Páxinas

12 decembro, 2018

Proxecto Toc TocA Ciencia. XXXI Congreso ENCIGA [7]


A celebración no noso instituto do XXXI Congreso de ENCIGA animounos a presentar esta comunicación, na que se recolle un resumo dalgúns dos traballos realizados no Toc Toc dende que empezamos aló polo 2012. 



Podedes ler a continuación o texto que se publicou no libro de actas do congreso e descargar aquí a presentación completa en PDF.
"Toc-toc. A ciencia chama. Está aí para deixarse ver, para mostrarse máis alá dos laboratorios ou as aulas específicas. Toca A Ciencia. Tócaa. Pódese tocar (e ver, e sentir, e cheirar e saborear...). TocA Ciencia. Xa toca, non? É o momento de asociala ao resto das materias e ás actividades interdisciplinares, de entender que a súa divulgación forma parte da educación permanente da comunidade, de que as grandes referencias científicas deben incluírse na nosa base cultural común.
O informe ¿Cómo podemos estimular una mente científica? (2015) da Obra social «La Caixa», tras constatar  a diminución progresiva (en España) de alumnado nos itinerarios STEM e recoller a alerta da Comisión Europea de que en 2020 haberá un déficit de profesionais con esta formación, conclúe que as actividades de divulgación:
-   Incrementan ata un 6% o interese por estudar STEM.
- Provocan un impacto moi positivo en estudantes de baixo rendemento académico.
- Aumentan o interese en máis dun 9% en estudantes de contornas máis desfavorecidas.   
Primeiro anuncio do Toc-toc
No curso 2012/13, comezamos -desde o impulso dos departamentos tecnóloxico-científicos, ao que se sumou a experiencia e os recursos da biblioteca- o programa Toc tocA Ciencia. A el se foron incorporando outras materias, de tal xeito que non hai ningunha que, ao longo destes anos, non fixera a súa achega ao Toc-toc.
Tratábase de facer visible a ciencia, mostrar a súa presenza na actividade cotiá e incardinala  nos proxectos educativos de lectura e escritura do centro. Entendemos lectura e escritura nun sentido amplo: calquera tipo de documento (oral, escrito, plástico, videográfico, multimedia...) é utilizado para recibir, interpretar, tratar e/ou producir información.
Desde accións moi concretas (P. ex: Efectos da presión atmosférica) fomos avanzando no deseño doutras máis amplas que integran múltiples enfoques e perpectivas (P. ex: O ano internacional da Luz reuniu dezasete actividades, desde conferencias ata a construción dunha cámara escura.). Neste abano, poderiamos clasificalas en catro tipos:
  • Actividades experimentais. Realizadas ou ensaiadas previamente no laboratorio ou na aula de tecnoloxía, levan consigo a elaboración de carteis, presentacións dixitais e gravacións en vídeo. Son de dous tipos:
    • Demostracións experimentais. O alumnado desenvolve e explica o traballo.
    • Actividades interactivas. O material  elaborado  ofrécese á experimentación de todo o centro. P. ex:  Construción dun instrumento musical con vasos de auga e adaptación de partituras ad hoc.
  • Exposicións / conferencias.  Sempre as precede unha introdución na aula. Empréganse  carteis de uso libre obtidos na web e/ou de elaboración propia, así como material audiovisual e bibliográfico dos fondos da biblioteca. Elabóranse trípticos de seguimento cun cuestionario, propostas de indagación na Internet e recomendacións de sitios web e lecturas en diversos formatos.
  •  Xogos de estratexia e outras accións con compoñente lúdica (ilusións ópticas, xincanas biográficas e/ou científicas...).
  • Grandes contedores temáticos. Baixo un tema común, agrupamos múltiples actividades, desde as xa mencionadas a diversos concursos ou seleccións de poemas e obras de arte relacionadas ".
Boletín das ciencias, 86, 117-118. Reboiro López, Ana; Pereira Fernández, Mario


Cando levabamos tres anos no cerello, recibimos a invitación para presentarmos o Toc-toc-A_Ciencia nas VI Xornadas de bibliotecas escolares. Acordamos, entón, preparar unha publicación en Issuu. Nela recolliamos os tres primeiro cursos toc-toqueiros.

Velaquí a está:


Ningún comentario:

Publicar un comentario