Páxinas

29 xaneiro, 2023

Día da Ilustración 2023

Como cada ano desde o 2014, o 30 de xaneiro, data que coincide co nacemento de Castelao, conmemoramos o Día da ilustración, evento que se vén celebrando a iniciativa da entón Consellaría de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia en colaboración coa Asociación Galega de Profesionais da Ilustración (AGPI).
 
Cartel do Día da Ilustración 2023 de Siro
 
 
Neste 2023, o Día da Ilustración está dedicado á figura de María Antonia Dans, pintora e ilustradora, cunha traxectoria que gozaría do respecto da crítica e do cariño do público.
 
A seguir o vídeo-homenaxe sobre a figura de María Antonia Dans, producido por AGPI en colaboración coa Dirección Xeral de Cultura.
 
 
 
Máis información en Bibliotecas Escolares de Galicia.

Para conmemorar tal Día da Ilustración, o alumnado de Artes de 2º do Bacharelato, coordinado pola profesora María Armada, está a elaborar unha serie de ilustracións orixinais a partir dos textos premiados no IX Concurso Literario Mª Vitoria Taboada e que formarán parte da edición do libro.


 

27 xaneiro, 2023

Coa nosa xente... María Pol López

Ao fío da publicación en 2022 do traballo de fin de grao no volume 7 da revista Cumieira.Cadernos de investigación da nova Filoloxía Galega, publicación de carácter anual, editada polo Departamento de Filoloxía Galega e Latina da Universidade de Vigo, traemos hoxe á sección Coa nosa xente a María Pol López. Con anterioridade, o traballo xa fora editado en liña en xuño de 2021 pola USC

María en primeiro plano con Tania na presentación da Asociación Cultural Chorima

A investigación de María Pol leva por título Descrición e percepción do cambio en tempo aparente do uso da gheada en Lalín.

Á esquerda portada do Vol.7 de Cumieira, a dereita a edición da USC

Un traballo feito con moito rigor metodolóxico e científico que María resume da seguinte maneira: 
“A investigación realizada permitiu abordar o uso da gheada botando man dos marcos metodolóxicos da análise do cambio lingüístico en tempo aparente e da lingüística popular. O obxecto de estudo foi o uso da gheada e a opinión que teñen as persoas do concello de Lalín sobre o dito fenómeno. Na análise dos datos cuantitativos, observouse con claridade que a tendencia de uso da variante con gheada redúcese conforme a idade dos entrevistados tamén diminúe, pois as persoas máis novas case non a empregan (só presentan no discurso analizado un 1,2% de ocorrencias con gheada). Polo tanto, na diminución do uso deste trazo a variable da idade xoga un papel moi determinante. O cambio máis abrupto atópase entre a xeración máis vella e a intermedia, cunha diferenza do 52% no uso da gheada. Entre a xeración intermedia e a máis nova a diferenza é do 25%. Con todo, é preciso ter presente que os datos da xeración máis nova están condicionados pola consciencia de estar nun contexto formal, malia que esa sensación tentou ser evitada”.

Moitos parabéns polo progreso persoal, María.

A seguir a nosa María de cando o 2º do Bacharelato:

María no curso 2016-17. Copyright IES Aller Ulloa