31 maio, 2023

Premios Olimpíada 2023

Acaba o mes de maio e con el as celebracións do Mes das Letras Galegas e a Biblioteca Mario Pereira quixo poñerlle o ramo a estas actividades entregando os premios da XV Olimpíada do Saber: cartiños, libros, cadernos... E ata coroas de loureiro para o equipo clasificado en 1ª posición, o MVP´S de Fabio Fuentes, Pablo Pérez, Martiño Rivas e David Vila.

Pero o premio máis desexado, esa excursión de un día aos lugares que eles escollan, terá que esperar ata setembro, pois o mes de maio estivo repleto de actividades e o fin de curso botóusenos enriba.

Na imaxe, os tres equipos que acadaron o ouro, prata e bronce, cos seus agasallos.



30 maio, 2023

Roteiro polo Lalín da República e o Franquismo

Os rapaces e as rapazas de 4º da ESO están a piques de rematar os seus estudos obrigatorios, e algún e algunha deixarán o mundo académico para integrarse, de teren sorte, no laboral. As súas profesoras de Historia, Marta Otero e Alba Payo, pensaron que non debían acabar a súa formación obrigatoria sen coñeceren a historia das rúas polas que transitan, e tiveron a ben guialos pola zona urbana de Lalín para impartirlles unha clase de Historia diferente, fóra das aulas, mais na súa contorna, nos espazos que percorren día a día. 

A seguir, a crónica de Alba Payo e unhas imaxes de Marta Otero:

"O alumnado de 4º da ESO fixo unha saída pola nosa vila para coñecer os lugares da memoria histórica do Lalín da República e do Franquismo. Deste modo, descubriu o antigo rueiro da ditadura, comezando pola rúa que leva o nome do alcalde republicano executado, Manuel Ferreiro Panadeiro, ou o porqué do nome do CEIP Xesús Golmar, mestre inhabilitado para o ensino. 
Tamén puido comprobar os vestixios da ditadura, cos símbolos de Falanxe, que aínda se poden ver na fonte de Lalín de Arriba e na varanda de pedra do Parque de Loriga.  
Desde alí, continuou polo Hospitalillo que funcionou como cárcere co golpe de estado, e o lugar onde estaba a Brigadilla que perseguía o maquis e torturaba prisioneiros políticos. 
Finalmente, chegou ata o edificio que foi a Casa da República e visitou as Casas Baratas, vivendas de promoción oficial do réxime."

 Na Praza de Calvo Sotelo, hoxe Praza da Torre (popularmente Praza das Pipas)


Na estatua de Joaquín Loriga


No IES Laxeiro, antes Hospitalillo (habilitado como cárcere no Golpe de Estado e Guerra civil), logo Colexio Sagrado Corazón, Instituto Laboral e de Bacharelato Aller Ulloa

No Museo Ramón Mª Aller Ulloa





































 







Nas casas baratas Leopoldo Sanmartín en Rosalía de Castro e Emilia Pardo Bazán


Detrás do Pontillón e da casa que ocupa o lugar no que estaba o Cuartelillo da Brigadilla da garda civil
Na contorna do CEIP Xesús Golmar, último alcalde republicano de Lalín e mestre represaliado

 



23 maio, 2023

Encontro con... Fernando Fernández

Francisco Fernández del Riego, autor homenaxeado este 17 de maio, foi un dos máximos responsables da fundación e posterior desenvolvemento da Editorial Galaxia, alá polo ano 1950. Ese 25 de xullo marcaría un antes e un despois na nosa literatura. Un longo e duro camiño para os nosos escritores, especialmente ata os anos 80; a partir de aquí as cousas cambian, a democracia e a oficialidade da nosa lingua propician un fervedoiro de escrita, publicacións, editoriais... E tamén un cambio na relación de "Don Paco" (como o coñecían os traballadores de Galaxia) coa xente da Editorial, máis centrado na Fundación Penzol. Pero nos últimos anos da súa vida volveu retomar ese contacto directo, esas visitas á xa nova sede da Editorial.

De todo isto, e do trato directo co Fernández del Riego home, foi do que nos falou onte Fernando Fernández González, traballador da Editorial Galaxia ata que a pandemia o animou a prexubilarse, para seguir sendo o que sempre foi, un autentico dinamizador cultural.

Mentres o alumnado non nos achega as súas recensións do encontro, deixámosvos unhas imaxes do mesmo.







22 maio, 2023

Entrega de premios Vitoria Taboada

As gañadoras xa teñen a súa recompensa, e dicimos gañadoras porque dos catro premiados só as tres mozas puideron acudir, en persoa, a recoller o seu galardón. 
Libres xa de pandemias, recuperamos o acto festivo para a entrega de premios do X Concurso literario Mª Vitoria Taboada, con música para lembrar a nosa benquerida compañeira, e da man de Clarinet Brass gozamos de "Negra Sombra" e "Lela" interpretadas ao óboe e bombardino por Román Meijomín Procino e Xoán Lois Fernández.
Dous dos nosos voluntarios de Biblioteca, Breixo López Blanco e Manuel Rodríguez Varela foron os presentadores desta edición, na que contamos para a entrega con Fernando Fernández González, traballador da Editorial Galaxia e bo coñecedor da figura de Francisco Fernández Del Riego.
A seguir, imaxes deste acto que encadramos dentro das actividades para conmemorar as LETRAS GALEGAS 2023

  Aroa Amorín, gañadora do 1º premio de poesía, entre Fernando, Xoán e Román.
                 
                            O accésit na modalidade de narrativa recaeu en Noelia Iglesias.

                                            Raquel Montoto fíxose co accésit en poesía

Espectadores de luxo para Xoán e Román: Fernando Fernández, Mario Pereira, a quen a Biblioteca debe o seu nome; e Servando Lois.

                   Breixo e Manuel durante a presentación do acto de entrega de premios.

12 maio, 2023

X Concurso Literario Mª Vitoria Taboada : Veredicto e textos premiados

O xurado do X Concurso Literario Mª Vitoria Taboada acordou por unanimidade outorgar os seguintes premios:

1º premio na categoría de poesía para AROA AMORÍN NEGRO polo conxunto de poemas titulados, respectivamente, “Prométeme máis cousas”, “Namorei hai tempo” e “Moitas veces quixen que vivises”; por expresar con fermosa e resignada ironía os paradoxos do sentimento amoroso: desde o engano consentido ata a esperanza, malia o fracaso, pero pasando sempre pola perplexa e apaixonada inmersión nos seus labirintos.

Accésit na categoría de poesía para RAQUEL MONTOTO GÓMEZ polo conxunto de poemas titulados, respectivamente, “Un mundo sen min”, “Cinco liñas e catro espazos” e “Desesperación”; por ser exemplo salientable dunha poesía reflexiva que afronta con precisión a análise dunha experiencia humana universal: a loita entre as imposicións sociais e culturais e o desexo de liberdade individual.

1º premio na categoría de relato curto a MIGUEL SALGADO ABRÁLDES (pseudónimo) polo relato "Isto é", polo axeitado uso da sorpresa, humor e ironía para limar as diferenzas entre humanos e animais.

Accésit na categoría de relato curto para NOELIA IGLESIAS VÁZQUEZ polo relato titulado "O galego e eles", por reivindicar a tolerancia e a comprensión ante a diversidade de formas de ‘ser’ galegos.

O xurado considerou deixar deserto o premio de sketch teatral.

A entrega de premios terá lugar na Biblioteca do instituto o luns 22 de maio nun acto poético-musical.

A edición do libro cos textos premiados estará acompañada de ilustracións que realizará o alumnado do Bacharelato de Artes e que presentaremos no seu momento.

A seguir os textos premiados (o cartel da portada é obra de Sara López Rodríguez):

Moitos parabéns!