Cada 30 de xaneiro, coincidindo co día do nacemento de Castelao, celébrase o Día da ilustración, evento que se vén desenvolvendo a iniciativa da Consellaría de Cultura, Educación e Universidade en colaboración coa Asociación Galega de Profesionais da Ilustración (AGPI).
Neste 2024, o Día da Ilustración está dedicado á figura de Xesús “Chichi” Campos, que deixou fonda pegada como debuxante, humorista, columnista e guionista. A este respecto, desde A Marela recomendamos o documental Chichi Campos e mais eu, realizado polo seu fillo Nico Campos, e o vídeo-homenaxe Día da Ilustración 2024: Xesús (Chichi) Campos, produción da AGPI e da Dirección Xeral de Cultura da Xunta de Galicia.
E a fin de conmemorar tal Día da Ilustración o alumnado de 4º da ESO e de 2º do Bacharelato, partindo dunha idea orixinal da profesora Mª Carmen Frade Gómez e coordinado pola propia Carmen e a profesora Uxía Nogueira, en colaboración coa Biblioteca, desenvolveu como actividade complementar As nosas cousas, creación baseada no libro de relatos Cousas de Castelao, que deu como resultado a exposición das diferentes propostas das e dos 145 alumnas e alumnos que conforman os dous cursos, que se poderá ver desde o 29 de xaneiro, na entrada do IES; así como a edición dixital e en papel dunha antoloxía dos diferentes relatos ilustrados.
A seguir fotos da exposición:
E non podía faltar o libro dixital como ramo ao Día Ilustración:
Ningún comentario:
Publicar un comentario