Páxinas

30 setembro, 2017

L. N. Tolstoi: Notas dun tolo

Notas dun tolo

por Liev Nikoláievich Tolstoi

(Tradución de Perfecto Andrade Grande)

Hoxe celebramos o Día internacional da tradución publicando un texto inédito en galego, grazas -unha vez máis- aos bos oficios e á xenerosidade do noso compañeiro Perfecto Andrade. Neste caso é un relato de Tolstoi, de carácter autobiográfico.

Arzamás. Fonte.

1883. 20 de Outubro. Hoxe conducíronme a declarar ao goberno provincial, e as opinións dividíanse. Discutiron e decidiron que non estou tolo. Pero decidírono así só porque eu me contiven con todas as miñas forzas durante o tempo da declaración para non manifestarme. Non me manifestei porque lle teño medo ao manicomio; teño medo de que alí me impidan ocuparme da miña teima. Declaráronme suxeito a arrebatos, e algunha cousa máis así, pero de mente sa; declaráronme, pero eu ben sei que estou tolo. O doutor receitoume un tratamento, asegurándome que se sigo estritamente as súas prescricións, iso pasará. Todo o que me inquieta pasará. Ai! O que eu daría por que pasase! É demasiado atroz. Contarei por orde como e de que se me fixo exame, como perdín a razón e como descubrín a miña tolemia. Ata os trinta e cinco anos vivín coma todos e non tiña nada notorio. Só algo na primeira infancia: ata os dez anos, tiña comigo algo semellante ao do meu estado actual, pero limitábase a ataques, e non, como agora, que é un estado permanente. Na nenez apoderábase de min dun xeito algo diferente. Velaquí como era:

Lembro que unha vez me deitei a durmir, tiña cinco ou seis anos. Aia Evpraskia -alta, enxoita, de vestido marrón, cunha touca na cabeza e coa pel da papada colgándolle- espiume e meteume en cama.

- Eu só, eu só –botei a falar, e saltei a varanda.
- Veña, déitese, déitese, Fiédenka. Mire Mitia, que ben mandado é. Xa se deitou dixo ela, sinalando a meu irmán coa cabeza.
- Eu saltei á cama, sen soltala da man. Despois deixeina, axitei as pernas baixo a manta e arroupeime. E así estaba ben. Calei e pensei: “Eu quero á aia, a aia quéreme a min e a Mítenka, e eu quero a Mítenka, e Mítenka quéreme a min e á aia. E a aia quere a Tarás, e eu quero a Tarás, e Mítenka quéreo. E Tarás quéreme a min e á aia. E mamá quéreme a min e á aia, e a aia quere a mamá, e a min, e a papá, e todos se queren, e é ben para todos”. E de súpeto oio entrar a ama de chaves correndo e berra con forza algo da azucreira, e a aia dille con forza que ela non a colleu. E a min dóeme, e teño medo, e non entendo, e o terror, un terror frío apodérase de min, e eu agóchome coa cabeza baixo a manta. Pero mesmo na escuridade da manta non me alivio. Lembro como unha vez lle bateron a un rapaz diante de min, como berraba, e a faciana terrible de Foka cando lle batía.
- E non o farás, non o farás, –ordenáballe e seguíalle batendo. O rapaz dicía: “Non o farei”. E o outro ordenáballe “non o farás” e seguía batendo nel. E entón iso apoderouse de min. Empecei a saloucar e saloucar. E durante moito tempo ninguén puido calmarme. Velaí que eses saloucos, esa desesperación, foron os primeiros ataques da miña actual tolemia. Lembro outra vez en que iso se apoderou de min. A tía falaba de Cristo. Falaba e quería irse, pero nós diciamos:
- Conta máis sobre Xesucristo.
- Non, agora non hai tempo.
- Non, conta –e Mítenka pedía que contase. E a tía empezaba de novo o que nos contara antes. Contaba que o crucificaran, que lle bateran, que o atormentaran, e el seguía rezando e non os xulgaba.

- Tía, por que o atormentaban?
- Era xente ruín.
- Pero el era bo.
- Xa está, xa son as nove. Oídes?
- Por que lle pegaban? El perdoou, pero por que lle pegaban? Doíalle? Tía, doíalle?
- Xa está, vou tomar o té.
- E pode ser que fose mentira, que non lle pegasen.
- Basta.
- Non, non te vaias.

E apoderouse de min outra vez, saloucaba, saloucaba, despois empecei a dar coa cabeza contra a parede.



Así se apoderaba iso de min na nenez. Pero desde os catorce anos, desde o tempo en que acordou en min a paixón sexual e me entreguei ao vicio, todo iso pasou, e fun un mozo, coma todos os mozos. Coma todos nós, criados na excesiva comida graxa, melindroso, sen traballo físico e con todas as tentacións posibles para a inflamación da sensualidade, e no medio de nenos tan malcriados, os mozos da miña idade ensináronme o vicio, e eu entregueime a el. Despois ese vicio trocouse noutro. Comecei a coñecer mulleres e así, procurando praceres e atopándoos, vivín ata os trinta e cinco anos. Estaba completamente san, e non tiña ningún síntoma da miña tolemia. Eses vinte anos da miña vida sa pasaron para min de tal xeito que agora case non lembro nada deles e se os evoco é con traballo e noxo.

11 setembro, 2017