Páxinas

21 xuño, 2024

Xuntanza dos clubs de lectura

Como actividade final dos clubs de lectura, o CEIP Xesús Golmar invitounos ás súas instalacións, ben coñecidas para a maior parte do noso alumnado.

A primeiras horas da mañá, o club de 6º de EP recibiu os estudantes do 1º ciclo do IES, que tiveron que adiviñar que contiña a "Caixa do Misterio de Portomarín". Na súa Biblioteca Neira Vilas, explicáronnos que cada vez que len unha obra meten un obxecto dentro desa caixa, algo que garde relación coa obra lida. Aos poucos, os lectores do Aller Ulloa foron adiviñando que dentro da caixa estaban desde o coche no que viaxaran os nenos a Portomarín ata o sol que asociaban ás vacacións de verán. Logo compartiron experiencias dos clubs de lectura e acordaron que o curso vindeiro seguirán a ler.

Máis tarde foi a quenda dos lectores de 4º de ESO, que grazas ao préstamo da Biblioteca municipal Varela Jácome, puideron ler e dramatizar 16 historias diferentes ao alumnado de Educación Infantil do colexio. Pero os lectores non estaban sós: entraron á aula de psicomotricidade comandados por unha tamborileira á que seguían, tal ratiños de Hamelin, os alumnos do Bacharelato de Artes, para amenizar a lectura con globoflexia, papiroflexia e debuxos sobre globos.

Dámoslles as grazas ás profesoras do CEIP Xesús Golmar, que nos invitaron e fixeron posible a actividade. E collémolas da palabra e repetiremos a principios do curso 24-25.  A ver se daquela o tempo nos deixa baixar ao parque do Pontiñas e ler ao aire libre.

A seguir algunhas imaxes da actividade.

































Ningún comentario:

Publicar un comentario