Páxinas

30 outubro, 2008

Arqueoloxía literaria. "Talego", de Xosé Ballesteros

Publicada en 1993 e galardoada co "Premio García Barros", Talego é unha estupenda novela centrada no mundo da drogadicción e das cárceres. Testemuña dunha época na que as drogas arrasaban entre a xuventude das clases medias, sen pretensións impertinentes, é unha historia directa e concisa, que fai da axilidade narrativa e do controlado e variado recurso ao argot correspondente os seus mellores recursos.

Dividida en dúas partes, céntrase a primeira na desesperada fuxida dun drogadicto tras cometer un roubo nun banco. O relato presta atención tanto ás necesidades físicas que provoca no protagonista o mono, como ás reaccións de rexeitamento que suscita naqueles a quen pide axuda.

A segunda parte sitúase no interior dun cárcere; alí, un colega do personaxe protagonista da primeira parte vén de ingresar por posible colaboración con el. A perspectiva subxectiva da narración dá conta agora das sensacións no interior dun inframundo que parece non ter maior función social que a de dexenerar aínda máis aos presos.

Pola súa atención á linguaxe, pola súa pericia narrativa e pola súa acertada exposición do mundo da drogadicción e dos cárceres, con precisos achegamentos as reacción humanas máis básicas nesas circunstancias e sutís lategazos de crítica social, esta novela de vai xa quince anos merece ser rescatada do fondo dos nosos andeis e ser situada en primeira liña de lectura.

Ningún comentario:

Publicar un comentario