Páxinas

12 novembro, 2015

Ano internacional da luz. 3 poemas

O omnipoliedro serviunos de soporte de poemas na última exposición asociada ao Ano Internacional da Luz e, neste caso, ao Día da Ciencia en galego.


Deses poemas, escolmamos tres, que nos tocan moi cerca.

Este é de Erín Moure, en Teatriños ou aturuxos calados .


En Botos chamámoslle apagóns e eu tamén in
     my latín.
Apagóns recórdannos que somos cavernas solitarias
A guitarra do noso tellado cambiou
por un clarinete talvez

Porque o vento inventa instrumentos onde desexar
Desexar é aquí un factor non só humano

A auga corre polas chaloupas únicas das herbas
Millóns de herbas
En copas de follas logo atropelando
                      ailalalá ai ai la lai la la la ai la
As contras enteiras molladas
Misterios enteiros contaxio cristal
ligaduras ausentes
A escuridade en todas partes auga

Aquí agardo pola light de Fenosa talvez

Lonxe de min




Este de Carlos Negro en Héleris:


Déixome caer ante o xuízo dos espellos.

Eu debo ser esa cara macerada en suor,
reflexo azul baixo a luz dos focos fluorescentes.

E visto as varices que non gastan as princesas.

 

Este de Celso Fernández Sanmartín, naquel libro que non levaba título (ou si?):


 facía unha calor de moita chispa para ser de noite

por iso abriron a ventá da cociña

destaparon unha lata de mexillóns e coméronos todos sen pan
picándoos cun pauciño
nisto que se foi a luz e na mesma salsa do escabeche dos mexillóns reflexouse a lúa



Ningún comentario:

Publicar un comentario