Páxinas

06 outubro, 2016

Marat Basyrov: Vexo

Coa gallo do Día Internacional da Tradución que se celebrou o 30 de setembro, o noso compañeiro Perfecto Andrade agasallounos coa versión galega de dous relatos do escritor ruso Marat Basyrov. Por causa de cerellos nosos, non puidemos subilos no seu día á Marela. Agora si. Velaquí tedes o titulado Vexo (Я вижу). Probablemente a primeira tradución deste autor a unha lingua ibérica.

Fonte da foto (wellcomeimages.org)

Vexo



Marat Basyrov




Ivánov é o meu amigo. Tatexa con forza. E eu teño miopía. Somos semellantes. Eu case non vexo nada sen gafas, e Ivánov non pode dicir nin palabra.

Cando o chaman ao encerado, toda a clase entretense con el. Nos intentos de dicir retórcese coma se o queimasen cun soldador. Eu quito as lentes para non ver como sofre.

Antes das vacacións de inverno, el dime:
- En Tbilisi vive un curandeiro. Cura todo, incluso a miopía.

Pronunciar iso case lle leva unha eternidade.

- Perdes a vista? -pregunto.

- Perdo a paciencia -responde.

Falo cos pais, prégolles, e velaí que, despois de aninovo, Ivánov e mais eu voamos a Tbilisi.

Xusto antes da aterraxe, no avión empeza a cantar Kikabidze. Non en directo, claro, senón na radio.

Encóntranos a mañá invernal xeorxiana – é sonora, atravesada polo sol e unha fala allea. Nós imos ao barrio vello da cidade, buscamos a rúa Vashliudjvari. Cruzamos unha ponte. Por baixo de nós flúe o río Kura.

Saímos na parada precisa e baixamos por unha ruela estreita. Imos pola beira de terreos con casas. Arredor árbores, arbustos, terra núa. Adiántannos dous rapaces que levan diante aros de rodas de bicicleta. Os aros soan, rebotando nas pedras. Parece que toda a rúa tinguelea. Cheira a fume de cacharela. O aire é transparente e limpo, tal que a cabeza dá voltas.

O apelido do curandeiro é Kenchadze. Ten unha gran casa de tres pisos. Ademais no súa parcela hai un cabanote longo. Nel recibe os enfermos.

Hai moitos, hoxe, unhas corenta persoas. Chegaron de todos os lados, de todo o país. Din que Kenchadze cura todas as enfermidades. E a miopía e a tartamudez cáscaas coma noces. Poñémonos á cola dentro do espazoso habitáculo. Finalmente chega a nosa vez.

O curandeiro Kenchadze é un mozo sinxelo a simple vista. Sen afeitar. Leva unha cazadora de coiro riscada e unha viseira. Téndolle cinco rublos, el agóchaos no peto do lado. Despois empeza a darme masaxes nas mans.


Toda a sesión dura arredor medio minuto. Das mans o curandeiro pasa aos pulsos. Despois pega algúns pases coa palma pola zona do bandullo, sobe ao peito e finaliza sobre a cabeza. Move as mans sobre min e eu non sinto nada. Nada en absoluto.

En total hai que facer catorce de tales sesións. Nun día dúas sesións, non fai falta máis. Así din na cola. Resulta unha semana e setenta rublos.

Paseamos pola cidade. Non é estraño que haxa moitos xeorxianos, pero tamén hai rusos.

Ás veces oímos a fala rusa.

Cando pasamos diante dun cine, intento ler o nome da película no cartel e non dou. Está en xeorxiano.

Só agora noto que Ivánov se semella a un xeorxiano. Ten o pelo negro, o nariz grande e ganchudo. Cando imos no autobús, un mozo diríxese a el.

- Que? - pregunta Ivánov.

Este dille algo de novo.

Ivánov sobe os ombros.

Entón o mozo engurra a fronte con noxo e pronuncia en ruso:

- Tes mistos?

Ivánov dálle unha caixa de mistos. O mozo saca un pito e ponse a fumar ao dereito no autobús. Ao serán, cansos, buscamos onde durmir. De novo aparecemos na parte vella da cidade. No primeiro patio invítannos á casa.
- Canto? - pregunto.
- Cinco rublos, - di a dona.
Eu vírome – Ivánov retórcese con aire descontento
- Que? - digo. Caro?
- Máis barato non atopades! -afirma a muller.
- Vale, de acordo
Media hora despois durmimos xa.

Pola mañá maduramos un novo plan. Decidimos facer o curso en dous días. E as dúas noites que quedan pasalas na estación.

Agora facemos así: pasamos unha sesión, despois deixamos pasar tres persoas, e de novo presentámonos ante o curandeiro. El traga iso tranquilamente, non vendo niso engano. Parece que a el non lle importan as nosas artimañas. O principal é que paguemos.

Nós estamos agradablemente excitados. Sentímonos amos da nosa vida. O autobús no que imos pola cidade para a carón dun bar, del sae un vello cun engurrado traxe gris. Entra pola porta de adiante, quita o sombreiro a vai con el polo corredor. Cada pasaxeiro deixa nel algo. Nós tamén botamos cadansúa moeda. O vello retira o diñeiro e sae pola porta de atrás. Despois viaxa de novo á taberna.

Nos grandes almacéns centrais, namórome dunha vendedora. Ten os seus trinta anos, os ollos de guinda, é moi guapa. Está nun mostrador onde están expostos colares, broches, caixiñas pintadas e grandes cunchas de mar. Eu quero comprar algo, pero non podo erguer a mirada cara a ela.

A primeira noite na estación pasa tranquila. Na segunda facémola nosa, sentímonos libres. En canto empezamos a xogar ás cartas sentan connosco outros noctámbulos coma nós. Leiramos facilmente. Sentímonos nosos. Cando anuncian o embarque e alguén se ergue con présa, apertámoslle a man despedíndonos. Desexámoslle boa viaxe. Na mañá senta connosco un mozo coa cara partida e con sangue. Di que é de Osetia e que alí non os queren. Gustaríalle sentar un anaco connosco se non estamos en contra, claro.

Non estamos en contra. O mozo fálanos del, da súa moza. El ten dezaseis, é coetáneo noso, aínda que polo aspecto parece de vinte e cinco. Chámase Vladímir.

Interésase por se na nosa cidade se venden luvas de boxeo.
- Si -responde Ivánov.
- Entón, por favor, enviádeme un par, -pide Vladímir. - E eu, en resposta, enviareivos mazás. El e Ivánov intercambian enderezos.
Ao día seguinte collemos o avión. Antes quero despedirme da miña beleza, pero o seu departamento está pechado. Só as cunchas están baixo o cristal, coma nun acuario baleiro.

En canto chegamos a casa, Ivánov vai a unha tenda de deportes e compra luvas de boxeo. Agora é a vez do noso osetio. As primeiras semanas interésome por se Ivánov recibiu as mazás. Durante un tempo iso faise a nosa broma.

Pasado máis ou menos un mes, a miña vista empeza a arranxarse. Iso sucede inesperadamente e tan rápido que non dou cambiado as gafas. Pronto a vista faise ideal, pero non para aí. Empezo a ver o que non ve ningunha persoa normal.

Pero con Ivánov non ocorre nada. Segue tatexando, agora véxoo moi ben, todos os seus sufrimentos. Vexo como se burlan del os compañeiros. Vexo mofa e ledicia maliciosa dun lado, dor e sufrimento do outro. Síntome culpable ante el. E tamén sinto vergonza.

Teño vergonza porque vexo, pero non podo facer nada. Teño vergonza de que son feliz porque estou san. Ás veces teño vergonza da miña vergonza.

A miña vista agudízase tanto que podo ler un manual que está no último pupitre. Pero ao lado disto, empezo a ver tamén o que non quero mirar en absoluto. O que, adquirindo dimensións monstruosas, desfigura o sentido.

O meu pai di: “Hai que pagar por todo”. Por exemplo, había que pagar ao curandeiro Kenchadze. El axudoume, pero por algunha razón non axudou a Ivánov. É posible que agora eu estea en débeda co meu amigo. Pero non sei como axudalo. Espero.

E velaí que cando unha vez, no encerado, enmudezo de súpeto, iso non me parece estraño. Estou de pé fronte á clase e abro a boca e non podo dicir palabra.

Parezo un peixe tirado na area.

Vexo sorrisos maliciosos, vexo bocas ensinando os dentes, o esmalte mate dos dentes, saliva nas comisuras dos beizos, vexo os poros da lingua. Vexo todos os meus reflexos nas pupilas de distintas cores dos compañeiros sentados ante min. Retórzome en tormentos baixo as súas miradas, intentando verter fóra a miña impotencia, pero en van.

A clase ri aprobatoriamente, mirando a Ivánov. Parécelles que o estou parodiando. A clase ve o que quere ver. Ivánov, ofendido e humillado, non levanta a mirada. Non quere mirarme.

Despois das clases intento falar con el. Intento explicar, pero el non escoita. Exclúeme da súa amizade.

Agora cada saída miña ao encerado convértese nun espectáculo. Todos están convencidos de que me burlo do meu antigo amigo. Víngome del por algo. A clase aprecia a miña perseveranza, a miña abnegación, porque cada que o fago apaño un suspenso. Enchen case todos os recadros enfronte do meu apelido.

Eu péchome. A miña vista agudízase cada vez máis, pero canto mellor vexo, máis me afundo na mudez.

A cousa chega aos meus pais. Chámanos á escola.
- Pero el en casa algo fala? - pregunta a titora ao meu pai.
- Pois, se cadra -vagamente responde o meu pai.
Deciden que eu responda as leccións por escrito. A dirección da escola vén ao meu encontro. A min gústame escribir. Vexo como a pasta tinta se deita na superficie porosa do papel, como corre a esfera metálica coloreando o foso. Escribir é máis fácil que falar.

É máis difícil cos compañeiros de clase. Eles, por algunha razón, non aceptan a miña mudez. Ao principio pensan que me río de Ivánov, pero cando se aclara que non é así, gardan rancor.

Eles están convencidos de que os quero enganar a todos. Queren que diga a verdade. Ou que diga algo. Intentan que fale. Constantemente se meten comigo e provócanme. Eu vexo como medra o seu odio.

Pronto empezan a agruparse arredor de Ivánov. De marxinado, el convertese no seu protexido, e eu ocupo o seu lugar.

Empezan a ameazarme.
- Se parodias a Ivánov outra vez, enchémoste de golpes -dinme
- Ti estás zumbado de todo -din.
- Cangallo -apóñenme á miñas costas.

Eu vexo como nacen engurras duras nos rostros dos meus perseguidores. Ao principio totalmente imperceptibles, convértense en trincheiras.
- Por que calas? -laméntase a miña nai, mirándome aos ollos. Señor, que pasa contigo?
Eu vexo a súa confusión, vexo a cólera do pai. Vexo incomprensión, incredulidade, vexo medo, pero non podo facer nada.

Dalgún xeito atópanse comigo no valado da escola. Diante empurran a Ivánov.
- Dálle nos ollos! - dinlle. - Non temas – estamos á túa beira!
Ivánov está diante de min, apertando os puños. Eu vexo a súa indecisión, a súa loita interior. Estamos de pé e miramos un cara ao outro.

El vírase cara a eles.
- Non o farei - di Ivánov.
- Entón levas ti -advírtenlle.
Rodean a Ivánov.
- Non o toquedes, -de súpeto digo eu.
- Vaites, falou!
Vólvense contra min.

Sorrín maliciosamente.

Eu dou un paso cara á súa beira.

Outro máis.

Paréceme que non son obstáculo para min, que non existen. Parece que se quero paso a través deles.

O primeiro golpe estoura na cabeza coma unha granada. Despois segue o segundo, o terceiro. Globos cegadores acéndense ante os ollos. Na miña cabeza peta un centenar de mans, sacando dela toda a luz. Logo durante un tempo non vexo nada. Só escuridade na que non hai nada. Iso prolóngase moito tempo. Parece que a miro toda unha eternidade, na esperanza de ver aínda que sexa algo.

Despois recobro a consciencia. Estou deitado nunha sala dun hospital, teño unha venda nos ollos. Non podo erguerme. A miña nai coida de min.

Ela, coma a un pequeno, dáme de comer cunha culler.
- Agora é pola mañá ou pola tarde? -pregunto eu.
- É día -responde a miña nai.
Tamén me veu visitar o meu pai –escoito a súa voz.
- Viñéronte ver -di el.
Alguén senta á cabeceira.

Cala.

Despois ponme algo na palma da man.

Duro e redondo.
- Unha mazá? - pregunto eu, sorrindo.
- U-u-u-unha pera - di Ivánov.
Rimos en silencio.

Pero eu vexo como chora.


Ningún comentario:

Publicar un comentario