Páxinas

26 novembro, 2022

Ao fío de... 25 N

Pasou o día... e esperamos que as actividades levadas a cabo polo alumnado de 4º da ESO A e C e 1º do Bacharelato servisen para concienciar da necesidade de acabar coa lacra do maltrato contra as mulleres.

O primeiro en mostrar o seu traballo foi o grupo de 1ºC, coordinado pola profesora de Lingua e Literatura galegas, Uxía Nogueira. Unhas cartolinas recollían o nome das mulleres asasinadas neste 2023 e un dato sobre a súa morte que, a cada un deles e cada unha delas, lles pareceu estarrecedor. Lían en voz alta o nome da muller e colocaban a cartolina sobre unha cadeira baleira, simbolizando deste xeito esas 40 vidas arrebatadas no que levamos de ano.

A continuación, o grupo de 4º da ESO C, coordinado pola profesora de Xeografía e Historia, Alba Payo, leu unha selección de textos narrativos e poéticos nos que se denuncia a violencia machista exercida contra as mulleres. Podedes ver a escolma neste enlace.

Finalmente, as rapazas de 4º da ESO A, guiadas pola profesora de Inglés, Saleta Fragueiro, leron as cartas que elas mesmas escribiran, dirixidas a persoas, ficticias ou non, do seu contorno: nais, irmás, amigas... posibles vítimas desta lacra social. Algunha das misivas fixo que os ollos do público se embazasen de emoción, dor e rabia.

Aos que nos ledes, aínda que non puiderades estar alí, só vos queremos dicir o mesmo que Saleta lle pediu ao noso alumnado: "Rapazas: querédevos moito, respectádevos e facédevos querer e respectar. Rapaces: confiamos en vós"

Deixámosvos aquí algunhas das fotografías que a profesora do Dpto. de Artes, Mari Ruzo, nos fixo chegar. Os lazos son traballo do voluntariado da Biblioteca e da profesora de Bioloxía Ana Penas, e do son encargouse o profesor de Inglés Manuel Conde.
















25 novembro, 2022

25 N : Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller

Un ano máis, como cada 25 de novembro, celebramos o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, sempre coa esperanza de que sexa o derradeiro. E facémolo lembrando as vítimas da violencia de xénero, mulleres anónimas, que polo feito de seren mulleres sufriron a terríbel lacra da violencia machista. 

A Biblioteca faise eco das diferentes actividades a desenvolver para conmemorar o 25N:

Cadeiras baleiras, por 1º Bach C
Cartas contra a violencia, por 4º C 
Voces poéticas e narrativas contra o maltrato, por 4º A

A maiores, desde A Marela, propoñémosvos contra a violencia de xénero dúas suxestións:  A breve escolma poética e narrativa, Voces contra a violencia de xénero

A curta de animación Teatro de la injusticia realizada polo Instituto Navarro para a Igualdade e o Concello de Ansoáin.

 

19 novembro, 2022

20 anos da desfeita do Prestige

 Que razón tiña Gardel cando cantaba aquilo de "que vinte anos non é nada"...  Pasaron xa 20 anos desde que o PRESTIGE, un buque monocasco (seica ese foi un dos problemas), afundiu fronte ás nosas costas, á altura de Vigo, a unhas 138 millas mar adentro provocando a maior das mareas negras da nosa historia.

  Esa marea de chapapote deu lugar a outra marea humana, a do NUNCA MÁIS, pero 20 anos despois os grandes petroleiros seguen pasándonos por diante dos narices, 36.000 barcos ao ano, e o 35% deles con cargas perigosas coma o petróleo, segundo sinala Greenpeace (El Correo Gallego 18/11/22).

    Tamén Gardel cantaba que o esquecemento todo o destrúe, e para que o noso alumnado, que xa non sabe que é iso do Prestige non esqueza o desastre, asistiu á representación de N.E.V.E.R.M.O.R.E, de Chévere Teatro, da que xa demos conta  no seu momento (Clicar aquí) e sacamos ao vestíbulo obras que versan sobre esta traxedia, algunhas xa cuns aniños coma Prestige. Crónica negra dun modelo enerxético insostible, do CEIDA; e outras de recente incorporación ao noso fondo como Tal como foi, tal como fomos, de Xosé Manuel Pereiro. Se queredes botarlle unha ollada non dubides en pedilos na Biblioteca.






11 novembro, 2022

Semana de teatro

Esta semana o noso alumnado asistiu a dous espectáculos teatrais da man do Grupo Chévere, no Auditorio de Galicia. 

O martes 8 os rapaces e as rapazas de 4º ESO coñeceron algúns momentos da nosa historia recente, e non tan recente, grazas a Curva España, unha peza que o propio grupo clasifica como teatro-documento e ficción teatral. Nela teatro e cine entrelázanse para desvelarnos algúns datos máis sobre o accidente do enxeñeiro España nunha curva de Verín nos días nos que se estaba decidindo o trazado das vías do ferrocarril por terras ourensás.

E este venres 11 foron as mozas e os mozos de 1º do Bacharelato os que puideron desfrutar de N.E.V.E.R.M.O.R.E, unha peza teatral que os levou ata aquel 2002 do Nunca Máis.

Deixámosvos algunhas imaxes, por cortesía de Severiano Casalderrey e Ana Camiño, do noso alumnado e dos actores:









06 novembro, 2022

Severiano Casalderrey e o volume 3 dos Cadernos FICBUEU

Unha vez máis, comprácenos presentar na Marela, unha nova publicación do noso compañeiro Severiano Casalderrey, desta volta o volume nº 3 dos Cadernos FICBUEU, so o título As prácticas do IIEC e da EOC como primordio dun novo cinema español (1947-76)

Seve en plena presentación
 

Xa no seu momento, na Marela, nos fixemos eco da publicación dos volumes 1 e 2 dos anteditos Cadernos: A "Nouvelle vague" a través das súas curtametraxes (1956-65)  e O National Film Board of Canadá e a súa “Idade dourada” da curtametraxe (1963-83).

No acto de presentación, desenvolvido este sábado no marco da Escola de Música de Silleda, Seve foi esmiuzando con precisión os diferentes capítulos do libro. 
A seguir unhas instantáneas do evento, xentileza da Escola de Música de Silleda:
 

 



05 novembro, 2022

Recepción de Gonzalo Navaza como académico de número

Gonzalo Navaza / academia.gal
 

Por fin, hoxe, 5 de novembro, ingresa como numerario da Real Academia Galega  o filólogo e escritor lalinense Gonzalo Navaza, ocupando a vacante do finado historiador Xosé Ramón Barreiro.   
O discurso de toma de posesión versará sobre Nomes de persoa na toponimia de Lalín. Acto que se poderá seguir a través da web da RAG, a partir das 12:30 horas.   
Gonzalo Navaza fora elixido académico polo pleno da RAG o 23 de outubro de 2021, mais é agora cando por fin a xustiza académica se fai realidade ao sentar de pleno dereito na cadeira de académico. 
Xa no seu momento a Marela se fixera eco da nova da elección.
Unha vez máis, moitos parabéns Gonzalo.

04 novembro, 2022

XIII Día da Ciencia en galego


Neste XIII Día da Ciencia en Galego os homenaxeados son Ángeles Alvariño e Evaristo Galois.
 
A galega Ángeles Alvariño foi a primeira muller a bordo dun barco británico de investigación en calidade de científica. Logo diso participou en varias expedicións polo Atlántico e o Pacífico.
Precursora na investigación oceanográfica española e destacada científica internacional, chegou a descubrir 22 especies novas de organismos mariños.
Se queredes saber máis sobre ela podedes consultar, na nosa biblioteca, o libro Galegas na Ciencia.
En Toc Toc-A Ciencia tedes ao voso dispor máis información sobre o Día da Ciencia en Galego.