Páxinas

26 setembro, 2021

26-S : Día Europeo das Linguas

A iniciativa do Consello de Europa, vénse celebrando cada 26 de setembro e desde o ano 2001 o Día Europeo das Linguas coa fin de pór en valor a diversidade lingüística da UE e promover a aprendizaxe de idiomas entre a cidadanía. 

O Día europeo das linguas fai que lle acheguemos ao alumnado os obxectivos de tal celebración, destacando o feito de promover, preservar e potenciar a riqueza da diversidade lingüística e cultural de Europa.

Para máis información visita O portal da lingua galega.

 

12 setembro, 2021

Loureiro de Ouro para Mario

Congratúlanos especialmente desde esta a súa casa o feito de que Mario Pereira recibira o Loureiro de Ouro que outorga o Foro para Cultivos Culturais de Lalín.
O acto de entrega do XI Loureiro de Ouro tivo como marco a terraza do Café Camilo, coas obras de remodelación da rúa de fondo.

Mario Pereira con Celso Fernández Sanmartín, Benxamín Otero e Raquel Vázquez Vaamonde, integrantes de FOCUCU que lle fixeron entrega do galardón.

O Foro para Cultivos Culturais de Lalín sinala que o recoñecemento a Mario Pereira vén motivado por ser:

Un incansable mestre, ilusionado normalizador dos usos sociais da nosa lingua, bibliófilo contaxioso, impulsor acérrimo e mantedor constante de bibliotecas, difusor da literatura galega como ben universal, mellorador da convivencia e a memoria da nosa vila a través de tertulias e publicacións, mellorador da veciñanza, escritor íntimo sen bombo nin platillo, logrador de poetas, novelistas e artistas plásticas, labrador novo e convencido, promotor cultural, veciño querido e amigable, lector social, abridor de camiños, pensador en conversa, exemplo de compromiso, de vocación, de traballo ilusionado e incansable.

Desde a Biblioteca Mario Pereira, a Marela e con ela a comunidade do IES Aller Ulloa moitos parabéns Mario, co teu premio nós sentímonos tamén premiados.

Máis información en La  Voz de Galicia ou en DZ Dixital.

07 setembro, 2021

Retirouse Xosé Paio


Paio
colgou a pucha.

Aí quedan, con ela, a rosa e o látego. Canda el, durante un tempo, marchará un doce extravío que o fará buscar aulas nas rúas. Onde atopará agora este home o seu proscenio, dende onde soprará as palabras xustas e precisas que fagan boa sementeira, e a quen...? Pero de certo que só será coma unha brétema mañanceira o que o faga descarreirar un chisco, só iso, un espellismo de corredores que xa non levan a rapaz ningún.

Porque o tempo que foi está tan cheo de verdades e certezas que non precisa da nostalxia para alongarse fantasiosamente. O tempo que está por vir demanda a mesma paixón destes anos, a mesma mestría que compasou a severidade coa xenerosa e incondicional dedicación a unha profesión. Hai na vida que vén, cerca, moi cerca, quen sen dúbida demandará a transmisión desas leccións. Non é posible deixar de ser o que un quixo ser.

Retirouse Xosé Paio: quede aquí resoando para sempre un longo bruído de recoñecemento desta Marela.