Páxinas

04 outubro, 2010

Onde a biblioteca se chama Avelina

Na anterior entrada, xa Carlos redactou o que eu non daba expresado. Así que máis alá dos afectos persoais e da admiración profesional, disimulade se deixo constancia (necesaria) da débeda enorme que esta biblioteca ten con Avelina.


Ela chegou a nós desde o colexio de Silleda e, escondéndonos toda reflexión teórica, desvelounos o segredo elemental de calquera acción de animación lectora. A receita é moi simple: unha profesora que sente paixón polos libros e devoción polo seu alumnado. Cada alumno busca o seu libro e cada libro o seu alumno. Avelina limitábase(!) a poñelos  en contacto. O seu enorme fondo lector e a súa perspicacia docente para localizar os centros de interese e a pericia lectora de cada alumno conseguiron múltiples adeptos á lectura.


Por iso aquí sentado, aquí onde a Biblioteca se chama Avelina, sigo vendo os seus dedos guiando os seus ollos e os ollos dos rapaces polos lombos dos libros, sigo vendo o sorriso sabio co que lle presentaba a capa do volume a quen ía caer na arañeira das letras, sigo vendo a súa pescuda constante en catálogos e revistas para que ningún título nos pasase inadvertido, sigo vendo o velo con que cubría a súa mirada brillante cando nos informaba da última novidade que sempre era ela a primeira en ler... e sigo véndome a min, descifrando permanentemente os códigos que empregaba para ocultar (por exceso de modestia) a súa perspicacia crítica e a súa erudición lectora.


Se eu puidese dicir canto nos aprendeu!
M.P.

Ningún comentario:

Publicar un comentario