No segundo día de competición poderemos gozar de dous filmes de moi diferente factura e procedencia. Lembremos, a este respecto, que un dos obxectivos do festival é mostrar a extraordinaria diversidade do cinema de animación.
Ás nove da noite, veremos a película estonia Taevalaul, con dirección e guión de Mati Kütt. É estrea absoluta en Galiza e segundo pase en España (ata o de agora só puido ser vista en Sitges).
Taevalaul
Estonia / 2010 / 45’ / Monicreques. É posible chegar á lúa nun suspiro? Pois é. Éo, sempre e cando, ademais da formación necesaria, se teña a vontade de voar. Este é o caso do Carteiro Choiva.
Esta non semella ser máis que a viaxe dun carteiro que debe entregar un paquete á Lúa. Mais é tamén unha viaxe filosófica a través do tempo e as épocas, a través da persoas e os personaxes, a través dos pensamentos e a imaxinación. Esta é a visualización dos anhelos dun carteiro que cumpre co seu deber, a pesar de todos os problemas e distraccións.
Midori-Ko
A seguir e tras un descansiño, aí contra as 10, será o momento da xaponexa Midori-Ko de Keita Kurosaka, que se proxectará en España, por primeira vez.XAPÓN/ 2010 / 55’ / Tradicional. En anticipación á crise alimentaria que vén, cinco científicos están a traballar para desenvolver un “alimento-soño”, unha mestura de carne e vexetais. Pero o progreso no laboratorio, situado no medio dunha zona comercial abandonada, acadou unha rúa sen saída.
Un día, nas primeiras horas da noite, unha columna de luz penetra no laboratorio. Esta é a luz dun ceo estrelado especial que enfeita a Terra unha vez cada dez mil anos. Os científicos están moi felices co que a tremenda forza da luz produciu: o alimento-soño, é dicir, Midori-ko.
Pola mañá continuaremos con Tadeo Jones.
Descarga a programación completa (PDF)
-
Ningún comentario:
Publicar un comentario