Páxinas

08 decembro, 2018

Estudo de organismos do Reino Protista en mostras de auga doce. XXXI Congreso ENCIGA [6]

A nosa compañeira Natalia presentou no XXXI Congreso ENCIGA unha comunicación baseada nun proxecto de investigación que realizou co alumnado de Anatomía Aplicada de 1º de bacharelato no curso 2015/2016.
A continuación podedes ler o resumo publicado no número 86 do Boletín das Ciencias. Nesta ligazón pódese descargar a presentación completa en PDF. Nesta, A Marela Tarabela que confeccionamos no seu día. Parabéns polo traballo realizado.



Este proxecto levouse a cabo con alumnado de Bioloxía de 1ºBacharelato no curso 2015/2016, presentándose como ponencia no congreso do grupo de Taxonomía, Filoxenia e Biodiversidade da SEM (Sociedade Española de Microbioloxía) celebrado  en Santiago de Compostela en Xuño de 2016, actuando como poñentes os alumnos e alumnas participantes.

OBXECTIVOS:

  • Coñecer os pasos habituais que se realizan nun proxecto de investigación científica.
  • Coñecer a gran diversidade do reino Protista e as dificultades para a súa clasificación.
  •  Identificar algúns dos microorganismos recollidos nas mostras.
  •  Aprender a manexar o microscopio.
  • Observar as distintas modalidades de locomoción nos protozoos.
  • Analizar as reaccións dos protozoos ante distintos estímulos (Tactismos).
  •  Coñecer a relación existente entre os pigmentos das algas, o espectro de absorción da luz e a profundidade.

PROCEDEMENTO

Trala recollida e o etiquetado de mostras de auga de diversas zonas, levamos a cabo un estudo, observación e clasificación dos microorganismos presentes nelas. Estudamos a morfoloxía, cor, tamaño, movementos, etc. O alumnado realizou pequenas investigacións sobre os organismos do Reino Protista, as posibles relacións filoxenéticas con outros grupos de seres vivos; investigaron os movementos celulares, os pigmentos presentes nas algas, a eutrofización, os procesos de autodepuración naturais, etc. Asemade, fixemos experiencias sinxelas para observar as reaccións dos protozoos ante distintos estímulos, etc.



Os microorganismos máis simples que viven nas augas doces son bacterias e cianofíceas pertencentes ao Reino Monera, non posúen núcleo e son visibles co microscopio óptico, polo que no noso estudo puidemos observar algúns destes seres vivos. As bacterias están presentes en tódolos ecosistemas acuáticos, abundan en augas ricas en materia orgánica. Son esenciais nos procesos de autodepuración, son alimento de moitos protozoos, etc. Nas nosas mostras puidemos ver: cocos e bacilos, así como cianofíceas, cun papel moi importante nas augas doces: xa que realizan a fotosíntese osixénica e algunhas poden fixar o nitróxeno, tanto o atmosférico como o disolto na auga. Forman colonias que poden ser filamentosas, planas, esféricas. Son moi primitivas, foron as primeiras formas de vida na Terra e responsables, xunto con bacterias fotosintéticas, do cambio de composición da atmosfera.


As algas son organismos acuáticos e fotosintéticos, e xunto cos protozoos inclúense no Reino Protoctista. Hainas pluricelulares, pero moito máis abundantes e variadas son as algas unicelulares. Clasifícanse en función do pigmento que almacenan. Nas mostras estudadas atopamos moitas diatomeas e desmidiáceas, con distintas formas e moi bonitas. As diatomeas son bioindicadores da calidade das augas nas que viven libres ou formando agregados coloniais. Os désmidos son algas verdes de gran beleza.



Os protozoos están presentes nos ecosistemas de auga doce e clasifícanse atendendo á locomoción: ciliados, rizópodos que usan pseudópodos, flaxelados, etc. Atopamos moitos protozoos nas nosas mostras: amebas, paramecios, vorticelas, etc
Tamén puidemos ver moitos animais microscópicos: rotíferos, tardígrados, nematodos, copépodos, larvas de pequenos crustáceos, grans de polen,  e restos vexetais e minerais. 

CONCLUSIÓNS
Usando materias básicos do laboratorio de Bioloxía e mostras de auga da contorna, puidemos observar organismos microscópicos, que complexas cadeas tróficas acuáticas, nas que uns son presa doutros e nas que dependen uns doutros, e tamén son importantes bioindicadores que aportan datos sobre a calidade das augas".

Boletín das ciencias, 86, p. 39-40. Fernández García-Basterra, Natalia.


Ningún comentario:

Publicar un comentario