Páxinas

28 marzo, 2016

28 de marzo, a ollo ceibe

Foi hoxe día de emocións múltiples, á volta da figura de Don Ramón Aller.



Pola mañá, celebrouse no Observatorio "Ramón Mª Aller Ulloa" da USC, a presentación do libro Astronomía a ollo ceibe, tradución ao galego de Astronomía a simple vista, impulsada por José Ángel Docobo e realizada por Celia Rozas, ex-alumna do noso instituto.
Máis alá dunha tradución, a obra é en certa medida unha restitución: pouco antes do golpe de estado do 36, o Seminario de Estudos Galegos anunciaba a súa publicación, pero daquel orixinal entregado nunca máis se soubo. Oitenta anos despois, a Universidade e a Xunta recoñecen e recuperan este título fundacional da divulgación científica en galego.
E se pensamos no título en sentido estrito, é inexcusable citar as palabras de Celia Rozas no prólogo:
"A relativa infidelidade do título desta versión /.../ -e aínda a inhibición da preferencia académica de ceibo/a fronte a ceibe-  responde á vontade dos editores, que eu como tradutora tamén fixen miña, de manter inalterado o título que, segundo a prensa da época ía ter a obra /.../, Astronomia a ollo ceibe; un título polo demais, provisto dun arrecendo enxebrista bastante característico do galego escrito da época, e ben fermoso e elocuente do sentido rabiosamente divulgativo da obra.

Pola tarde, a homenaxe trasladouse a Lalín. Primeiro, coroa de flores no monumento a Aller e, despois traslado da actividade ao Museo: breves intervencións das autoridades políticas e académicas (Concelleira de Cultura, Reitor da USC, Conselleiro de Educación e Alcalde), dúas pequenas charlas e a inaguración da exposición.

Ademais de instrutivo, sempre é tremendamente emotivo escoitar a evocación que de Don Ramón realiza o profesor Docobo, o seu sucesor no observatorio compostelán e artífice fundamental na recuperación e difusión da figura do noso sabio.
Nesta ocasión, estivo acompañado de Cecilia Doporto, doutoranda súa, responsable do Museo e arquitecta da exposición. Cecilia, suxeriunos datos da súa tese sobre Don Ramón, e, sobre todo, deixounos albiscar a cantidade de fíos de memoria, admiración e agradecemento que o noso astrónomo foi deixando por aquí e por acolá, e que ela recolle para, tece que tece, preparar un extraordinario tapiz biográfico ao que, así o esperamos, pronto teremos acceso.

A exposición inaugurada é imprescindíbel. Manuscritos, debuxos, ilustracións, instrumental -entre o que podemos admirar esa auténtica icona da ciencia galega que é o teodolito de Don Ramón- dispóñense con harmonía e claridade para ofrecernos unha ben perfilada imaxe de aproximación ao sabio. Non  conforme con iso, tráenos o que, mesmo para moitos iniciados na obra do homenaxeado, resultará unha sorpresa: unha estupenda colección de retratos, obra do Don Ramón fotógrafo, restaurados por María Alejo.

Ningún comentario:

Publicar un comentario