Páxinas

01 decembro, 2018

Radiografía dun cigarro. XXXI Congreso ENCIGA [3]



"A adolescencia é unha etapa fundamental para tomar conciencia dos hábitos de vida saudables, xa que os cambios cerebrais (na codia pre frontal),  nesta etapa da vida, son moi importantes e relaciónanse coa capacidade de tomar decisións. Deixar de fumar ou non comezar, é unha decisión que favorece moito a saúde. Unha información axeitada sobre os compoñentes e as consecuencias do tabaco é fundamental para previr o tabaquismo e  poderalles axudar a tomar decisións libremente e a resistir a presión social que favorece o seu consumo.
O tabaquismo segundo a OMS é unha enfermidade adictiva crónica. A capacidade do tabaco para xerar dependencia débese á nicotina, que activa funcións cerebrais no sistema de  pracer/recompensa. Hoxe son coñecidos os efectos do tabaco sobre o organismo: provoca  importantes patoloxías agudas e crónicas: pulmonares, coronarias, cerebro-vasculares, úlceras, cancro, etc.. Aínda así, moitas persoas comezan a fumar adquirindo o hábito. Cada cigarro aumenta a dependencia e prexudica seriamente a saúde. Por que o fan?
O propósito deste proxecto é aproximar o alumnado ao traballo de investigación para adquirir hábitos saudables. Dun xeito sinxelo e coa axuda de materiais moi comúns, os estudantes inician pequenas investigacións baseándose nos pasos do método científico, emitindo hipóteses de estudo, experimentando e chegando a conclusións. Deste xeito preténdese espertar a curiosidade pola investigación e que valoren a importancia e os beneficios para a saúde de non adquirir o hábito de fumar. Con este traballo aprenderon como funciona o aparello respiratorio, as substancias que compoñen o fume do tabaco, os efectos prexudiciais que ten para a saúde e os beneficios de non fumar.
 Obxectivos
  • Coñecer e experimentar como funcionan os pulmóns e as vías respiratorias.
  •  Informar  e sensibilizar sobre as consecuencias de fumar.
  •  Coñecer os beneficios de non fumar e reflexionar sobre as consecuencias e os riscos do tabaco.
  •  Investigar sobre as substancias que compoñen o tabaco e os seus efectos prexudiciais para a saúde.
  • Coñecer a composición do fume do tabaco e relacionalo cos efectos que produce na saúde o hábito de fumar.
  •  Desenvolver actitudes críticas sobre os efectos do tabaco.
As hipóteses e algunhas preguntas que nos formulamos neste traballo foron: Que ten o tabaco que o fai tan prexudicial para a persoa fumadora e para o seu entorno? Cal é a composición do fume do cigarro? Que sustancias perigosas contén? Que efectos producen sobre o organismo? Como actúa a nicotina a nivel cerebral para xerar unha adicción tan potente? Axúdanos a resolver os nosos  problemas? Fumar mellora algo a nosa vida? Pode o tabaco funcionar como insecticida? Tendo en conta estas cuestións, investigamos sobre elas coa información presente na rede e fixemos comprobacións mediante sinxelas experiencias con distintos materiais como a realización da maqueta do aparato respiratorio e a das “botellas fumadoras” para comprobar a presenza de alcatrán no fume do tabaco".


Boletín das Ciencias, 86, 26. Fernández García-Basterra, Natalia



[Aproveitemos esta entrada para lembrarmos aquela Marela tarabela de 2008, dedicada ás adiccións prevencións]

Ningún comentario:

Publicar un comentario