Páxinas

05 xaneiro, 2021

Tex


Houbo un tempo (poñamos, cuarta arriba, cuarta abaixo, os ‘60) no que a mañá de Reis tiña aroma e son propios. Sobre os barrios pairaba o cheiro a pólvora, no aire estalaban os fulminantes. Os fulminantes (que palabra tan aquelada!) non fulminaban nada, polo que tiñan que ser reforzados con onomatopeas e aclaracións articuladas: Pum-pum (ou pam-pam), morto!, mentres no noso dedo índice tratabamos de facer xirar o revólver antes de enfundalo.

As extraordinarias e afastadas historias (marcos que se movían, preitos por dereitos de paso, o shériff ao servizo do cacique, o tren en permanente construción...) do Far West nutrían a nosa imaxinación e a nosa imaxinación nunca se vía farta.

O cine andaba aí, pero reducíase a domingos e festivos. As televisións vendíanse nas xoiarías. A nosa voracidade tiña, pois,  que acudir ás novelas (AS novelas, por antonomasia: Marcial Lafuente Estefanía, Silver Kane ou César Mallorquí, poñamos por caso) ou aos “contos”, que así lles chamabamos aos relatos en cadriños.


E aí si que si: o Sheriff King de Víctor Mora (si, o do capitán Trueno ou o Jabato), o Tenente Blueberry de Charlier e Jean Giraud, Red Ryder ou “El llanero solitario” (gloria á editorial Novaro de México!), El Coyote de Mallorquí... Longa sería a listaxe e cada quen tería os seus favoritos.

Así e todo, un lugar prominente hai que reservalo para Tex, Tex Willer, ranger de Texas e amigo dos indios. Tex está aí desde 1848 e non para. Véndense o dobre de fumetti de Tex en Italia, que cómics de Batman nos EUA. Os seus códigos éticos –integridade persoal, xustiza social, antirracismo...-, ben o vemos, aínda hoxe son difíciles de integrar na propia sociedade gringa. Os guións (os Bonelli, Claudio Nizzi, Mauro Boselli) constrúense con precisión de reloxeiro. Na parte gráfica dexergamos unha verdadeira constelación de estrelas da ilustración europea.

Entre os diferentes formatos, atopamos os “Texoni”, números autoconclusivos  en gran formato. Son estes, especialmente os debuxados por grandes autores españois, os que escolleu Editorial Aleta para recuperar o personaxe no noso mercado.


Aleta, como tantas editoriais de BD, crebou (terrible!) e a maior parte dos fondos entraron en liquidación. Iso permitiunos incorporar ao catálogo algo  do máis representativo dos fumetti de Bonelli, a gran fábrica de cómic popular da excelente e non moi coñecida produción italiana.

Nesta véspera de Reis, a Marela BD subiu o último dos sete Texoni que adquirimos para a biblioteca. Beizóns Tex Willer! Beizóns á túa defensa daquel pobo nativo con cultura propia e que non sabía de onde lle caían!


Ningún comentario:

Publicar un comentario