Páxinas

06 maio, 2014

O libro de Carlos Negro


Pasadomañá , xoves, ás oito na libraría Vagalume, Carlos Negro presentará Penúltimas tendencias

Sempre esperamos con inquietude a presentación dun novo libro de Carlos e máis se é en Lalín.

Buscando na memoria da biblioteca, lembramos aquel primeiro número d'A Marela Tarabela. Daquela idearamos unha sección titulada O libro que me atopou, na que lle propuñamos a un lector/escritor que nos comentase o libro (ou un dos libros) que o atrapara.

Carlos realizara a primeira colaboración e este é aquel texto:



- - - 

Poe ese veleno xuvenil sen antídoto posíbel

Hai moitos moitos anos, nun reino moi afastado chamado Laliniput, cando aínda ninguén soñaba con ordenadores nin con teléfonos móbiles, un mozo tímido e apoucado descubría que as sensacións máis intensas do universo residían nun fermoso exemplar da colección Tus Libros, titulado El escarabajo de oro y otros cuentos, de Edgar Allan Poe (1809- 1849). Era aquel un reino algo cativo, onde, por desgraza, as traducións de clásicos da literatura universal á lingua galega resultaban aínda moi escasas.

Aquel mozo , por trescentas cincuenta pesetas, descubriu, de súpeto, unha maxia peculiar, un modo de narrar historias que envolvía a percepción do lector nunha rede de araña, nun calidoscopio de sensacións que xiraban en torno ao enigma máis recóndito entre todos os enigmas posíbeis: a mente humana , coa súa carga de obsesións e misterios, de razón e loucura, de intelixencia e delirio.

Logo de ler a Poe, de mergullarse a fondo nos relatos breves de Poe, nunca nada volveu ser igual; Poe foi para el (e coido que segue a selo) o primeiro mestre do conto literario, un hábil narrador formalista que modernizou a tradición gótica e romántica dos relatos de terror, detallando a vivencia do Medo desde a perspectiva psicolóxica do personaxe que a padece, desde a escuridade das covas máis profundas da súa conciencia, construíndo atmosferas opresivas co detallismo máis minucioso e terríbel. E só co poder imaxinativo que garda a Palabra: esa chave invisíbel que abre infinitos mundos virtuais. Coa axuda de Poe, aquel mozo foi madurecendo, volvéndose adulto; a través de Poe, descubriu facetas ocultas da complexa personalidade humana: non só os abismos do terror, senón, ante todo, os mecanismos da obsesión e da enfermidade, da perversión e da morte, da crueldade e da paixón; ademais, a través de Poe, aquel adolescente comezou a camiñar pola apaixonante senda do relato detectivesco, baseado na lóxica racional e na intelixencia analítica dos seus personaxes protagonistas, sobre todo de Auguste Dupin, ilustre predecesor literario de detectives tan famosos como Sherlock Holmes.

Pasaron xa moitos anos desde o fulgor da primeira e intensa lectura do libro ; logo de Poe, irían aparecendo, co pracer de moitas horas de lectura, outros mestres do relato breve: : Jack London, Horacio Quiroga, Julio Cortázar, Rafael Dieste... Mais sempre, e xa de por vida, o mozo de Laliniput garda no corazón aquela intensidade Poética dun autor que se fixo universal, a pesar dos tráxicos acontecementos que definen a súa biografía (outro relato capaz de impresionar a calquera persoa que estea posuída polo verme da curiosidade).

Nada máis: só dicirvos que probedes a ler a Poe, ese veleno sen antídoto posíbel.
- - -

A que entendedes que o recuperemos e non queiramos que se perda?

Ningún comentario:

Publicar un comentario