Páxinas

04 abril, 2020

Unha recomendación: "A cama de meu avó Manuel Sanmartín Méndez", de Celso Fernández Sanmartín


Os bos poetas falan por nós: poder expresar o que outro non é quen de o facer é unha xenialidade con carácter de forza probatoria de certo zume de humanidade.

Estes versos de Celso Fernández Sanmartín poetizan un tempo, unha paisaxe e dúas vidas. Pero é deferencia desta poesía que o lector poida, mentres le, pensar no seu tempo, na súa paisaxe e nas vidas de seu...

O título menos poético do mundo, A cama de meu avó Manuel Sanmartín Méndez, agocha, arteiro, esa lebre que salta cando tocamos un obxecto que parecía van: a rabuda lebre da memoria, que foxe pero que queda...
E queda e desata os murmurios que nos fan sentir esa alma da que nunca nos falaron.

Dela fala neste libro Celso Fernández Sanmartín.

Son palabras escolleitas que anoan, nunha gorxa compartida co lector, a vida dos ausentes coa evidencia de que todo o que compartimos con eles é pegada que nunca deixaremos de seguir. 

Palabras, en fin, que a pericia do poeta recolle e traduce en dúas imaxes que prologan e epilogan o seu libro: o orgullo da cama do avó como fondo dunha vida e a cama do avó como referente ao que sempre voltar.

E o lector, animaliño sen acougo, a quen estas páxinas o abeberan de versos que o confortan, queda agradecido por eles:
Paxariño do oestevaite máis para o oestecoma quen que morrichesE volve polo leste

Ningún comentario:

Publicar un comentario