Páxinas

30 outubro, 2020

Centenario da revista Nós e da Xeración Nós (1920-2020)

O 30 de outubro de 1920 saía do prelo de La Región de Ourense o primeiro número da revista Nós que daría nome a toda unha a xeración, a Xeración Nós da que formaron parte, entre outros,  Castelao, Vicente Risco, Otero Pedrayo ou Florentino López Cuevillas; converténdose a revista entre 1920 e 1936 nun inesgotable laboratorio de ideas alicerzadas no debate cultural e na creatividade artística para a construción de Galicia como Nación cultural no mundo.

Contan as crónicas que “en xuño de 1920 se celebrou unha xuntanza en Pontevedra á que acudiron Vicente Risco, Castelao, Ramón Cabanillas e Antón Losada Diéguez para discutir a creación dunha revista monolingüe sobre a cultura galega, que deciden chamar Nós a proposta de Castelao, decidindo tamén o lugar de impresión, a imprenta de La Región en Ourense e o director literario, Risco, e o artístico, Castelao. Posteriormente encargáronlle a Arturo Noguerol o financiamento, para o que constituíu unha sociedade mercantil”.

En 1923 pasou a se imprimir en Pontevedra ata que despois do número 18 a ditadura de Primo de Rivera suspendeu a publicación.

O 25 de xuño de 1925 aparece de novo por iniciativa de Ánxel Casal na Coruña e coa colaboración de membros do Seminario de Estudos Galegos, ademais de colaboradores da primeira época. A partir do número 88 imprentouse en Santiago. O último número (139-144) saíu do prelo pouco antes da sublevación militar de 1936 e non se chegou a distribuír, tan só dous exemplares sobreviviron á queima da imprenta de Ánxel Casal polos sublevados.

Canto ao papel histórico da Xeración Nós, Xosé Miguel Andrade Cernadas e Anselmo López Carreira en  O Reino medieval de Galicia. Crónica dunha desmemoria afirman que as xentes de Nós “articularon unha concepción da sociedade galega conforme aos parámetros da modernidade democrática e renovaron a actividade cultural poñéndoa ao nivel da contemporaneidade... Tan impensable sería hoxe Galicia sen as Cousas ou o Sempre en Galiza de Castelao, ou sen a revista Nós e tantas outras cousas, como sen as Follas novas de Rosalía, a praza do Obradoiro, o románico ou os castros”.

A seguir reproducimos a editorial do primeiro número da revista, titulado Primeiras verbas, que dicía así: 

Pra ledicia de todos e pra enseño de moitos, sai oxe Nós. 
É a ansia qu'oxe sinte Galizia de vivir de novo, de volver ó seu ser verdadeiro e inmorrente, a evidencia luminosa do mañán, o que nos fai saír. Temos unha fe cega, asoluta, inquebrantabel na vitalidade e no xenio da nósa Raza, e mais na eficacia do nóso esforzo pra levala ó acomprimento do seu fado grorioso. Oxe chegou á vida na nósa Terra unha xeración que se deprocatou do seu imperioso deber social de crearen pra sempre a cultura galega. Endexamais foi meirande a nósa autividade creadora. Nós ven a recoller todos ises esforzos d'integración da Patria galega no seu xa rico polimorfismo
Os colaboradores de Nós poden ser o que lles pete: individualistas ou socialistas, pasatistas ou futuristas, institucionistas ou racionalistas, naturistas ou humanistas; pódense pór en calquera das posicións posibles respecto das catro antonimias da mente contemporánea; poden ser hastra clásicos, con tal de que poñan por riba de todo o sentimento da Terra e da Raza, o desexo coleitivo de superación, a orgulosa satisfaición de seren galegos. 
Nós ha ser un estudio piedoso e devoto, cheo de sinceridade, de todol-os valores galegos: dos nósos valores tradicionás, e mais dos valores novos que cada día estanse creando na nósa Terra. 
Nós ha ser a representación no mundo da personalidade galega na sua ansia de s'afirmare coma valor universal, autóctono, diferenciado, dentro ou fora da Terra.  
Nós ha ser a afirmación pra sempre do verdadeiro ser de Galizia, do Enxebrismo, no que ela tén, debe e quere persistire. O Enxebrismo é a nósa orixinalidade específica, a nósa capacidá de creación, o nóso autóctono dinamismo mental. Querendo suprimir entremediarios antr'o pensamento galego e o pensamento dos pobos cultos, Nós abre as suas páxinas a prestixiosas persoalidades estranxeiras que contan de nos honrar co'a sua colaboración e tamén ha informar ó púbrico galego do movemento das ideias no mundo civilizado. Nada mais. 
Querendo suprimir entremediarios antr'o pensamento galego e o pensamento dos pobos cultos, Nós abre as suas páxinas a prestixiosas persoalidades estranxeiras que contan de nos honrar co'a sua colaboración e tamén ha informar ó púbrico galego do movemento das ideias no mundo civilizado. Nada mais.  
E, ós que s'asombren da nósa confianza, da nósa firme ledicia ó principiar un traballo rudo, hémoslle dicir que temol-a evidencia de sermol-os o millores, os mais doados, os mais fortes; de que todal-as forzas do esprito están conosco, de que imos trunfar por sermos nós, por sermos galegos, e por teren o Tempo e o Mundo os que o piden... 
Nós conta achar'agarimo e xenerosa axuda en todol-os que sintan d'iste xeito.
A todol-os que nos lean. 
SAÚDE E TERRA.

 Pódense ler e/ou descargar os números en Galiciana, Biblioteca Dixital de Galicia.

Unha recomendación: a visita á exposición Galicia, de Nós a nós que reúne na Cidade da Cultura máis de 300 pezas, o que sen dúbida constitúe unha das mostras máis completas e ambiciosas realizada nunca sobre a Xeración Nós. A exposición conta con obras procedentes de Francia, Alemaña e Portugal, amosando as conexións internacionais da revista Nós o que supuxo darlle unha dimensión de universalidade e apertura á cultura galega. Máis información sobre o evento en:

https://www.cidadedacultura.gal/es/evento/galicia-de-nos-nos



 

Ningún comentario:

Publicar un comentario