Páxinas

24 febreiro, 2016

Astro_poemas (3) : Adrienne Rich

Ilustración: Iván Gordedo


PLANETARIO
Pensando en Caroline Herschel (1750—1848),
astrónoma, irmá de William; e noutras
Unha muller con aparencia de monstro,
un monstro con aparencia de muller
son frecuentes no ceo


unha muller “na neve
entre reloxos e instrumentos
ou medindo o chan con varas”

descubrindo nos seus 98 anos
8 cometas


Ela, gobernada pola lúa
coma nós
levita no ceo nocturno
viaxando sobre lentes puídas


Galaxias de mulleres, cumprindo
penitencia polo seu ímpeto
nervios xélidos
neses espazos da mente

Un ollo


                “viril, preciso e absolutamente certo”
                desde as escuras arañeiras de Uranusbor
                                                                              atopa a NOVA
cada impulso da luz estala


desde o centro
e mentres a vida se nos vai a voar
               

                Tycho rumorea á fin
                “Que non pareza que vivín en balde”


Vemos o que vemos
a visión está cambiando


a luz que seca unha montaña
e permítelle a un home vivir


Os latexos do pulsar
o corazón exsudando polo corpo


O impulso de radio
inundándonos  desde Taurus


                Estou bombardeada pero aínda así        érgome


Levo toda a vida de pé no medio
da traxectoria directa dunha serie de sinais
transmitida coa maior precisión a máis
intraducible linguaxe no universo
Son unha nube galáctica tan profunda  tan intricada
que unha onda de luz tardaría 15
anos en atravesarme.                    E tardou.
Son un instrumento con forma
de muller intentando traducir pulsacións
En imaxes           para alivio do corpo
E reconstrución da mente
Tradución de  Minia Bongiorno e Ánxeles Francis.

Foto: poetryfoundation.org/bio/adrienne-rich


A propia autora, a poeta norteamericana Adrienne Rich, indícanos que este poema está inspirado en Caroline Herschell, astrónoma que traballou co seu irmán William Herschell. Mentres William é considerado unha das figuras da historia da astronomía, o nome de Caroline foi esquecido a pesar de ter descuberto oito cometas e realizado outros importantes descubrimentos nese eido : para Adrienne Rich, un exemplo entre moitos de como a sociedade despreza ou ignora os logros femininos. Máis fronte a isto, está a loita compartida que une a xeracións de mulleres (“galaxias de mulleres” que levan “en pé toda a vida” a pesar de seren “bombardeadas”) de xeito que “a visión está cambiando”. A historia dunha astrónoma convértese no discurso poético de Adrienne Rich nunha expresión máis do seu discurso teórico como intelectual e activista feminista.

[Versión orixinal]

Ningún comentario:

Publicar un comentario