Páxinas

27 abril, 2023

Encontro con Aga-Ucraína, as reseñas

A profesora Alba Payo déixanos unha breve recensión do encontro con AGA-Ucraína.

O alumnado de HMC de 1ºBAC, 4ºESO A e 3ºESO A e C acudiu o mércores 26 a unha charla que ofrecía AGA-Ucraína, a asociación Galega de Axuda a este país.

Dous dos membros desta asociación, Eva e Santiago, explicáronlle ao alumnado algunhas curiosidades dos símbolos ucraínos, como o significado das cores da bandeira, da vyshyvnka, da súa lingua… Tamén lles amosaron unha serie de fotografías da destrución de vivendas, infraestruturas, tendido eléctrico…

A intención é que o alumnado comprenda como, de súpeto, a túa vida pode cambiar e verte abocado a coller unha maleta, fuxir a outro país e converterte nun refuxiado.

Pero, a parte da charla máis emotiva foi a testemuña que nos ofreceu Cristina, unha refuxiada provinte da cidade de Bucha, que escapou ao comezo da guerra pensando que ían ser uns días, que logo se converteron en meses e agora xa nun ano.

E por último, para que o alumnado tomase conciencia da necesidade de axuda humanitaria explicaron os actuais proxectos nos que traballan vinculados á compra de material médico necesario como impresoras 3D para a fabricación de próteses para os mutilados.

Dende o centro aportamos o noso gran de area a modo de axuda económica nas caixas situadas na Biblioteca Mario Pereira, na Conserxaría e en Secretaría.







25 abril, 2023

A Gran Guerra. As cartas da esperanza II : O libro

O pasado mes de marzo, o vestíbulo do instituto foi testemuña da exposición Cartas desde as trincheiras, continuación da actividade iniciada o curso anterior co título: A Gran Guerra: As cartas da esperanza. Dita actividade foi desenvolvida polo alumnado de 4º da ESO coordinado pola profesora Alba Payo. E é agora que vos presentamos o libro froito da exposición.

Agardamos que sintades as mesmas sensacións que o alumnado, que, en palabras da profesora Alba Payo, nun xogo de empatía puxo a súa voz nas cartas que os soldados enviaban á casa dende aquelas trincheiras da Gran Guerra infestas de ratas e piollos, cubertas de lama e con cheiro a gangrena, dor e morte.E que a alumna Elba Couso Patiño soubo complementar con mestría na ilustración da portada do libro.

A seguir o libro dixital:

 

24 abril, 2023

Día do libro na Mario Pereira


Todos os días son o día do libro, tal e como proclaman desde Bibliotecas escolares de Galicia, así que na Mario Pereira decidimos amosar os libros que fomos creando día a día, mesmo ano tras ano, e sacamos dos andeis e almacén os nosos libros, creacións do alumnado nos que a Biblioteca non funciona como receptora senón como editora. 

No vestíbulo do IES Aller Ulloa podedes ver unha selección de "As Marelas", as nosas guías de lectura ou monográficos, os xa 9 libros do Concurso literario Vitoria Taboada, as cartas desde as trincheiras ou o resto de materiais impresos que recollen o traballo do noso alumnado ao longo da extensa historia da nosa biblioteca. 

Tamén vos deixamos aquí a ligazón á nosa conta de ISSUU por se lle queredes ir botando unha ollada.







23 abril, 2023

Encontro con AGA-Ucraína

Organizado e coordinado pola Biblioteca, o profesor Moncho Faílde e a profesora Alba Payo, o mércores 26 terá lugar un Encontro con AGA-Ucraína (Asociación Galega de Axuda a Ucraína) arredor da Crise en Ucraína e o desprazamento forzado da poboación, e que terá como destinatario o alumnado de HMC e de 4ºA e 3ºA da ESO.

 

O relatorio servirá para concienciar o alumnado sobre a problemática dos refuxiados ucraínos que se acheguen a Galicia, e coñecer de primeira man as penurias da sociedade civil ucraína que sobrevive en pleno conflito.

Por todo iso, levarase a cabo unha campaña de recollida de fondos para contribuír á necesidade de envío de subministración e de apoio económico, así como de axuda aos refuxiados ucraínos en Galicia.

13 abril, 2023

E seguimos compartindo experiencias

 Desde o PFPP do IES Aller Ulloa seguimos a compartir experiencias bibliotecarias. Se o mes pasado nos visitaron as compañeiras do CEIP Plurilingüe Nosa Señora da Piedade, esta vez fomos nós os que nos desprazamos ata o IES de Celanova para, da man de Isidora Gil, ver as últimas reformas da Biblioteca e mellorar os nosos PDIs. A seguir, unha breve crónica, da man de María Armada, e fotografías de Mari Ruzo e Jose Rey.

"É curioso cando alguén che di que a formación está vinculada a un espazo concreto, acostumados como estamos a que unha creación audiovisual substitúa a presencialidade. Non é máis lóxico que o docente se desprace ata o noso centro e nos explique o que se fai alí? pensaba erroneamente. Dende o primeiro momento, a coordinadora do noso equipo, coñecedora do centro e do seu traballo invalidou dita opción. 

 Ao entrar ao IES de Celanova enténdese todo: non parece un centro educativo, do que moitos, para que negalo, ás veces queremos escapar. Sentes como un privilexio a oportunidade de ter habitado por unhas horas nese lugar. Como se o talento de todos os que contribuíron á creación  de espazo estivese presente. Para a nosa sorte, e especialmente para a poboación de Celanova, o talento segue vivo e cheo de entusiasmo. Os traballos dos alumnos engalanando o corredor eran mostra recente do mesmo."





















10 abril, 2023

Coa nosa xente : María Pájaro Diéguez

Ao fío da publicación do seu primeiro libro, Quen é a nena?, e da presentación do mesmo no Círculo Recreativo Casino de Lalín o pasado 9 de abril, traemos hoxe á sección Coa nosa xente a María Pájaro.

Foto: Lapela de Quen é a nena?

Na contraportada do libro podemos ler unha breve recensión na cal María nos achega unha mirada reivindicativa que pon en valor a lingua galega e que a mantenta nos mergulla na súa lectura:

Escapamos dos fantasmas que foron acompañando a nena ata o día de hoxe.
É un libro de carácter biográfico que demostra que todos somos iguais independentemente da lingua, que ten que ser falada para evitar a súa desaparición... O libro trata da riqueza cultural dos nosos refráns e do valor de achegármonos ás persoas que realmente nos queren, afastando outras que nos desexan o mal, entre outras historias que quedan por contar...
Quen é a nena? Non vai deixarte só e será unha menciña para seguir adiante.

Salientar que María é tamén autora do deseño da portada e das ilustracións dos diferentes relatos.

 

Moitos parabéns María.

A seguir a nosa María cando o 2º do Bacharelato: 

María no curso 2010-11. Copyright IES Aller Ulloa