O alumnado de HMC de 1ºBAC, 4ºESO A e 3ºESO A e C acudiu o mércores 26 a unha charla que ofrecía AGA-Ucraína, a asociación Galega de Axuda a este país.
Dous dos membros desta asociación, Eva e Santiago, explicáronlle ao alumnado algunhas curiosidades dos símbolos ucraínos, como o significado das cores da bandeira, da vyshyvnka, da súa lingua… Tamén lles amosaron unha serie de fotografías da destrución de vivendas, infraestruturas, tendido eléctrico…
A intención é que o alumnado comprenda como, de súpeto, a túa vida pode cambiar e verte abocado a coller unha maleta, fuxir a outro país e converterte nun refuxiado.
Pero, a parte da charla máis emotiva foi a testemuña que nos ofreceu Cristina, unha refuxiada provinte da cidade de Bucha, que escapou ao comezo da guerra pensando que ían ser uns días, que logo se converteron en meses e agora xa nun ano.
E por último, para que o alumnado tomase conciencia da necesidade de axuda humanitaria explicaron os actuais proxectos nos que traballan vinculados á compra de material médico necesario como impresoras 3D para a fabricación de próteses para os mutilados.
Dende o centro aportamos o noso gran de area a modo de axuda económica nas caixas situadas na Biblioteca Mario Pereira, na Conserxaría e en Secretaría.