Páxinas

30 abril, 2022

"As Ramonas", con Ana Cabaleiro

Achégase a fin do curso e parece que, tamén, da pandemia, así que o alumnado dos clubs de lectura Tarabelos I e II puido gozar dunha xornada lúdico-artística polas terras de Trasdeza.
A primeira parada foi o MOSTEIRO DE CARBOEIRO. Alí, da man de  Xesús e Núria, integrantes de Tesouros novos, coñeceron como se foi construíndo o edificio, o paso do románico serodio ao gótico cos diferentes tipos de arcos e bóvedas; viron os restos da policromía que cubría as paredes  interiores; estudaron as ábsidas e rosetóns;  convertéronse no Abade Fernando por un momento, co seu báculo e mitra; descubriron os gravados (os auténticos e as mostras de vandalismo) e coñeceron a historia deste singular edificio desde as súas orixes no século X, símbolo do poder nobiliario relixioso, ata a reconstrución actual, pasando pola desamortización, o período de abandono total, o espolio e o vandalismo.
Xa fóra do edificio, na aula de interpretación, xogaron a ser mestres de obra e canteiros e levantaron, peza a peza, unha maqueta do edificio. Mais, antes tiveron que aprender a facer arcos de medio punto e apuntalados, e conseguir que ao quitar o acimbre de madeira a clave aguantase ben e o arco non se derrubase.
 










A media mañá, o grupo deixou atrás o claustro e o recinto relixioso para seguir a canle do RÍO DEZA atendendo as explicacións do seu profesor de Educación Física, Borja Costoya. Por veces, o camiño non resultaba fácil, as pedras estaban esvaradías e as silvas convertíanse en soltas naturais que había que evitar. Pero a paisaxe ben o valía.








E tras xantar na Área Recreativa A Carixa a rapazada só podía encamiñarse cara á FERVENZA DO TOXA. Non por coñecidas estas augas deixaron de resultarlles menos atractivas, así que mollaron as mans (para os pés estaban demasiado frías), tiraron fotos, subiron ao miradoiro... e gozaron do sol.



Finalmente, pasadas as tres e media da tarde, a escritora que, dalgunha maneira, propiciou todo isto, estaba a esperarnos na vella ESTACIÓN DO TREN DE ABADES.

Grazas a ANA CABALEIRO e á súa novela As Ramonas, todas e todos nos convertemos en Mona Otero e fomos facendo o seu percorrido vital: Estación de Abades (aínda que para o Adif era Bandeira), estación de Castro (a máis deteriorada de todas elas), taberna de Lola, campo da festa de Saídres e estación de Ponte. 
Carmen Frade e Adriana Iglesias, coordinadoras dos clubs de lectura, guiáronnos ao longo destes dous meses de lectura. Nesta tarde de tronos, pero sen auga, Ana Cabaleiro resolveu as nosas dúbidas e fíxonos reflexionar sobre o paso do tempo, o bonito e o feo das nosas orixes, o que queremos deixar atrás... E ata nos pediu que fósemos Mona Otero, que nos convertésemos nesa muller creativa e construísemos a nosa fotografía persoal.
 







E como adoita pasar nestes casos, cando as cousas saen ben, os rapaces preguntan pola próxima. A modo de exemplo, deixámosvos o comentario que nos fixo chegar Álex Sucasas, un dos participantes no itinerario lector:

"Gustoume moito o itinerario ao Mosteiro de Carboeiro e á Fervenza do Toxa, xa que permite desinhibirte das dificultades do centro educativo e vivir novas experiencias. Fíxome posible volver saír á natureza en grupo, descubrindo zonas e detalles da contorna e ollalos con abraiante beleza.
Estar na natureza é agradábel, faite desconectar, vivir o momento con quen estás, socializar e, o máis importante, ter cousas boas que contarlle á xente e aconsellala para que fagan a mesma ruta sós/soas ou acompañad@s. No meu caso, ao día seguinte da excursión tiña un exame, e durante este tempo vin as cousas máis positivas con respecto ao que quería facer nesa proba e as miñas expectativas. 
Outra cousa é o subidón que recibe o teu corpo ao camiñar. 
Se dispuxésemos de, polo menos, en cada trimestre de tres saídas, aumentarían as nosas expectativas e ánimo para estudar, pois serían nove paradas no camiño do curso que abafa ao estudante".

E a propia Ana Cabaleiro tamén nos fixo chegar a súa impresión da actividade:

"Unha das cousas máis marabillosas que me pasaron este mes de abril foi compartir o roteiro de AS RAMONAS con alumnado do IES Aller Ulloa de Lalín.
Grazas a todxs por "xogar" a ser Mona Otero durante toda unha tarde e percorrer os escenarios da súa historia literaria coa mente aberta.
Grazas a Carmen e Uxía, as profas que o fixeron posible.
E se as "creacións" que xurdiron deste roteiro frutifican en formato libro, eu quero ir á festa de presentación!!

Facebook de Ana Cabaleiro

Pola nosa parte, non podemos dicir máis que grazas Ana, moitas grazas por prestármonos o teu tempo e axudármonos a empezar a ser escritores e escritoras.




28 abril, 2022

Visita ao CiQUS

O xoves, o meu alumnado de 1º do Bacharelato, Luis Guitián e eu visitamos o CiQUS, Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materias Moleculares do Campus Vida da USC. Alí tivemos a oportunidade de coñecer algunhas liñas de investigación que desenvolven neste centro punteiro a nivel internacional, así como ver algúns dos seus laboratorios, observar células ao microscopio de fluorescencia, comprobar de primeira man técnicas de cromatografía e de resonancia magnética nuclear para coñecer os átomos que compoñen as moléculas, e, por suposto,  desfrutar dunhas demostracións experimentais.

Na galería de imaxes podedes ver unha pequena mostra da actividade no recinto do CiQUS, así como a foto de familia na Ferradura da Alameda de Santiago.

Natalia Fernández, Profesora de Bioloxía










23 abril, 2022

Día internacional do libro e dos dereitos de autor

O 23 de abril de de 1564 morría Shakespeare, tamén un 23 de abril, pero de 1616, falecía Garcilaso de la Vega e Miguel de Cervantes erra enterrado.  Aínda que durante moito tempo se dixo que Cervantes tamén morrera o 23, un cambio do calendario xuliano ao gregoriano está na base do equívoco.
Sexa como for, esa foi a data escollida pola Unesco para celebrar, desde 1995, o día do libro. E na biblioteca do IES Ramón Mª Aller Ulloa fixemos unha selección de carteis que nos recordasen a data. Cartelaría que o alumnado de 2º curso do Bacharelato de Artes aproveitou para facer un estudo crítico.

E os clubs de lectura non quixeron deixar pasar estes días sen celebrar os libros. Así, os máis pequenos, ABCD e Rabo Rizado, compartiron contos, lendas e kahoots este venres 22 con alumnado de español do Liceo Pitagora Selargius e a súa profesora Paula Gómez González. Podedes ver a reportaxe gráfica en  Trama Irmau.

Os máis grandiños, Tarabelos I e II, participarán o vindeiro mércores no itinerario literario "As Ramonas" da man da escritora Ana Cabaleiro.




22 abril, 2022

Libros prohibidos

Desde o IES de Mugardos achégannos este vídeo Libros prohibidos (IES de Mugardos) para que recordemos que ler con liberdade non sempre foi posible. E hoxe en día tampouco nos libramos da censura, segundo onde nos tocase nacer. 

Estes que eles nos presentan, se queres, podes levalos en préstamo da nosa biblioteca. Celebra o 23 de abril lendo.

12 abril, 2022

Pasamento de Arcadio López Casanova

Arcadio López Casanova (Lugo, 5 de marzo de 1942) foi un dos grandes poetas do último terzo do século XX. Membro do coñecido como "Grupo das Festas Minervais" desde Palabra de honor (1967) ata Diario da casa grande (2019) non deixou de publicar, basicamente poesía, pero tamén ensaio e teatro.

Tal e como recolle hoxe mesmo a Real Academia Galega na súa páxina "Como creador, deixa libros como Mesteres (1976), obra fundamental na renovación da poesía do seu tempo na que mantén a cerna do seu universo poético: a vivencia e a representación do desposuimento e do exilio nadas cando, por circunstancias profesionais, deixou Galicia para se instalar á beira do Mediterráneo, onde nunca deixou de cultivar a lingua galega como poeta e como investigador do feito literario".

Descanse en paz.

                                                      Imaxe: Creative Commons




11 abril, 2022

11 de abril de 1972. Medio século sen Ken Keirades.

"Se a Manuel García Barros lle permitisen opinar sobre as condicións leoninas do contrato que asinou coa vida para que lle concedese a existencia, seguramente tivera que facer algunhas obxeccións relativas á situación na que tería que desenvolver a súa vocación literaria. Pero as cláusulas eran innegociables e, de querer nacer, debía facelo no seo dunha modesta familia labrega do lugar de Ulla, na parroquia estradense de Berres, un 16 de novembro de 1876". Collemos prestadas estas palabras de Xoán Carlos Garrido Couceiro, grande estudoso da vida de García Barros, para facer referencia ao seu nacemento e á súa vocación literaria.
Só uns anos máis vello ca os homes do Grupo Nós, vivirá as mesmas circunstancias traumáticas ca estes e tocaralle sufrir nas súas carnes o despoxo da súa praza de mestre e ir á cadea en varias ocasións.
Xornalista (El Estradense, El emigrado), mestre, labrego e narrador. Contiños da Terra e As aventuras de Alberte Quiñoi ben merecían un Día das Letras Galegas. Desde aquí reivindicamos a figura de Ken Keirades, como el se facía chamar,  ben merecedor desa honra.




Ao fío do... Encontro con Juan Gestal

O profesor Juan Jesús Gestal ofreceu ao alumnado de Cultura Científica de 4º da ESO unha soberbia conferencia sobre un dos acontecementos históricos que deixará pegada na experiencia vital de todos nós: a COVID 19.
O profesor debullou a evolución do virus dende a súa aparición hai xa dous anos en Wuhan ata as últimas novidades en canto a medidas e coñecemento científico deste coronavirus. E case máis importante, desmentiu trolas que circulan polas redes sociais e teorías conspiracionistas.
Para o noso acougo, e aínda que dixo non ter unha bóla de cristial, augura unha normalización da vida cotiá máis cedo que tarde, debido por un lado á inmunidade que nos ofrecen as vacinas e por outro á maior capacidade de contaxio da variante ómicron que xerou inmunidade de xeito natural a aquelas persoas que contraeron a enfermidade.
Aínda que OLLO! “O virus xa nos enganou dúas veces” pero desta volta é máis optimista, o tempo é un aliado e a circulación doutros virus respiratorios unha boa nova.
Alba Payo Froiz, profesora de Historia






E antes de marchar de volta á USC aínda tivo tempo de dedicarnos a súa última publicación, Pandemias. As epidemias que asolaron a humanidade, publicado por Bolanda.