Páxinas
31 maio, 2023
Premios Olimpíada 2023
30 maio, 2023
Roteiro polo Lalín da República e o Franquismo
Os rapaces e as rapazas de 4º da ESO están a piques de rematar os seus estudos obrigatorios, e algún e algunha deixarán o mundo académico para integrarse, de teren sorte, no laboral. As súas profesoras de Historia, Marta Otero e Alba Payo, pensaron que non debían acabar a súa formación obrigatoria sen coñeceren a historia das rúas polas que transitan, e tiveron a ben guialos pola zona urbana de Lalín para impartirlles unha clase de Historia diferente, fóra das aulas, mais na súa contorna, nos espazos que percorren día a día.
A seguir, a crónica de Alba Payo e unhas imaxes de Marta Otero:
Na Praza de Calvo Sotelo, hoxe Praza da Torre (popularmente Praza das Pipas) |
Na estatua de Joaquín Loriga |
No IES Laxeiro, antes Hospitalillo (habilitado como cárcere no Golpe de Estado e Guerra civil), logo Colexio Sagrado Corazón, Instituto Laboral e de Bacharelato Aller Ulloa |
No Museo Ramón Mª Aller Ulloa |
Nas casas baratas Leopoldo Sanmartín en Rosalía de Castro e Emilia Pardo Bazán |
Detrás do Pontillón e da casa que ocupa o lugar no que estaba o Cuartelillo da Brigadilla da garda civil |
Na contorna do CEIP Xesús Golmar, último alcalde republicano de Lalín e mestre represaliado
|
23 maio, 2023
Encontro con... Fernando Fernández
Francisco Fernández del Riego, autor homenaxeado este 17 de maio, foi un dos máximos responsables da fundación e posterior desenvolvemento da Editorial Galaxia, alá polo ano 1950. Ese 25 de xullo marcaría un antes e un despois na nosa literatura. Un longo e duro camiño para os nosos escritores, especialmente ata os anos 80; a partir de aquí as cousas cambian, a democracia e a oficialidade da nosa lingua propician un fervedoiro de escrita, publicacións, editoriais... E tamén un cambio na relación de "Don Paco" (como o coñecían os traballadores de Galaxia) coa xente da Editorial, máis centrado na Fundación Penzol. Pero nos últimos anos da súa vida volveu retomar ese contacto directo, esas visitas á xa nova sede da Editorial.
De todo isto, e do trato directo co Fernández del Riego home, foi do que nos falou onte Fernando Fernández González, traballador da Editorial Galaxia ata que a pandemia o animou a prexubilarse, para seguir sendo o que sempre foi, un autentico dinamizador cultural.
Mentres o alumnado non nos achega as súas recensións do encontro, deixámosvos unhas imaxes do mesmo.
22 maio, 2023
Entrega de premios Vitoria Taboada
Aroa Amorín, gañadora do 1º premio de poesía, entre Fernando, Xoán e Román. |
Espectadores de luxo para Xoán e Román: Fernando Fernández, Mario Pereira, a quen a Biblioteca debe o seu nome; e Servando Lois.
12 maio, 2023
X Concurso Literario Mª Vitoria Taboada : Veredicto e textos premiados
O xurado do X Concurso Literario Mª Vitoria Taboada acordou por unanimidade outorgar os seguintes premios:
1º premio na categoría de poesía para AROA AMORÍN NEGRO polo conxunto de poemas titulados, respectivamente, “Prométeme máis cousas”, “Namorei hai tempo” e “Moitas veces quixen que vivises”; por expresar con fermosa e resignada ironía os paradoxos do sentimento amoroso: desde o engano consentido ata a esperanza, malia o fracaso, pero pasando sempre pola perplexa e apaixonada inmersión nos seus labirintos.
Accésit na categoría de poesía para RAQUEL MONTOTO GÓMEZ polo conxunto de poemas titulados, respectivamente, “Un mundo sen min”, “Cinco liñas e catro espazos” e “Desesperación”; por ser exemplo salientable dunha poesía reflexiva que afronta con precisión a análise dunha experiencia humana universal: a loita entre as imposicións sociais e culturais e o desexo de liberdade individual.
1º premio na categoría de relato curto a MIGUEL SALGADO ABRÁLDES (pseudónimo) polo relato "Isto é", polo axeitado uso da sorpresa, humor e ironía para limar as diferenzas entre humanos e animais.
Accésit na categoría de relato curto para NOELIA IGLESIAS VÁZQUEZ polo relato titulado "O galego e eles", por reivindicar a tolerancia e a comprensión ante a diversidade de formas de ‘ser’ galegos.
O xurado considerou deixar deserto o premio de sketch teatral.
A edición do libro cos textos premiados estará acompañada de ilustracións que realizará o alumnado do Bacharelato de Artes e que presentaremos no seu momento.
A seguir os textos premiados (o cartel da portada é obra de Sara López Rodríguez):
Moitos parabéns!