Páxinas

29 novembro, 2009

Varela Buxán: un centenario, dous filmes, dúas homenaxes e case trinta anos


Conclúen hoxe, en Cercio, os actos de homenaxe a Varela Buxán, no centenario do seu nacemento. Cercio é o berce do primeiro poeta lalinense, Nun’Eanes de Cercio, e acolle no seu cemiterio os restos do dramaturgo que impulsou a primeira compañía profesional de teatro galego: A compañía gallega de comedias “Maruja Villanueva”, á que lle correspondeu a honra de estrear “Os vellos non deben de namorarse”, por expreso desexo de Castelao.

A Marela séntese culpable de non lle ter dedicado atención a este centenario e contribuír así ao desleixo co que, salvo raras excepcións, o mundo cultural e literario galego tratou e trata a Varela Buxán desde o seu regreso da Arxentina.

De todos os xeitos, dámosvos noticia de dous documentos moi especiais. Trátase de dous filmes en súper 8 producidos por DEZA, CINE POPULAR GALEGO e que agora poden ser vistos en flocos.tv.

O primeiro, Loita, é unha adaptación do Ferreiro de Santán, en cuxo guión colaborou o propio autor. O seu carácter afeccionado e os seus decididos contidos políticos ilustran, alén doutras consideracións, algunhas claves dos esforzos case anónimos da resistencia cultural durante a Transición

O segundo, Tacholas e Varela Buxán é unha peza miscelánea no que podemos atopar fragmentos dun “filme familiar” que testemuña o reencontro destes dous grandes do escena galega na Arxentina por terras dezás. Nunha segunda parte, podemos ver diversas imaxes da homenaxe tributada a Varela Buxán en Cercio,  en 1980.



1 comentario:

  1. Vós si que sodes estupendos, con ese pulo que lle deron e dan á nosa cultura as xentes do Deza.

    ResponderEliminar