Páxinas

11 xuño, 2021

Itinerario IES Aller Ulloa - Fraga de Catasós : Ao fío de...

O mércores, 9 de xuño, o alumnado de 1º da ESO visitou a Fraga de Catasós, unha actividade organizada polo profesor Luís Guitián, que contou cunha abondosa colaboración. 
 
Sapientia naturae
 
A camiñada iniciouse a primeira hora da mañá, comezando a andaina desde o instituto. Durante o percorrido a comitiva pasou por diferentes parroquias de Lalín e houbo pequenas paradas en puntos de interese con breves explicacións ao alumnado por parte do profesorado acompañante (Fernando Pereira, Ramón Faílde, Luz González, Xulio Taboada, Alba Payo e Luis Guitián) sobre a historia da Igrexa de Lalín de Arriba, a Dorsal Galega, as plantacións de lúpulo, o Pazo de Quintela onde viviu Emilia Pardo Bazán... 
Unha vez na Fraga, houbo un breve repaso das especies autóctonas máis relevantes, que o alumnado tivo que recoñecer para logo realizar o seu herbario anual na materia de Bioloxía.  
Ao fío da andaina á Fraga de Catasós, unha alumna e dous alumnos do grupo D achegárannos as súas impresións sobre a camiñada:
Na actividade de hoxe fomos á Fraga de Catasós. Para ir, fixemos unha ruta a pé ata chegar alí. De cando en vez iamos parando, para que as profesoras e os profesores nos explicasen cousas sobre Bioloxía, como curiosidades sobre algunhas árbores; pero tamén aspectos relativos á Xeografía e á Historia, por exemplo onde pasou moito tempo Emilia Pardo Banzán, mentres estaba a escribir "Los Pazos de Ulloa". Tamén cales eran as montañas que se vían ao fondo, de que século é a igrexa de Lalín de Arriba etc. 
Estar alí foi moi divertido. Pasaron moitas cousas... 
Volvemos ao instituto en autobús, pero non con quen quixésemos. 
María Villamarín
Hoxe fomos á Fraga de Catasós, un lugar moi bonito cheo de árbores autóctonas. Polo camiño fomos facendo distintas paradas en lugares históricos como na Igrexa de Lalín de Arriba na que a profesora de Historia nos contou que alí foi o verdadeiro inicio de Lalín; ou no pazo no que veraneaba Emilia Pardo Bazán, unha escritora galega. E o profesor de Bioloxía explicounos os distintos tipos de árbores que hai na fraga. Gustoume moito ver que o ser humano non poida intervir na natureza ao seu antollo para saber realmente coma é. 
Samuel Fernández
Hoxe fun á Fraga de Catasós, resultou moi divertida esta saída porque foi especialmente diferente, xa que dende o curso pasado non fora a ningunha excursión. O camiño foi longo e acabei un pouco cansado, pero tamén desconectei e estiven entretido coa natureza, e perdín case todas as clases da mañá. Cando volvía estaba a desgusto por ter que marchar, pero foi unha moi boa experiencia. 
Martín Díaz
E como non, unhas fotos para dar fe:
 
En plena camiñada

Nunha das paradas informativas

Con moito ánimo

No Pazo de Quintela


A información nunca sobra

O entusiasmo que non falte

En plena natureza
Hora da parva

Collendo folgos

O poder da Fraga

Vida verde

Ningún comentario:

Publicar un comentario