Páxinas

20 febreiro, 2022

21-F : Día da Lingua Materna

Como todos os 21 de febreiro desde o 2002 celebramos o Día da Lingua Materna, após de que a UNESCO, en 1999, aprobase tal conmemoración, a proposta de Bangladesh.

O humorista gráfico, debuxante e guionista de banda deseñada Pepe Carreiro, nun dos seus cuadriños publicado en Nós Diario, denuncia o imperialismo lingüístico. Toda unha chamada a concienciármonos sobre a problemática da transmisión da lingua galega como lingua materna. 


Mamihlapinatapai en lingua yámana é considerada a palabra máis sucinta do mundo segundo o Libro Guinness dos Récords. O seu significado é "unha mirada entre dúas persoas, cada unha das cales espera que a outra comece unha acción que ambas as dúas desexan, mais que ningunha se anima a iniciar ou suxerir".

Fermosa palabra coa queremos render homenaxe á avoa Cristina Calderón, a derradeira falante da lingua yámana, tras o seu recente falecemento.

E desde a Marela sumámonos a todas aquelas voces que se erguen contra o darwinismo lingüístico que está a provocar a morte continua de linguas, por caso, a morte da lingua yámana, o que supón que parte de nós, como seres humanos, se perde irremediablemente con ela.

Ver e escoitar a Cristina Calderón falando a lingua yámana fai que afloren sentimentos contraditorios de desasosego e ao mesmo tempo de  esperanza, no senso de que as linguas son tesouros inmateriais que nos enriquecen como sociedade e que como tal debemos conservar. 

 

Por tanto, non está de máis lembrar algunha pasaxe histórica en defensa da lingua galega que denuncie a marxinación sufrida por esta en épocas pretéritas para pór en valor a loita pola normalización da mesma na actualidade, por caso a denuncia que no seu día formulou o matemático Enrique Vidal Abascal (fillo adoptivo de Lalín), quen subscribe a feita no seu momento polo P. Sarmiento canto á marxinación da lingua galega no sistema educativo nos seguintes termos:

"sufrí la tristeza de comprender que estas nuevas formas [de ensino da lecto-escritura] no podrán implantarse en Galicia mientras siga dándose la enseñanza en castellano". Enrique Vidal Abascal, Zúric 1935.


 

Ningún comentario:

Publicar un comentario