Páxinas
▼
15 novembro, 2009
Contos, cantos, queixo e viño.
Veu contar Quico Cadaval a Lalín. Contou, fixéronse as doce da noite e, cando eu pensaba que non había mellor xeito de comezar a fin de semana, vai e aparece Guti de Sanabria. Viñera porque quedara aquí con Quico.
A Guti xa o tedes visto neste blog. O caso é que, como a outra vez, tróuxome un agasallo: unha botella de viño, un queixo e un disco (La cultura oral en el parque de Sanabria y sus alrededores). Guti si que sabe! Alimento para o corpo e para o espírito, que diría o outro.
O disco comeza co “Volteo e toque festivo de Campanas” de San Martín de Castañeda (unha gloria para ouvir e para espantar as morriñas deste domingo de inverno!) e remata cunha versión do antiga peza teatral “Los bandidos de Toledo”.
Nesta última, María Álvarez (de Porto de Sanabria) púxome a pel de galiña: Narra parte dos feitos en castelán, xeralmente en romance; e fai resumos, ao tempo que dá explicacións, en galego... toda unha lección de técnicas narrativas e interpretación.
E a que viña todo isto? Vale, podería ser porque vos quero recomendar o disco (que o fago), pero sobre todo é porque coñecín a Guti grazas ás Actividades da Biblioteca. Si, esa que unhas veces nos dá tantos desgustos, pero que outras nos trae amigos dos que nin sequera oiramos falar (e non só libros).
Ningún comentario:
Publicar un comentario