Páxinas

29 febreiro, 2024

Microtoponimia de Lalín

 

Este mércores 28 o profesor Xoán Carlos García Porral trasladouse ata o noso centro para explicarnos algunhas cuestións básicas sobre a  toponimia do concello de Lalín.

Deste xeito, o alumnado de 2º de ESO,  achegouse á orixe dos microtopónimos, a súa clasificación e o seu valor como patrimonio inmaterial e elemento identitario. Zootopónimos, antrotopónimos, orotopónimos, hidrotópónimos... que se van perdendo cos cambios socioeconómicos que estamos a vivir: dos estragos da Concentración Parcelaria ás desfeitas dos eólicos. Nomes de leiras e camiños que nos axudaba a comprender a historia recente da nosa contorna e que, inexorablemente, se van esquecendo.

A actividade enmárcase dentro do Proxecto da biblioteca "Lalín, a vila das mil vacas", coordinado pola profesora Carmen Frade e co que este alumnado estivo a traballar a relación da toponimia lalinense coa actividade agropecuaria.







25 febreiro, 2024

Un modelo de guía de lectura, por Payo.

O vindeiro martes 27 estará connosco, de novo, PAYO, Xosé Payo Cangado, coordinador do equipo da Biblioteca Mario Pereira nestes últimos anos. Agora xa con máis "vagar", como a el lle gusta dicir, volverá por uns momentiños á docencia, para que os medianos dos clubs de lectura, os Tarabelos I, de 3ºde ESO aprendan con el a facer crítica literaria.

Dentro do proxecto "Lalín, a vila das 1.000 vacas", este alumnado estivo facendo a lectura de diversas obras relacionadas coa gandaría e os traballos do agro. Agora toca elaborar as críticas e recomendacións para o resto de lectores da nosa comunidade educativa, e para aprendermos a facelo ben botamos man da persoa que  se encargou da maior parte das Guías de lectura d'A Marela. 

Recordade, o vindeiro martes 27 de febreiro, ás 12:10 h na Biblioteca do IES Ramón Mª Aller Ulloa.







23 febreiro, 2024

23 F: Rosalía no pentagrama

Moitos son os músicos que, desde hai anos, veñen elixindo textos de Rosalía para ser musicados e interpretados de xeito individual ou grupal.

Desde compositores clásicos coma Xoán Montes e a súa “Negra sombra” ou Xosé Baldomir con “Ti onte, mañán eu” ou “Maio longo” a outros contemporáneos coma Prudencio Romo, Juan Ramos, Octavio Vázquez, Juan Durán…, chegando aos traballos máis experimentalistas de Aid, Narf, 12pros, Adhara…

ROSALÍA DE CASTRO é, sen dúbida, a poeta máis musicada da nosa literatura seguida de Celso Emilio Ferreiro e, a ela, vai hoxe dedicada a nosa escolma “ROSALÍA NO PENTAGRAMA”, unha compilación de poemas interpretados por músicos do país pero tamén foráneos coma a castellonenca Lia Pamina, o grupo catalán Val das Mouras, a palestina Najla Shami… e sen esquecer ao leonés Amancio Prada.

Desde Luis Emilio Batallán Rosalía viaxa por diferentes estilos e ritmos. Orquestras coma Los Satélites, Los Tamara, a universal Ana Kiro, a Charleston Big Ban coa súa versión merengue de “Adiós ríos, adiós fontes” ou a copla da sevillana Antoñita Moreno na súa particular “Negra Sombra”

Rosalía roqueira nas versións de Astarot, Kastomä, irreverente e provocadora nas voces de Poetarras.

Rosalía clásica da man de tenores coma Joaquín Pérez Fuertes, a soprano Cristina Gallardo Domâs ou grupos coma Taupada Vocal. Absoluta protagonista de moitas das producións poético-musicais do compositor e pianista Abe Rábade.

Rosalía cosmopolita na “Negra Sombra” de Inés Carreño a ritmo de jazz, con sonoridades africanas e brasileiras nos discos de Najla Shami, de bossa nova co grupo Lúa descolorida e do reagge coa cantante Adhara quen tamén experimenta coa Rosalía punk.

Sempre unida á terra, á nosa música tradicional, música celta, folk con agrupacións coma Xacaloma, Os d´abaixo, Acordereita, Luar na Lubre… e, por suposto, os gaiteiros Carlos Núñez e Xosé Manuel Budiño.

Rosalía muda en rapeira e intérprete de hip-hop con Aid e coquetea co indie-pop d’Os Peregrinos e ata participa no cover de “Castellanos de Castilla” coa Rosalía de “Malamente”.

Pero hai tamén unha Rosalía infantil que, a través da voz de Uxía Senlle, dirixe o seu canto a todas as nenas e a todos os nenos do país.



E si, cantar cantaches… e a “grasia” foi moita!

FELIZ ANIVERSARIO, ROSALÍA!

 

Alumnado de 4º ESO


Despois desta detallada explicación de Carmen Frade, ideóloga e coordinadora da actividade,  só vos queda visitar a exposición in situ, no vestíbulo do IES Ramón Mª Aller Ulloa, e comprobar a selección de cancións baseadas en poemas da autora homenaxeada.













22 febreiro, 2024

21 F: Día da Lingua Materna

Como nos dicían xa hai uns anos desde a Ctnl (Coordinadora de traballadores/as de Normalización da lingua) as linguas suman.

Eran outros tempos, mais a situación non cambiou moito: parece que as linguas se seguen a usar como armas arreboladizas á máis mínima oportunidade. E para demostrar que as diferentes falas só nos serven para entendernos mellor, aceptamos o reto de María Jesús Barcala e celebramos o Día Internacional da Lingua Materna desde Radio Marela.

No podcast podedes escoitar o que Alice, Angélica, Giada e Jade, opinan sobre a súa estancia en Lalín. Cada unha delas, xunto con Uxía Nogueira, exprésanse na súa lingua materna, amosando así esa "diversidade cultural e lingüística" da que nos fala a Unesco na celebración deste ano. Lástima que o sardo xa non sexa a lingua materna de ningunha destas catro mozas, aínda que si é lingua habitual dalgúns de seus avós.

Aproveitamos a ocasión para agradecer a Paula Gómez, coordinadora da Sección española en Selargius, a oportunidade que nos brindou, ofrecendo ás familias do IES Ramón Mª Aller Ulloa a posibilidade de exercer como familias de acollida neste Programa Erasmus.





21 febreiro, 2024

XI Concurso Literario Mª Vitoria Taboada de poesía, relato curto e sketch teatral

O Instituto Ramón Mª Aller Ulloa convoca o XI Concurso Literario MªVitoria Taboada de poesía, relato curto e sketch teatral, dirixido ao alumnado de ensino secundario, ciclos formativos de grao medio e FPB matriculados en centros da Comunidade Autónoma de Galicia. 


O cartel da convocatoria é obra de Pedro Alonso Cascallana, profesor de Deseño no noso IES.

A seguir as bases da convocatoria

 

17 febreiro, 2024

Coa nosa xente : Lucía Martín Cacheda

Ao fío do seu traballo de investigación no marco da tese doutoral na Misión Biolóxica de Galicia (MBG) titulada Especifidade na comunicación química entre plantas en resposta á herbívora e á infección por patóxenos e da realización dun vídeo didáctico para o concurso “Yo investigo. Yo soy CSIC”, que xa vai pola súa quinta edición, traemos hoxe á sección Coa nosa xente a bióloga Lucía Martín Cacheda.

Foto cedida a La Voz de Galicia

Temos que facer ciencia na casa, aportar aquí os coñecementos para que o país medre. Desta maneira tan explícita Lucía declara en entrevista a La Voz de Galicia o seu desexo de facer investigación en Galicia como contribución ao desenvolvemento da mesma.

Canto ao experimento, resume o mesmo no traballo de comprobar se a exposición artificial de plantas de pataca aos compostos volátiles que estas utilizan para comunicarse inflúe na súa resistencia a pragas, engadindo que é importante desenvolver produtos de uso agrícola que sexan sostibles a nivel medioambiental, e que permitan reducir a aplicación de pesticidas químicos.

A seguir podedes ver o vídeo A lingua das patacas que Lucía presentou á V Edición Yo investigo. Yo soy CSIC, que nestes momentos se acha en fase de votación.

 

Moitos parabéns e moito ánimo, Lucía

A seguir a nosa Lucía cando o 2º do Bacharelato: 

Lucía no curso de 2º Bac. 2010-11. Copyright IES Aller Ulloa