Páxinas

13 febreiro, 2010

Á venda as camisolas de ANirmau'10

Mantendo a vella tradición, establecida hai un ano, ANirmau (o noso festival de cine de animación) presentou as camisolas deste ano deseñadas polo pintor cambadés, Sebas Anxo.

O beneficio da súa venda será destinado a sufragar parte dos gastos que supón o intercambio cun instituto francés. A pesar de que a austerocracia (ou austerocretinicia, ou austerodecretacia, ou simplemente, a estupidez) suprimiu as axudas para estes intercambios e a recadación de fondos é máis que nunca necesaria, as camisolas seguen mantendo o mesmo prezo.

Polo demais, nós, que xa eramos austeros de antes, tiñamos programada unha modesta campaña de difusión do Festival, pero non nos foi posíbel mantermos a discreción. A repercusión do primeiro e diversas filtracións sobre o programa de arredor das 300 páxinas que está ultimando Severiano Casalderrey atopou un eco (cremos que interesado) en diversas compañías que deseñaron unha campaña de promoción internacional.

Comprobádeo no "issuu" de aquí abaixo e dicide se non temos razóns abondo para sentirnos superados. Así e todo, confiamos en estar á altura. A nosa confianza en Severiano é absoluta.

12 febreiro, 2010

LerENvenres (IX): "Das cousas de Ramón Lamote", de Paco Martín

-->
De cando en vez, volvo ás cousas de Ramón Lamote. E xa non é só polo moito que me gostan as súas peripecias, senón porque me reenvían de forma directa, e sen pretendelo, ao pasado. Tanto máis pasado, canto máis avanzo cara o futuro, de aí que estas pontes coa nenez teñan bastante de mecanismos inconscientes de supervivencia. Supoño.

Lamote apareceu no ano 85, tras recibir o Barco de Vapor no 84, e no 86 déronlle a Martín o Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil. Eso é ben sabido. Un dos seus primeiros encontros con alumnado tivo lugar no Quiroga Palacios de Santiago, onde, e isto é aínda menos sabido, un rapaz de 11 anos preguntoulle que sentiría se quedase manco e non puidese volver escribir.

A inspiración de semellante ocorrencia debeu ser, a ben seguro, a probable lectura que andaba a facer por aquel tempo dunha biografía de Cervantes en Historias-Selección de Bruguera. Tamén é certo que se doña Carmen non animara á participación co caramelo de subir a nota a quen preguntase algo en galego, Paco Martín non tivera que quedar tan pampo como quedou ante pregunta tan comprometedora. Tamén é certo que fixen outras máis atinadas. Espero.

Recordo o libro polo que me gustou, pero tamén por ter a oportunidade de coñecer ao autor, e esta evidencia, polo menos para min, non deixa de ser, na actualidade, unha forza valorizadora dos encontros que se organizan entre escritores e nenos. E recórdoo tamén porque foi o primeiro libro enteiro que lin en galego, o que tamén fala de certa, aínda que pareza incrible nestes tempos, función normalizadora da escola á hora de lles abrir aos rapaces as incontables portas da cultura. E fun obrigado a elo; ata agora, non teño noticia de ter sufrido trauma algún.

Polo demais, teño distintos e variados recordos do libro (as ilustracións de Xoán Balboa, xente case toda co rostro virado cara o aire; a inserción de tipografías e grafías diversas; a páxina en blanco para resolver un problema matemático...), aínda que o máis importante deles é un que, ao reler o libro, deixa de ser o recordo dun asombro para se converter na constatación dun valor literario. 

Teño para min que Das cousas de Ramón Lamote e un texto esencial porque exemplifica a perfección o que debe ser un correcto uso literario da fantasía. Hai xente que confunde fantasía con tolería, cando no único que coinciden é na rima. A tolería literaria pode funcionar no instante mesmo da lectura, pero apágase, morre, cando un cerra o libro tras o rematar. A fantasía, se non afunde a súa raíz na realidade, deixa de pertencer ao ámbito dos nosos intereses e queda, por tanto, desligada de nós. Esto é, dende logo, unha moi persoal aposta literaria, pero, cando hoxe en día leo a Ramón Lamote, o que percibo de verdade é que o Reparante, a corrida de nubes e o enorme tubo na porta da casa, gozan dunha vixencia de tantos anos gracias a persistente ironía e crítica que recorre todo o texto: todos eses nosos conxéneres que por desatinos do destino teñen un carguiño ou uns millóns de máis ou menos, pasan a se converter, por mor do seu comportamento, en seres de fantasía tan fantásticos como o mesmo Reparante. 

Aí foi onde Paco Martín tocou a tecla da pervivencia literaria.

C.M.

10 febreiro, 2010

Amor no que tendemos

Hai un par de anos, por febreiro, tivemos a feliz iniciativa de desenvolver unha actividade que nos mostrara Carme Loriga.

Van  tres persoas  que fedellando neste blog deron coa entrada e advetíronnos de que aqueles enlaces non funcionan. É certo. O servidor que utilizaramos vai nas vinchas.

Por iso, para aquelas tres e cantas queiran, aquí tedes esa pequena antoloxía de poemas de amor. Foi feita polo equipo da biblioteca, sen máis criterio de que había algúen ao que lle gustaba un poema e lle parecía que lle podería gustar a algún alumno ou alumna. 

Tan simple! (Engadide, tamén, esta preciosidade.)

07 febreiro, 2010

Unha recomendación: Pablo Carpintero, "Os instrumentos musicais na tradición galega"

Moncho Failde, gaiteiro de sona dende Cabo do Mundo ata Bretaña, deixou nota no noso caderno de suxestións da necesidade de mercar Os instrumentos musicais na tradición galega, unha obra de Pablo Carpintero.

A Pablo Carpintero debiámoslle unha entrada nesta tarabela dende hai tempo, pois estivo connosco o curso pasado dando un repaso a moitos instrumentos tradicionais. A preguiza e as présas son tan malas conselleiras que fixeron que Pablo quedase sen o seu ben merecido recordo. Agora, ao ler este libro, xa non hai escusa.

Merquei o libro o sábado pola mañá e levo toda a fin de semana con el, para adiante e para atrás, mirando e remirando as ilustracións de Xoán Ramón Marín Martínez, as fotos curiosas, e lendo e relendo o texto de Carpintero. Non esaxero se digo que a súa publicación me parece un acontecemento cultural de primeira magnitude e, xa que logo, unha referencia bibliográfica imprescindible en calquera das nosas bibliotecas.

Trátase dunha auténtica enciclopedia dos instrumentos musicais da tradición galega, nz que quedan clasificados, explicados, historiados, referenciados, debuxados e fotografados. Unha obra científica que rescata definitivamente da pura curiosidade e do ruralismo o resultado de centos de anos de creatividade nesta terra, para situala no ámbito que lle corresponde: o da cultura. Isto é, o ámbito da musicoloxía, da historia, da filoloxía, da física, da antropoloxía... Terreos propios dun ser humano que, na procura de dar saída a unha das nosas necesidades máis esenciais (facer música), activa tódalas súas habilidades para facer dun soño unha realidade.

Cando Pablo estivo connosco, tocou varios dos instrumentos que veño de ver tratados no seu libro. Aquí tedes varios vídeos que recollen varios momentos de aquel concerto-explicación. Disfrutade con eles e pensade que disfrutaredes aínda máis podendo consultar o seu libro.

Folla

Corno de cabra


Gaita de alcacén


Pito


Trompa



Rabel

05 febreiro, 2010

LerENvenres (VIII): a Lingüística Românica de Lausberg

-->
Na que vai, xa non estou tan seguro de que isto de recuperarmos lecturas “permanentes” sexa unha boa idea. Véñanme á cabeza ou póñame a buscalas nos andeis, o certo é que, moi a miúdo, recuperalas arréame un subelazo de saudades no peito que me deixa abaneando.

De todas as miñas relecturas esta é a máis estraña. Cando a collín o verán pasado por unha casualidade, non gardaba a idea de que a mallara con tanta intensidade como evidenciaban os abundantes subliñados e anotacións na marxes. Uns e outras delatan que, no seu momento, lle dediquei moitas horas laboriosas polas dificultades de comprensión e as obrigas de memorización.

Retomada, como digo, o verán pasado, sorprendinme léndoa con toda fluidez e deleite. Lina (aquí non se pode dicir que a volvín ler) coma se dunha novela de protagonista colectivo se tratase. As idas e voltas dos fonemas (que simpáticas me resultan agora as súas transcricións!), as voltas e reviravoltas dos pronomes (que chistoso me parece agora iso de acusativo por aquí e dativo por acolá), as reviravoltas e pinchacarneiros dos tempos e modos verbais (que familiares me andan subxuntivos e antepretéritos!)  aparécenseme como personaxes dunha colosal e ensarillada trama argumental que se desvela no final apoteótico que dá lugar ao nacemento dos romances.

Sen a obriga de examinarme, simple lectura de pracer, mesmo me parei a saborear a letra minúscula con que eu anotara naqueles tempos de fatiga universitaria. E de todas as anotacións e subliñados hai un fragmento que esquecera totalmente e que me chamou a atención.

Que raio me impulsaría a marcalo con tanta intensidade?

Sería que (lédeo sen mirar a tradución das tradutoras ao portugués do señor Lausberg) eran tempos en que andaba fascinado coa caravana de Hugo Ball e demais tropa dadá?
Ou sería que daquela eu xa intuía que as vacas son boa xente?

Trátase dun texto en franco-provenzal [INSISTO: lédeo varias veces en voz alta antes de mirardes a tradución, que podedes consultar pasando o rato por riba da mancha negra]


(Vaca, vaca, ao mugimento! / Vinde todas, / Pequenas, grandes, / Brancas, pretas / Vermelhas, manchadas, / Vaca, vaca, ao mugimento!)

Que cousas se aprenden!

03 febreiro, 2010

Necesaria Anisia

Moi de cando en vez, catalogar un libro prodúceme un estremecemento. Este é o caso.

Homenaxe a Anisia Miranda distribuíuse o sábado pasado no auditorio de Vila de Cruces, despois do acto celebrado na súa memoria.

Co libro nas mans, renovo as palabras de amor feroz con que Mini e Mero introduciron as tres pezas que lle serviron á Quenlla para abrir o acto e vólvome erguer en compañía dun auditorio ateigado para ovacionar longamente, como eu nunca vira, a Neira Vilas tras pronunciar os agradecementos que o clausuraron. “Xuntos” foi a palabra que -anáfora nunca gastada- estruturou o seu discurso, xuntos Xosé Neira e Anisia.

O libro, coordinado por Valentín García, é un agasallo póstumo da propia Anisia: un percorrido pola súa biografía e unha selección de textos seus.

Ao longo da xeografía central da nación errante (Bos Aires – A Habana – A Terra), Anisia empeñouse en activar a lectura, dirixíndose especialmente á xente máis nova. Fundadora da distribuidora Follas Novas na Arxentina, man dereita de Alejo Carpentier na Editorial Nacional cubana, directora e redactora (ás veces única) de revistas infantís..., autora en castelán e galego, Anisia segue, aquí, necesaria.

Ninguén, entre os nosos, dedicou tanto tempo e talento á animación á lectura. Ninguén entre os nosos (e aínda somos ben deles con ben empeño, meus fozabibliotecas!), poderá construír unha biblioteca como a de Gres:

A casa do Romano comezou a reconstruírse co propósito de que nela se instalase unha biblioteca pública /.../
A nova da futura biblioteca espallouse na prensa e pola comarca do Ulla, e os comentarios eran: Unha biblioteca en Gres! Coido que sen malicia ningunha, ninguén o cría posible.
Tiñamos decidido que o que fora sobrado –dormitorio común da familia- destinaríase a sala de lectura para adultos, a dos nenos e adolescentes radicaría na que tiña sido corte da única vaca” (de Biblioteca na aldea in A Nosa Terra, Vigo, 1997)

Pois si, aí a está, na corte da única vaca, desa única vaca que nós, os da Marela Tarabela, escollemos para que nos tutelase e nos chuzase co fin de seguirmos buscando nas pegadas da sempre necesaria Anisia.