Páxinas

03 xaneiro, 2010

LerENvenres (V): "Os Eidos", de Uxío Novoneyra

I
Era o primeiro día de universitario e, sen planificalo, iniciei un ritual: acudir a unha libraría, castigar o fígado na Raíña e botar unha partida no Jocar, bar onde os de Lalín e os de Verín (xuntos, pero non mesturados) comentabamos, promoción tras promoción, os textos de Don Heraclio Fournier.

No Cou, Carmen Blanco, de prácticas do ICE, ofrecéranos unha lectura e explicación da "Letanía de Galicia"). Debeu ser por iso, e porque se me axustaba a presuposto, que ese primeiro día comprei Os Eidos. Lino, lino incansabelmente, tarde e noite e noite e tarde, de atrás para a diante e de adiante para atrás. Lembro que non entendía nada e que canto máis lía menos entendía e máis marabillado estaba.

Desde aquela, nunca deixei de lelo. A comprensión aumentou e foise adaptando aos meus tempos e ás miñas idades. E segue, e sigo. Sigo acudindo a el para repetir os seus poemas como unha oración, como un rosario que sempre se repite e nunca é igual.

Podería escoller calquera. Aquecería un poema de inverno, pero propóñovos este en que comeza o último tramo do ano agrario e o encontro entre a natureza e o home resulta pleno. Gústanme especialmente os poemas en que o elemento humano está presente.

II
Transcorren as estacións polos Eidos. Nada desentoa, todo se integra. Tempos, paisaxe e homes viven en harmonía. Rematou a sega e os castiñeiros despréndense da flor. Murchas caen as candeas, pero nada é inútil, nin alleo a nada.Todo ten valor. Caen as candeas, un pequeno agasallo que os castiñeiros deixan para os nenos. Eles recólleno e, nun xogo, fan a súa seitura, os seus altares na festa do pan. É un xogo de iniciación para un futuro que hoxe está extinto.

Agostan as veigas. Cain as candias
das cantrochas calvoas. Os ninos que andan
á ouvea fain parvas
e mediñas pequenas de candias apiladas.

Agostar: Arar a terra nada máis rematar a sega, para que seque coa calor e, con ela, sequen as plantas daniñas.
Candias: Candeas, flores do castiñeiros
Cantrochas: vellos toros medio podres e furados pola couza, grandes castiñeiros vellos, castiñeiras furadas.
Calvoa: Clase de castiñeiro de flor moi pilosa e branca, de castaña moi temperá.
Andar á ouvea: andar enredando, brincando.
Parvas e mediñas: pilas cadradas ou redondas de mollos de centeo, trigo, etc., seiturados.
M.P.

2 comentarios:

  1. E pensabamos que ninguén leía a Novoneyra...! Graciñas, Mario.

    ResponderEliminar
  2. Este comentario foi eliminado polo autor.

    ResponderEliminar