Páxinas

12 decembro, 2023

Ruta de sendeirismo polos bosques de ribeira de Deza

O Departamento de Educación Física optou esta semana por facer deporte ao aire libre (que mellor opción?), así que convidou o alumnado de 3º ESO a participar nunha ruta de sendeirismo polos bosques de ribeira dos ríos Deza, Asneiro e Santa Lucía: pontes romanas, ou colgantes, estreitas pasarelas, pequenas fervenzas, congostras ou anchas ribeiras polas que camiñar, seguindo o curso dos ríos e observando os muíños que, nalgún tempo, traballaron arreo.

Mais, á hora de organizar esta saída escolar, non só se pensou na actividade física, senón tamén na necesidade que teñen os nosos rapaces de coñeceren a fauna e flora que habita arredor dos ríos, así que a segunda parte da travesía transcorreu por bosques de frondosas na Borralla, fermosas carballeiras que no outono cobren o seu chan de follas amarelas e acastañadas. Á beira dos carballos, bidueiros xa espidos, pero coa inconfundible tona abrancazada; edras, fentos e fentas, musgos, liques, e algunha silva de cando en vez.

De seguro que os rapaces agradeceron a Borja Costoya e Xavier Montoto cambiar o frío pavillón (ao que, ironías da vida, non chega a calefacción de biomasa) por esas frescas ribeiras das concas fluvias de Deza.










Fotografías: Borja Costoya

Ningún comentario:

Publicar un comentario