Páxinas

29 xaneiro, 2021

Día da Ilustración 2021. A emotividade visual das palabras

A fin de conmemorar o Día da ilustración (o 30 de xaneiro, data que coincide co nacemento de Castelao), evento que se vén celebrando desde o 2014 a iniciativa da Consellería de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia en colaboración coa Asociación Galega de Profesionais da Ilustración (AGPI), o alumnado de 1º e 2º de Bacharelato de Artes, baixo a coordinación da profesora María Armada Rodríguez, agasallounos cunha selección de palabras galegas ilustradas que forman unha perfecta simbiose entre significado e estética visual da palabra elixida. Todo un canto a emotividade das palabras.

  

Así mesmo lembramos a Lolita Díaz Baliño artista á que se lle dedica este ano o Día da ilustración.
Para saber máis sobre o labor artístico da homenaxeada aí vai o vídeo producido por AGPI en colaboración coa Secretaría Xeral de Cultura:

 

A seguir o cartel do Día da ilustración 2021, obra de Manel Cráneo:

Na seguinte foto vemos unha panorámica da exposición dos orixinais de 1º e 2º de Bacharelato de Artes, así como unha achega de ilustracións de 1º da ESO.


27 xaneiro, 2021

Literiatura [154] : Adão Iturrusgarai (3)

Apanhador
[Hoxe, 27 de xaneiro, fanse once anos do falecemento de Jerome David Salinger, autor de The Catcher in the Rye. Sempre pode haber un motivo para non o ler, aínda que hai máis para facelo] 


de Adão Iturrusgarai en A vida como ela, yeah!

22 xaneiro, 2021

XIII Olimpíada do saber. Os equipos

Trece son os equipos inscritos na décimo terceira edición da Olimpíada.

Moita sorte a todas e a todos:





19 xaneiro, 2021

VII Concurso Literario Mª Vitoria Taboada: O libro

Malia as circunstancias derivadas da pandemia da COVID-19, comprácenos presentar, e xa van sete, o libro cos textos gañadores do VII Concurso Literario Mª Vitoria Taboada, con ilustracións de alumnado do Bacharelato de Artes.
Agardamos que vos agrade a lectura e a observación das ilustracións.


 

16 xaneiro, 2021

A revista GRIAL en aberto

Coincidindo co 70 aniversario da fundación de Editorial Galaxia, a mesma pon a disposición de todos e de todas en formato PDF, na web da editorial, os 156 primeiros números da revista Grial, correspondendo os 100 primeiros á etapa dirixida por Ramón Piñeiro e Francisco Fernández del Riego (1963-1988), e os 56 restantes á etapa dirixida por Carlos Casares (1989-2002).

E tal como se nos informa, nos próximos meses poderemos acceder á xeira en que Víctor F. Freixanes e Henrique Monteagudo (2002-2019) levaron o temón.

Sen dúbida unha moi boa nova para estudosos do xornalismo galego e da historia máis recente, mais tamén para nostálxicos ou simplemente para remexer.
Preme na foto para acceder:


 

14 xaneiro, 2021

Mapa Sociolingüístico do Centro (MSC-2020)

Fonte


En novembro e decembro de 2020 requiríuselle ao alumnado dos diferentes cursos e grupos da ESO, do bacharelato e da FPB a súa opinión sobre a situación sociolingüística do centro canto a lingua inicial e habitual e usos lingüísticos, a través de enquisas de método cuantitativo con preguntas pechadas ou estandarizas. O traballo de campo concretouse no Mapa Sociolingüístico do Centro (MSC-2020), elaborado polo Equipo de Normalización e Dinamización da Lingua Galega (ENDLG), o Departamento de Galego e a Biblioteca, coa colaboración da Dirección e do profesorado titor.

Da análise dos resultados destacamos a perda de identidade da lingua galega, se comparamos as porcentaxes de lingua habitual galega (35,5%) con lingua inicial galega (46,5%), é dicir, un descenso de 11 puntos; o que reproduce a situación “macrodiglósica” ou de “dobre diglosia superposta” que estamos a vivir.

A seguir o informe do MSC-2020: 


Podedes baixalo en PDF aquí.
Premendo aquí podedes consultar o MSC-2014.

13 xaneiro, 2021

XIII Olimpíada do saber

 Xa está aquí a XIII Olimpíada do saber. Inscribídevos!


 Formade os vosos equipos e apuntádevos na Biblioteca.

 O prazo finaliza o 22 de xaneiro. O luns 25 comezamos.

05 xaneiro, 2021

Tex


Houbo un tempo (poñamos, cuarta arriba, cuarta abaixo, os ‘60) no que a mañá de Reis tiña aroma e son propios. Sobre os barrios pairaba o cheiro a pólvora, no aire estalaban os fulminantes. Os fulminantes (que palabra tan aquelada!) non fulminaban nada, polo que tiñan que ser reforzados con onomatopeas e aclaracións articuladas: Pum-pum (ou pam-pam), morto!, mentres no noso dedo índice tratabamos de facer xirar o revólver antes de enfundalo.

As extraordinarias e afastadas historias (marcos que se movían, preitos por dereitos de paso, o shériff ao servizo do cacique, o tren en permanente construción...) do Far West nutrían a nosa imaxinación e a nosa imaxinación nunca se vía farta.

O cine andaba aí, pero reducíase a domingos e festivos. As televisións vendíanse nas xoiarías. A nosa voracidade tiña, pois,  que acudir ás novelas (AS novelas, por antonomasia: Marcial Lafuente Estefanía, Silver Kane ou César Mallorquí, poñamos por caso) ou aos “contos”, que así lles chamabamos aos relatos en cadriños.


E aí si que si: o Sheriff King de Víctor Mora (si, o do capitán Trueno ou o Jabato), o Tenente Blueberry de Charlier e Jean Giraud, Red Ryder ou “El llanero solitario” (gloria á editorial Novaro de México!), El Coyote de Mallorquí... Longa sería a listaxe e cada quen tería os seus favoritos.

Así e todo, un lugar prominente hai que reservalo para Tex, Tex Willer, ranger de Texas e amigo dos indios. Tex está aí desde 1848 e non para. Véndense o dobre de fumetti de Tex en Italia, que cómics de Batman nos EUA. Os seus códigos éticos –integridade persoal, xustiza social, antirracismo...-, ben o vemos, aínda hoxe son difíciles de integrar na propia sociedade gringa. Os guións (os Bonelli, Claudio Nizzi, Mauro Boselli) constrúense con precisión de reloxeiro. Na parte gráfica dexergamos unha verdadeira constelación de estrelas da ilustración europea.

Entre os diferentes formatos, atopamos os “Texoni”, números autoconclusivos  en gran formato. Son estes, especialmente os debuxados por grandes autores españois, os que escolleu Editorial Aleta para recuperar o personaxe no noso mercado.


Aleta, como tantas editoriais de BD, crebou (terrible!) e a maior parte dos fondos entraron en liquidación. Iso permitiunos incorporar ao catálogo algo  do máis representativo dos fumetti de Bonelli, a gran fábrica de cómic popular da excelente e non moi coñecida produción italiana.

Nesta véspera de Reis, a Marela BD subiu o último dos sete Texoni que adquirimos para a biblioteca. Beizóns Tex Willer! Beizóns á túa defensa daquel pobo nativo con cultura propia e que non sabía de onde lle caían!


04 xaneiro, 2021