Páxinas

16 marzo, 2011

Patrimonio: Nen@s en Bendoiro


Xa o temos comentado. Se nos corresponde a nós (ás Bibliotecas escolares, aos institutos...), non temos medios. Se non nos corresponde, ímolo aceptando, pero sabemos que o habería que facer mellor. Falamos de patrimonio. Neste caso, de patrimonio fotográfico.
O conto é como segue:
Comentando un relato de Manolo Rivas ("o leikista"), o profesor propúxolle ao alumnado que buscase fotos de defuntos no vellos álbums familiares. Noelia creu lembrar que vira algunha e, ao día seguinte, apareceu con tres (dúas de defuntos e unha cun moribundo). O profesor preguntoulle se non tiña máis e ela respondeulle afirmativamente e faloulle dunhas fotos do  Pazo de Bendoiro que ían ir ao lixo. A historia aclarouse co paso dos días.
Charo, a nai de Noelia, comprara uns mobles do pazo , cando este estaba en venda. Ao ilos buscar, deu cunhas sacas de penso cheas de "lixo" que estaban destinadas ao lume. Sabedora de que, ás veces, o lixo contén cousas interesantes, pediullas á propietaria. Entre elas, había "papeis" que a propietaria xa rexeitara.
A maior parte dos “papeis” son fotos. Non sabemos se todas as que había no pazo ou só unhas poucas. Algunhas son de xente do pazo, outras de coñecidos ou amizades. Da maior parte, descoñecemos quen alí está retratado, nin en que data se fixeron. As máis antigas son de finais do XIX, as máis recentes andarán na década dos 70 do XX. Sexa como sexa, conteñen moita e moi boa información sobre os transcurso da vida fidalga durante case un século.
Noelia tróuxonolas  e nós escaneámolas. Forman parte da nosa “biblioteca dixital” e  seguro que algunha vez han ser utilizadas nas nosas aulas.
Non vos imos mostrar todas, pero aquí tedes vinte e cinco, sen máis unidade que a súa procedencia e o seu tema: nen@s.
Graciñas Charo, de non ser por ti, estariamos ante outro cachiño de patrimonio que se tería ido polo río abaixo.



 

Ningún comentario:

Publicar un comentario