Páxinas

31 marzo, 2012

Feliz aniversario!

A Ponte Taboada cumpre os seus primeiros mil cen anos. Mil cen! Un milenio máis un século. Mil cen, e aí a está, de pé e con ganas de seguir. Non parece fácil atoparlle un agasallo. Se cadra "un lotiño e dentro, acomodadas nun niño de herba seca unha parella de pombas brancas coma as folerpas da neve, coas pernas enleadas cunhas cintas vermellas, coma unha rosa ben vermella" extraído de O niño de pombas, a novela coa que López Ferreiro homenaxeaba en 1905 a Ponte Taboada: 

"Que carreira levaría un cabaleiro que ás once da mañá do 20 de Xuño do ano 1134 atravesaba a todo escape a ponte Taboada —a vella, por sabido— cara a Prado, na parroquia de Bendoiro?"
/.../ 
O cabaleiro, como ía tan de présa (e xa o había de ter visto moitas veces), non reparou nun letreiro que estaba escrito nunha pena, a carón da ponte. Nós, que temos máis vagar, lerémolo e copiarémolo, que ben o merece, pois é un dos monumentos máis notables de Galicia, para canto máis que o moi sabido alemán Hübner, na colección de inscricións cristiás da nosa España, publicouno bastante mal copiado. Dicía, e di así:
LABORAVERVNT LA PONTE
ERA DCCCCL:
ET FUIT PERFECTA PRIDIE KALENDAS APRILIS
[Labraron a ponte no ano 912, e foi acabada o 31 de Marzo]"

Se cadra, tamén non sería mal agasallo facerlle unha visita á novela de Don Antonio. A UDC ben que nolo facilita na súa Biblioteca Virtual: podémola ver dixitalizada tal como foi publicada por El Correo de Galicia, ou se queremos, xa transcrita a texto.
E xa postos, María Vilariño Suárez ofrécenos unha interesante ficha para achegarnos a esta novela, a primeira ambientada en terras de Deza.

Ningún comentario:

Publicar un comentario