Páxinas

30 abril, 2022

"As Ramonas", con Ana Cabaleiro

Achégase a fin do curso e parece que, tamén, da pandemia, así que o alumnado dos clubs de lectura Tarabelos I e II puido gozar dunha xornada lúdico-artística polas terras de Trasdeza.
A primeira parada foi o MOSTEIRO DE CARBOEIRO. Alí, da man de  Xesús e Núria, integrantes de Tesouros novos, coñeceron como se foi construíndo o edificio, o paso do románico serodio ao gótico cos diferentes tipos de arcos e bóvedas; viron os restos da policromía que cubría as paredes  interiores; estudaron as ábsidas e rosetóns;  convertéronse no Abade Fernando por un momento, co seu báculo e mitra; descubriron os gravados (os auténticos e as mostras de vandalismo) e coñeceron a historia deste singular edificio desde as súas orixes no século X, símbolo do poder nobiliario relixioso, ata a reconstrución actual, pasando pola desamortización, o período de abandono total, o espolio e o vandalismo.
Xa fóra do edificio, na aula de interpretación, xogaron a ser mestres de obra e canteiros e levantaron, peza a peza, unha maqueta do edificio. Mais, antes tiveron que aprender a facer arcos de medio punto e apuntalados, e conseguir que ao quitar o acimbre de madeira a clave aguantase ben e o arco non se derrubase.
 










A media mañá, o grupo deixou atrás o claustro e o recinto relixioso para seguir a canle do RÍO DEZA atendendo as explicacións do seu profesor de Educación Física, Borja Costoya. Por veces, o camiño non resultaba fácil, as pedras estaban esvaradías e as silvas convertíanse en soltas naturais que había que evitar. Pero a paisaxe ben o valía.








E tras xantar na Área Recreativa A Carixa a rapazada só podía encamiñarse cara á FERVENZA DO TOXA. Non por coñecidas estas augas deixaron de resultarlles menos atractivas, así que mollaron as mans (para os pés estaban demasiado frías), tiraron fotos, subiron ao miradoiro... e gozaron do sol.



Finalmente, pasadas as tres e media da tarde, a escritora que, dalgunha maneira, propiciou todo isto, estaba a esperarnos na vella ESTACIÓN DO TREN DE ABADES.

Grazas a ANA CABALEIRO e á súa novela As Ramonas, todas e todos nos convertemos en Mona Otero e fomos facendo o seu percorrido vital: Estación de Abades (aínda que para o Adif era Bandeira), estación de Castro (a máis deteriorada de todas elas), taberna de Lola, campo da festa de Saídres e estación de Ponte. 
Carmen Frade e Adriana Iglesias, coordinadoras dos clubs de lectura, guiáronnos ao longo destes dous meses de lectura. Nesta tarde de tronos, pero sen auga, Ana Cabaleiro resolveu as nosas dúbidas e fíxonos reflexionar sobre o paso do tempo, o bonito e o feo das nosas orixes, o que queremos deixar atrás... E ata nos pediu que fósemos Mona Otero, que nos convertésemos nesa muller creativa e construísemos a nosa fotografía persoal.
 







E como adoita pasar nestes casos, cando as cousas saen ben, os rapaces preguntan pola próxima. A modo de exemplo, deixámosvos o comentario que nos fixo chegar Álex Sucasas, un dos participantes no itinerario lector:

"Gustoume moito o itinerario ao Mosteiro de Carboeiro e á Fervenza do Toxa, xa que permite desinhibirte das dificultades do centro educativo e vivir novas experiencias. Fíxome posible volver saír á natureza en grupo, descubrindo zonas e detalles da contorna e ollalos con abraiante beleza.
Estar na natureza é agradábel, faite desconectar, vivir o momento con quen estás, socializar e, o máis importante, ter cousas boas que contarlle á xente e aconsellala para que fagan a mesma ruta sós/soas ou acompañad@s. No meu caso, ao día seguinte da excursión tiña un exame, e durante este tempo vin as cousas máis positivas con respecto ao que quería facer nesa proba e as miñas expectativas. 
Outra cousa é o subidón que recibe o teu corpo ao camiñar. 
Se dispuxésemos de, polo menos, en cada trimestre de tres saídas, aumentarían as nosas expectativas e ánimo para estudar, pois serían nove paradas no camiño do curso que abafa ao estudante".

E a propia Ana Cabaleiro tamén nos fixo chegar a súa impresión da actividade:

"Unha das cousas máis marabillosas que me pasaron este mes de abril foi compartir o roteiro de AS RAMONAS con alumnado do IES Aller Ulloa de Lalín.
Grazas a todxs por "xogar" a ser Mona Otero durante toda unha tarde e percorrer os escenarios da súa historia literaria coa mente aberta.
Grazas a Carmen e Uxía, as profas que o fixeron posible.
E se as "creacións" que xurdiron deste roteiro frutifican en formato libro, eu quero ir á festa de presentación!!

Facebook de Ana Cabaleiro

Pola nosa parte, non podemos dicir máis que grazas Ana, moitas grazas por prestármonos o teu tempo e axudármonos a empezar a ser escritores e escritoras.




Ningún comentario:

Publicar un comentario