Concurso Literario Mª Vitoria Taboada : o libro

Un ano máis comprácenos anunciar que vén de saír da imprenta o libro cos textos premiados no IX Concurso Literario Mª Vitoria Taboada, con ilustracións achegadas por alumnado do Bacharelato de Artes.

Cartel : Iria Donsión Fernández
 
Agardamos que vos preste a lectura así como as ilustracións complementares, e aproveitamos para animarvos a participar na X edición.

A seguir o libro dixital:

08 marzo, 2023

8 M (2023)

A pesar dos avances, e de que as mulleres occidentais se poden considerar unhas privilexiadas con respecto ás súas iguais doutras partes do mundo, aínda é necesario reivindicar a igualdade: igualdade no trato, no respecto, nos salarios, na seguridade... 

E visibilizar as nosas mulleres é o que buscamos desde o IES Ramón Mª Aller Ulloa  neste  8 M, por iso os nomes de todas as estudantes e traballadoras do centro aparecen, do seu puño e letra, nos carteis que hoxe ondean no vestíbulo do instituto.

Grazas a todas as mulleres do IES Ramón Mª Aller Ulloa por participardes na actividade; e a Saleta, Alba, Ánxeles, Marta e Maruxa por coordinar a actividade.

Deseño dos carteis: Saleta Fragueiro

Unha alumna escribindo o seu nome nunha das tiras.

Rapazas en proceso de produción de carteis.

Na última fase do traballo: colocando as tiras cos nomes.

 E o resultado final: