Páxinas

24 marzo, 2021

Biblioteca inclusiva

20.000 leguas de viaxe baixo dos mares é un sentido agasallo da Asociación Juan XXIII, que fixo doazón á nosa biblioteca de seis exemplares da novela, adaptada para a  colección Lectura fácil, no marco do proxecto de Plena inclusión Galicia.


É por iso, que quixemos pór en valor a iniciativa da adaptación da novela de Jules Verne e pedímoslle a Misha Bies Golas que nos achegase unha breve recensión. Este foi o resultado:

"Trátase dunha adaptación da novela de Jules Verne, realizada pola Asociación Juan XXIII con debuxos de Miguel Rocha.
Nun exercicio de síntese no que se manteñen perfectamente moitos dos trazos psicolóxicos das personaxes do libro e centrándose tamén en varias das pasaxes de maior interese da historia do Capitán Nemo e compañía, esta versión reducida mantén un ritmo fluído que fai a súa lectura pracenteira e consegue levar o lector por recunchos dos mares que ata a data na que saíu a novela orixinal, 1869-1970, eran case que inimaxinables.
Parte fundamental da obra son as imaxes que Miguel Rocha debuxou para completala: unha serie duns trinta debuxos en branco e negro que acompañan o texto, dándolle forma física a algúns dos sucesos e paisaxes polos que discorre a historia do Nautilus. Cun trazo moi expresivo estas imaxes resultan do máis suxestivo tanto na súa relación co texto coma na súa mesma natureza plástica.
No que semella un exercicio de revisión dos xeitos de editar a finais do XIX, as imaxes exercen sobre o conxunto unha forza renovadora que a aproxima ás novas adaptacións de clásicos á B.D."
 Misha Bies Golas

 Ánimo, e moitas grazas á Asociación Juan XXIII e a Misha.

Ningún comentario:

Publicar un comentario