Páxinas

26 marzo, 2013

Os días do cometa



En Demo editorial
Uns tempos confusos, un sórdido microcosmos, un guión turbio e un debuxo sucio... velaí as catro columnas sobre as que Manolo López Poy e Miguel Fernández constrúen unha obra excepcional, un relato terrible e denso no que non sobra nin falta nada.


Na páxina sete, evócasenos o cometa Halley cunha cita de Luis I de Aquitania: “... un fenómeno sempre funesto e de tristes presaxios.


Antes presentáransenos os catro personaxes centrais da obra arredor dunha partida de tute e unha foto da infancia. Primeiro brinde polos autores: pouco máis dos catro primeiros cadriños e xa case nos queda perfilado o substancial dos seus caracteres e das relacións entre eles.


Entre a páxina oito e vinte, asistimos a un dos grandes momentos da nosa BD: Ramiro, o miñaxoia do grupo, inicia –encetado pola morte en forma de dúas balas na cabeza- unha carreira a ningures na procura do desquite polo asoballamento e pola frustración que fora acumulando durante toda a vida. Case sen palabras, temperando o debuxo dunha acción frenética e da caracterización psicolóxica do personaxe, o relato introdúcenos (practicamente arrastrándonos), por un lado, á espiral de sangue e morte que aí se abre e, por outro, aos flashback que nos van enredando na arañeira letal que os personaxes foron tecendo desde a infancia ata uns momentos antes do desenlace.


Despois dese prodixio técnico e argumental, só quedaría esperar que a obra mantivese o mesmo nivel. Non sei se o supera, pero seguro que o mantén. É máis, esa ducia de páxinas excepcionais cobran un novo valor ao comprobarmos que toda a rica trama de artificios narrativos  e gráficos están aí enunciados.
O ritmo cambaleante de Ramiro, ferido de morte, trázanos o propio ritmo da novela: un ritmo convulso e atafegado, tanto temporal (as analepses e prolepses son frecuentes), como espacialmente (os constantes cambios de espazo acompáñense adoito de pequenas chiscadelas  gráficas ou lingüísticas, a modo de transición). Tiña que facerse así e así se fai: o ritmo da novela é o ritmo vital dos seus personaxes, das súas biografías torturadas, das súas tortuosas relacións, das súas psiques atravesadas. Ese é o núcleo da novela. A corrupción, o narcotráfico, a constante agresividade verbal ou a violencia sexual, son o pano de fondo, o atrezzo, que se limita a acompañar as tensións interiores dos individuos e do pequeno grupo protagonista.





A acción non dá tregua, o tratamento non fai concesións. É posible que os únicos momentos de relax nolos proporcionen (aos que no 1986 andabamos por aí) as abundantes referencias ao tempo da historia: Luís Mariñas informa da sonda espacial Giotto (p.21), a TVG das recepcións de Albor ou do referendo sobre a OTAN (p. 49), múltiples detalles gráficos (obxectos, planos, paisaxes rurais ou vilegas) que cómpre observar en pormenor tamén nos van informando e ambientando ...



Os retallos de historia reforzan o relato e apuntalan a súa verosimilitude. A simbiose entre historia e ficción logra un dos seus mellores momentos nas páxinas 76-77: a plana enteira, un cadáver boca abaixo e, ao lado, a manifestación en defensa do sector lácteo e o non á “cuota” empresarial. Mandámoslle outro brinde? (Acabariamos bébedos-Sue-Ellen) Estes autores si que saben desasosegar!
Ao final, a imaxe do Halley e outra cita: “sabres, espadas, cabezas, cortadas con cabelos e barbas erizadas, brillando entre un resplandor de sangue, amarelo ou lívido...” Flavio Xosefo.



Os brillos e o sangue do relato de López Poy e Miguel Fernández son en branco e negro, pero son igual de rutilantes e igual de destrutivos: a súa é unha historia prodixiosa para proclamar a imposibilidade da inocencia.

Máis referencias na Marela B.D.
 

Ningún comentario:

Publicar un comentario