Páxinas

29 abril, 2016

Poesía: Primeiro premio no III Concurso literario Mª Vitoria Taboada

David Cabaleiro Otero




PRECISO UN COMEZO

Quero vivir nun mundo finxido.
Crear, rompendo e moldeando
as criaturas nunha paisaxe
con horizontes de cores pastel.
Luminosidade e texturas
móvense entre as xemas dos dedos,
facéndome cóxegas
mentres desprendo emoción imposible.
Soamente con este pincel,
sei que será suficiente para encher
todo o perigoso baleiro
dunha folla en branco.
Non quero, atérrame pensar
nunha historia tan escura,
nos monstros que devoran as cores
deixándome tan só e espido.
Síntome esvarar na humidade,
que afoga como un día nubrado,
con toda a tarde por diante
para saltar ao outro lado.
Lévame, guíame polo mapa
que conduce ao tesouro.
Eu intentarei seguir adiante,
mais as promesas adoitan perderse...
Posúeme, faime ver e sentir
todo o necesario
para seducir co meu talento
a aqueles que o ansían de verdade.
Preciso atopalo, sei que está vivo.
Apresúrate en chegar ao cumio
ou a neve desembocará nun rebumbio
que te arrastre de novo ao comezo.
Comezo trazando a primeira liña
nun prólogo tan murcho e difuso
que ameaza con quedar
no simple esquecemento.
Buscarei a realidade, a mentira
oculta nos poros deste cadro.
Seguirei voando, e ao caer
dareime por fin de conta.
Arte, serei capaz de comprendela?
Sempre con tanto misterio,
non é máis ca unha ponte
fundida na boca dun soño.
Espertarei algún día
e toda a maxia desaparecerá:
a auga do río afogará os paxaros,
o sol queimará o universo enteiro...
E así todo o esforzo
quedará sen recompensa;
e así morrerá sen chegar a ser
un verdadeiro poema.

TRANSICIÓN E INFORTUNIO

Unha cantiga de esperanza
no medio de tanta escuridade
resoará levada polos fíos de vento
que varren os restos da antiga paisaxe.
Soamente quedan restos,
iso é o que somos, ánimas de po,
despois de tanto sufrimento
e despois de tantos anos.
Caos que impulsa o reloxo,
non queres existir sen motivo,
sen algo ao que corromper
desde as raíces máis profundas.
Pero esa melodía que realza
o último alento dun supervivente
ficará no seu insigne altar
tentando axitar todo o perdido.
Coa súa capa branca,
heroe sen sangue nas mans,
respirando o aire que arroupa a morte
e cargando todos os seus crimes.
Alimentámonos das nosas propias
almas, sentimentos, imperfeccións...
e de todo o que algunha vez
nos fixo humanos.
Mágoa que xa ninguén a escoite,
esquecida entre todo ese ruído
que cega e que enxordece
oculto tras o fulgor do ferro.
Perfecto final finxido
para un novo comezo.


Á ESPERA DUN PUNTO FINAL

Perdido na noite,
atrapado na escuridade
e chegada a miña hora,
eu sabía que pronto ela
estaría fronte aos
meus ollos,
atravesándome coa baleira
e xélida mirada
dos seus.
Xa podía escoitar os seu pasos
aproximándose lentamente,
por un camiño ermo,
eido das sementes do caos;
pero non estaba soa,
escoltada polos berros agónicos
dos meus antecesores:
agora era a miña quenda.
Aquelas voces
tornaban máis fortes,
aqueles chíos negros
momento a momento,
entre cada espazo eterno
dunha posición das agullas
á seguinte.
Pero eu non choraba,
non o lograba
pese a todos os meus intentos,
consciente da virtude,
debo confesarme,
e dunha vida plena.
Hei de ser breve,
xa contemplo a súa expresión escura,
as súas fráxiles extremidades
suxeitando a arma afiada
coa que despoxarme de todo.
Ficou sen moverse,
parecía aterrada, arrepentida
do pecado que ía cometer
corrompida pola gula.
Pero non había alternativa,
e o fío da gadaña
sentín no meu costado.
Foi unha sensación estraña,
e por un intre sentinme liberado.
Foi a derradeira.
 Parabéns, David

Ningún comentario:

Publicar un comentario