Páxinas

27 setembro, 2024

Coa nosa xente : Sergio Rodríguez Pena

Ao fío do XIX Festival de Bandas de Música de Bandeira, este 28 de setembro, dámoslle a benvida á sección Coa nosa xente a Sergio Rodríguez Pena, oboísta, compositor e integrante da Banda Recreativa e Cultural de Bandeira, quen o pasado 6 de xuño debutou como solista de óboe acompañado da Real Filharmonía de Galicia. Verbo deste evento manifestou: “Nunca imaxinei poder poñerme de fronte á Real Filharmonía de Galicia e moito menos facelo cunha obra miña tan especial, dedicada á memoria de meu pai".

Sergio coa Filharmonía de Galicia / Xoán Álvarez. Faro de Vigo

A salientar pola súa popularidade, a Muiñeira da Empanada da que Sergio foi compositor. En palabras dos Amigos da Empanada, todo un orgullo para nós contar cunha obra tan espectacular.

Máis sobre Sergio na súa canle de Youtube ou no Facebook

Moitos parabéns, Sergio, polo teu labor profesional como compositor e músico.

A seguir o noso Sergio cando o 2º do Bacharelato: 

Sergio no curso de 2º Bac.2017-18. Copyright IES Aller Ulloa


 

 

23 setembro, 2024

Así nos chamamos



Hai hoxe 70 anos, a orde do 23 de setembro de 1954, respondendo á petición do Concello, autorizaba a denominación "Don Ramón María Aller Ulloa" para o centro de ensino medio e profesional de Lalín, "con el fin de perpetuar la memoria del ilustre filántropo y hombre de ciencia de la indicada villa".

HÓNRANOS E COMPROMÉTENOS.

Grazas mil, Don Ramón.

19 setembro, 2024

Chus Pato, Premio Nacional de Poesía

Hai imaxes que son dique entre o corpo
e a violencia do corpo
non se lembran
ábrense como as capas dunha vida exemplar...

                                                Os versos anteriores abren o libro Sonora de Chus Pato

Foto: Jesús Chacón / nosdiario.gal

Hoxe principiamos a sobremesa coa boa nova do Premio Nacional de Poesía para a poeta Chus Pato por Sonora, “unha obra experimental, unha expansiva e concentrada conversación entre o poema e a morte”, en palabras do xurado.

Xa no seu momento na Marela demos conta da elección de Chus Pato como numeraria da RAG o que moito nos congratulou, e agora a boa nova tráenos unha dobre ledicia: Primeiramente, pola propia Chus e o prestixioso impacto que o premio ten para a nosa Lingua e Literatura; e en segundo lugar, por termos compartido profesión e aulas, todo un agasallo para nós.

Verbo de Sonora, libro escrito após a perda da nai, Chus Pato manifestou: “agora a morte e mais eu somos contemporáneas". O libro construído como un poema que dialoga coa morte amosa unha fondura en desuso.

Escoita as explicacións de Chus Pato sobre o libro Sonora realizadas na presentación do mesmo na Libraría Paz de Pontevedra

Parabéns, Chus, e que a vea creativa siga acesa.